O PSdeG-PSOE de Ourense vén de abandonar o pleno do Concello de Ourense, despois de que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, optase por condutas “persistentes de acoso” cara a concelleira non adscrita, María del Mar Fernández Dibuja. Os socialistas ante este comportamento que consideran “intolerable” decidiron abandonar a sesión plenaria, despois de que Jácome expulsase a esta concelleira “sen motivo aparente” e se “negase” a aclarar o motivo da expulsión. BNG e Ciudadanos tamén decidiron marchar do pleno por este suceso.
Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que “non ampararemos este tipo de condutas de Jácome, na que opta polo acoso sistemático” e anunciaron que “non imos ser cómplices destas actitudes”. Os socialistas consideran “intolerables” estes actos, nun consistorio “civilizado” e nun estado “democrático” e relatan que “desta vez foi María Dibuja, a que dende o comezo o alcalde fixo obxecto das súas iras e de fustigamento, chegando a dicirlle que lle gustaría vela facer o pino e que pagaría por elo”.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, denuncia que “a denigración de Jácome foi tal, que chegou a expulsala por unha simple conversa na bancada cos compañeiros, sen alzar a voz, nin interromper o transcurso da sesión plenaria”. O líder dos socialistas ourensáns relata que a isto “sumouse que o BNG pediu explicacións, e o alcalde denostounos ou a que eu mesmo pedín unha cuestión de orde, que se me negou, motivo polo que abandonamos o pleno”.
Rodríguez Villarino denuncia que “cando nin tan sequera podes apelar, indagar ou pedir rectificacións e estas vendo como unha persoa, que mañá podes ser ti mesmo, é obxecto de acoso en directo nun pleno municipal, non podemos seguir nin un minuto máis presentes”. O voceiro socialista reafirmou que “non se pode tolerar este tipo de acción, porque o que pasou hoxe, volverá a pasar noutra ocasión senón lle pomos freo e acabamos con este tipo de actitudes de quen é o alcalde da cidade de Ourense”.