A Deputación convertirá a vella estación de tren de Paderne de Allariz nun centro de transformación de produtos do sector primario

Manuel Baltar resalta o potencial deste proxecto, liderado polo Inorde, para “transformar a economía produtiva da provincia” dende unha óptica innovadora e sostible, encaixándose na estratexia de captación de fondos europeos da Deputación de Ourense

A xerente do Inorde, Emma González, destaca o obxectivo da loita contra a despoboación a través de iniciativas que buscan a dinamización do rural apoiándose na “reagrarización e a posta en valor dos produtos locais”

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación achegará preto de 250.000 euros para a primeira fase deste proxecto, que pretende erixirse coma unha ferramenta de cambio para os pequenos produtores e emprendedores do rural, identificando novos cultivos e actividades económicas dentro do circuíto curto de comercialización

 O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo coa xerente do Inorde, Emma González, no que abordaron diferentes iniciativas que prepara este organismo dependente da institución provincial. Unha das accións analizadas e que asumirá a Deputación, a través do Inorde, será impulsar a conversión da vella estación de tren de Cantoña, en Paderne de Allariz, nun centro de transformación de produtos do sector primario. 

A iniciativa do Inorde aspira a ser unha ferramenta de innovación para os pequenos produtores e emprendedores do rural ourensán, fomentando o desenvolvemento socioeconómico da provincia en base a produción de elevado valor engadido para circuítos comerciais de proximidade, permitindo identificar novas actividades económicas e potenciar novos cultivos. Todo dentro da estratexia de captación de fondos europeos marcada pola Deputación de Ourense para transformar a provincia e combater o reto demográfico, dende un enfoque sostible e innovador, compatible coa paisaxe e o respecto pola biodiversidade.

Manuel Baltar destacou o traballo realizado por Rosendo Fernández e Emma González no Inorde, con iniciativas coma esta, que “interpretan perfectamente a filosofía deste organismo actuando nun piar estratéxico para nós, como é o sector primario. Este proxecto aspira a converter a estación de tren -mantida polo Inorde dentro do convenio con ADIF- nunha planta de procesado dos nosos produtos, dentro dunha acción transformadora da economía produtiva da provincia”. 

A xerente do Inorde reforza o potencial transformador deste proxecto dentro do sector primario ourensán, unha liña de traballo vital contra a despoboación: “Esta é unha das prioridades marcadas pola Deputación no día a día do Inorde. E este proxecto é unha actuación transformadora que pode contribuír á reagrarización e a posta en valor dos nosos produtos locais”. Emma González lembra que a actual crise agroalimentaria derivada da guerra en Ucraína volve a poñer en evidencia a necesidade de seguir potenciando o sector primario: “Estas actuacións son máis necesarias que nunca para apoiar os emprendedores”. 

As liñas fundamentais do proxecto

Este proxecto nace para dar soporte aos produtores do rural ourensán, converténdose nun soporte de innovación que abarca dende o impulso de novos produtos hortícolas e frutícolas a fomentar a biodiversidade e a recuperación e rexeneración do solo. O primeiro paso, cunha achega de preto de 250.000 euros da Deputación, pasa por rehabilitar a vella estación de tren e recuperar terras para o cultivo que a institución provincial ten na Finca de Antela, en Sandiás, na que se desenrolará no futuro un programa de apoio a emprendedores, optando por cultivos que dinamicen a biodiversidade da terra. 

Esta fase antóllase clave para acelerar o proxecto e captar fondos comunitarios, gañando músculo para as seguintes etapas dunha iniciativa que abarcará, entre outras cousas, o equipamento da infraestrutura, de 370 metros cadrados. 

O proxecto liderado polo Inorde identificará necesidades, produtos e liñas de produción que se poden levar ao centro, co obxectivo de que os pequenos produtores e emprendedores do rural, cunha formación específica, poidan desenrolar a súa actividade transformadora en produtos de horta, froitas, verduras, cereais ou mel para comercializar, distribuír e promocionar o produto final no circuíto corto de comercialización apostando pola identidade propia de Ourense baixo unha marca local e orientándose tamén cara os establecementos hostaleiros, servizos turísticos ou comedores escolares de proximidade que poidan mercar estes produtos. 

Sinerxías do proxecto

A viabilidade do proxecto apoiase nas liñas de colaboración e cooperación abertas pola Deputación de Ourense con entidades como a Universidade de Vigo; asociacións de produtores e empresarios e o coñecemento adquirido a través dos análises do Observatorio Económico Ourensán. E será clave a ampla experiencia adquirida polo persoal do Inorde no Centro Agrogandeiro de Xinzo, no que fai unha labor moi estreita de acompañamento aos produtores. 

O Centro Agrogandeiro inclúese neste ambicioso proxecto, que aposta pola identificación e impulso de produtores nun proceso integral, vinculado á transformación e e á distribución e comercialización. Todo na aposta por dotar de máis valor ao produto dende un prisma colaborativo e circular, axudando aos produtores e relanzando a súa competitividade.