A asociación xuvenil “Rippa Avie” organiza un fin de semana solidario con Ucraína en Ribadavia

Na actividade solidaria participarán diferentes asociacións e clubes deportivos de Ribadavia, e os fondos que se recaden destinaranse á manutención das persoas refuxiadas de Ucraína que se atopan en Ribadavia.

A asociación xuvenil “Rippa Avie” organiza un fin de semana de solidariedade co pobo ucraíno no que participará activamente o tecido asociativo de Ribadavia. Na actividade solidaria, que se desenvolverá os días 2 e 3 de abril, nos recintos deportivos e culturais de Ribadavia, recadarase unha entrada solidaria que se destinará ás familias refuxiadas da guerra de Ucraína en Ribadavia. Esta axuda económica será vehiculizada a
través de Cáritas do Ribeiro.
As asociacións e clubes deportivos que colaboran e participan neste fin de semana solidario son:
Club Deportivo Cultural Ribeiro (Balonmán), Ribadavia Atlético, Irmandade Deportiva Sarmientos (Baloncesto), Ribeiro do Avia F.C., Kaizen Karate, Francelos F.C., Magos do Ribeiro, Anpa IES Ribeiro, Valparaíso, Anaquiños de Francelos, Festa da Istoria, Asociación cultural Liradavia (Banda a Lira de Ribadavia e Banda infantil Luis Costa), Coro de Cámara do clube Artístico de Ribadavia, Mulleres Rurais de Ribadavia, Establecementos Asociados do Ribeiro, Aula Municipal de Teatro e Cáritas do Ribeiro.
A Asociación “Rippa Avie” é unha asociación xuvenil formada polo alumnado do IES O Ribeiro, que desenvolve diferentes actividades solidarias ao longo do ano en Ribadavia. Nesta ocasión, os rapaces e rapazas que conforman o colectivo “Rippa Avie” decidiron desenvolver esta actividade
de solidariedade co pobo ucraíno implicando a todo o tecido asociativo, tanto deportivo coma cultural, de Ribadavia.
Dentro das actividades a desenvolver neste fin de semana solidario atópanse partidos de
competición e exhibicións dos diferentes clubes deportivos participantes que se celebrarán no polideportivo do Consello, no campo do Xestal e no campo de Valboa en Francelos. Por outra banda, no eido da cultura, celebrarase unha gala solidaria na Casa da Cultura de Ribadavia o domigo 3 de abril en horario de 18:00 a 20:00 horas

AVANTAR ACTIVIDADES