Reunión das comisións de seguimento dos convenios para puntos limpos e servizos municipais de limpeza xestionados pola Deputación

Reunión da Comisión de seguimento de Puntos Limpos na provincia de Ourense. Preside Pablo Pérez (Deputado Provincia) acompañado polos técnicos da Deputación Ourense responsables da Area.

A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu esta mañá as reunións ordinarias de cinco comisións de seguimento, vixilancia e control dos convenios de cooperación para puntos limpos intermunicipais e servizos municipais de limpeza xestionados, en réxime delegado, pola Deputación de Ourense. 

O deputado Pablo Pérez presidiu as comisións referidas aos convenios que mantén a Deputación coa Mancomunidades de Verín; co Concello de Vilar de Santos; e coa Mancomunidade de Conso Frieiras e os concellos de Viana e A Mezquita para xestionar estes tres servizos intermunicipais de punto limpo. Ademais, esta mesma mañá celebráronse as comisións de seguimento dos convenios entre Deputación e os concellos de Viana do Bolo e Carballeda de Valdeorras, para a prestación por parte da institución provincial do servizo de limpeza viaria en ambos concellos. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Estes encontros de traballo convócanse de xeito anual para informar do estado de execución dos convenios e de posibles incidencias. En cada unha das reunións celebradas esta mañá, que contaron coa participación telemática dos representantes das entidades municipais e mancomunidades, aprobouse a acta da reunión anterior e deuse conta tanto do informe de xestión e a liquidación do 2021 coma da proposta de ingresos e gastos para o ano 2022.