O Psdeg de Ourense impulsa a potenciación e a defensa da Omic

O PSdeG-PSOE de Ourense conseguiu os apoios necesarios para que se aprobasen as tres iniciativas que presentaban no pleno ordinario do Concello de Ourense neste mes de abril. As mocións nas que os socialistas instaban á Xunta de Galicia a manter o seu compromiso para a execución urxente e definitiva do proxecto do Ecobarrio en Ourense e na que pedían un recoñecemento ao escritor, Carlos Casares, con motivo do 20 aniversario do seu falecemento foron aprobadas por unanimidade. A moción contra o peche da OMIC e pola potenciación deste servizo foi aprobada, a pesar do voto en contra do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome e dos seus 3 concelleiros.

Unanimidade para instar á Xunta a comprometerse co proxecto Ecobarrio

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense presentaba no pleno, unha moción con dous puntos de acordo, en relación co proxecto de Ecobarrio na cidade de Ourense. No primeiro, instábase á Xunta de Galicia a que proceda á apertura “inmediata” e a posta en marcha da oficina do Ecobarrio, sita no barrio da Ponte. No segundo, os socialistas instaban ao goberno galego a que manteña o “compromiso” co proxecto e a que “reactive” todos os proxectos e investimentos pendentes de maneira “urxente”, comprometendo nos próximos orzamentos autonómicos anuais, a contía necesaria para a súa execución “completa e definitiva”, en coordinación e colaboración co Concello de Ourense.

Os socialistas aproveitaron a súa primeira intervención para denunciar os “incumprimentos” da Xunta de Galicia co proxecto e esixiron “compromiso” para reactivar este proxecto e os investimentos pendentes de maneira “urxente”. A vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense no Concello, Natalia González Beneitez, afirmou que “dos 20 millóns de euros anunciados pola Xunta, non se executou nin o 20 %” e apuntou a que dos “300 postos de traballo que o PP anunciou, non tivemos ningunha noticia”. A edil socialista tamén afirmou que a oficina do Ecobarrio “segue pechada, aínda que si se está pagando aluguer” e destacou que este proxecto “podería ser relevante para a cidade, non só na loita contra o cambio climático, senón tamén para conseguir unha mellora e un aforro enerxético”.

Na segunda intervención, a González Beneitez afeoulle ao Partido Popular, máximo responsable do proxecto, que “se escondan para non dar a cara e defender o proxecto do que tanto presumían con grandes titulares”. Alusión que veu motivada pola decisión dos populares de non intervir no debate desta moción, o que provocou que a concelleira socialista lles pedise que “explicaran á veciñanza por que despois de 4 anos, non hai nada feito e por que motivo a Xunta non ten comprometido o orzamento”. A edil do PSOE ourensán reclamoulles aos populares que “dean a cara e se preocupen máis pola veciñanza e traballen con responsabilidade polo futuro de Ourense”.

Aprobada a moción en defensa da OMIC, co voto en contra de DO

Os socialistas esgrimiron que a moción para a “potenciación” e en contra do peche da Oficina Municipal de Información ao Consumidor “é unha moción sobre a inxustiza, que late sobre a palabra fraude, que é o que intenta evitar esta oficina”. O PSdeG-PSOE de Ourense reclamaba nesta moción que o goberno municipal desista, “expresamente”, da intención de pechar a OMIC, que os técnicos e a corporación municipal aporten ideas para unha mellor localización e que se potencie o seu funcionamento, dotándoa de máis centrais accesibles e de persoal máis numeroso e cualificado. Foi aprobada, a pesar do voto en contra do partido do alcalde.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, explicou que “é difícil de entender esta decisión de peche, cando en 33 anos de existencia da OMIC levan facendo infinidade de actividades”. O líder dos socialistas ourensáns apuntou que a razón do peche “é espuria, porque o alcalde xustifícao en que este traballo xa o realiza a Xunta de Galicia, pero a realidade é que as administracións locais son esenciais, xa que a Xunta non cobre numerosos aspectos, aos que si da cobertura a OMIC, con 3 persoas que nestes anos atenderon case 154.000 demandas”.

Rodríguez Villarino aproveitou a segunda quenda para lembrarlle ao alcalde que “vostede é responsable, xunto co PP de que se vaia a pechar esta oficina” e esixiulle a Jácome que “se retracte dunha decisión errada”. O voceiro socialista aproveitou tamén para lembrarlle ao bigoberno que “é obriga das administracións locais informar, formar e defender aos consumidores” e afirmou que PP e DO “son responsables de que a cidadanía deixe de ser atendida”. Neste senso, tamén lle esixiu ao rexedor que “defenda a bandeira da OMIC e protexa aos consumidores fronte aos fraudes e desista no peche desta oficina”.

Unanimidade para recoñecer a figura do ilustre escritor ourensán, Carlos Casares

O PSdeG-PSOE de Ourense presentou unha terceira moción para o recoñecemento a Carlos Casares, con motivo do 20 aniversario do seu falecemento. Os socialistas presentaban 4 puntos de acordo nos que pedían: instar ao Concello á colocación do busto encargado a Manuel Buciños, nas proximidades da sala Valente; que anualmente, no mes de marzo, se realice unha exposición na cidade para difundir a obra de Casares; que dende o Concello se habilitase unha partida para a doazón de libros do escritor entre as crianzas e a mocidade para dar a coñecer o seu legado; e que se recoñeza a contorna da igrexa de Beiro co nome do ilustre escritor ourensán, xa que tivo estreita relación con esta zona da cidade.

Os socialistas aproveitaron a primeira intervención para lembrar o legado, a obra e os logros acadados polo escritor, Carlos Casares, e lembraron que o 9 de marzo cumpríronse 20 anos do seu falecemento, motivo polo que presentaban esta moción. A concelleira Rosa Martínez Rodríguez apuntou a que  “un dos poucos recoñecementos feitos ata o de agora foi a apertura dun expediente de honra en 2003, que se pechou como moitos outros expedientes neste concello sen resolverse nada”. A edil socialista aproveitou tamén para lembrar as obras e os logros e méritos do ilustre escritor ourensán.

Martínez Rodríguez tamén apuntou que “creemos que a figura de Carlos Casares é unha figura moi importante, porque foi pioneiro da Lei de Normalización Lingüistica de Galicia e o precursor e o que máis traballou para a creación da Televisión de Galicia”. Por este motivo, a edil socialista afirmou que “merece un mellor recoñecemento” e apuntou a que “como pioneiro tamén na literatura infantil en galego, debemos difundir a súa figura, máis do que ata agora se fixo”. Por último, aproveitou para agradecer o apoio a moción e a importancia de que saíse adiante “por unanimidade”.