O Psedg censura o “desprezo ao traballo, aos conflitos laborais e aos dereitos dos traballadores” por parte da Xerencia das áreas sanitarias de Ourense, Verín e O Barco

A deputada ourensá socialista Carmen Rodriguez Dacosta vén de urxir á Xunta que negocie cos representantes da Xunta de Persoal do distrito sanitario de Ourense para acadar un acordo sobre as reivindicacións das traballadoras e traballadores e evitar así a folga convocada para principios do mes de abril. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia neste sentido.

“Desprezo ao traballo, aos conflitos laborais e aos dereitos adquiridos é a resposta da Xerencia das áreas sanitarias de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ao incesante traballo do persoal que estivo a máis do cen por cento das súas capacidades e traballando baixo unha presión psicolóxica inimaxinable durante estes dous anos de pandemia”, denunciou a dirixente socialista.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ante o que cualifican “maltrato continuado” por parte da Dirección do Sergas no distrito sanitario de Ourense e “dado que non hai visos de resolver esta preocupante situación”, alertou a socialista, a Xunta de Persoal comezará, a partir do día 6 de abril, unha folga con paróns de dúas horas de duración en quendas de mañá e tarde.

Esta convócase, incidiu Rodríguez Dacosta, “pola incompetencia na xestión dos recursos humanos e ante a negativa de negociar ningunha mellora para as e os profesionais que traballan tanto na Atención Hospitalaria como na Atención Primaria de Ourense”.

Por todo isto, a responsable socialista pediu ao Sergas que ofreza estabilidade na contratación aos cadros de persoal e que manteña os dereitos adquiridos nas vacacións e permisos de libre disposición por parte das traballadoras e traballadoras. Por último, urxiu a resolver os conflitos laborais existentes tanto no servizo de Urxencias como no de Medicina Interna, xa que ámbolos dous “veñen prologándose durante meses no tempo”.