A Deputación colabora coa Universidade de Vigo na posta en marcha dun laboratorio de investigación

Sinatura convenio de colaboración entre a Deputación Ourense e a Universidade de Vigo para a instalación dos laboratorios de experimentación e prototipado vencellados ó proxecto "Novas oportunidades de negocio para PEMES ......". Asinan Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) e Manuel Joaquín Reigosa Roger (Reitor da Universidade de Vigo).

A Deputación de Ourense contribuirá a potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación coa cesión de equipamento para a posta en marcha dun laboratorio de experimentación e investigación na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense. Así se reflicte no convenio de colaboración asinado entre o presidente provincial, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no marco dun proxecto sobre novas oportunidades de negocio para pemes baseadas en tecnoloxías, dentro do programa comunitario Interreg, cofinanciado con fondos FEDER e no que ambas institucións actúan como socias xunto con outras entidades.

Manuel Baltar afirmou que este novo convenio de colaboración “reforza a alianza que sempre mantivemos coa Universidade de Vigo, estando ao carón do noso campus que é o mesmo que dicir ao carón do talento”. O presidente provincial felicitouse por un acordo que permite demostrar “a nosa especial habilidade para captar fondos europeos”, engadindo que co equipamento que se vai ceder á Escola Superior de Enxeñería Informática “estamos seguros de que no futuro se fortalecerán os bos resultados que estamos acostumados a conseguir durante estes anos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Estes equipos que nos achega a Deputación van permitir alcanzar niveis máis altos de calidade no Campus”, destacou pola súa banda Manuel Reigosa, agradecido por unha colaboración que consolidará o proceso de crecemento dos estudos de Enxeñería Informática. Neste sentido anunciou que “o ano que ven imos ter o primeiro curso e o mestrado de intelixencia artificial, que vai ser un elemento tractor de talento moi importante para a cidade e para a provincia, tanto a nivel de profesorado como de alumnado, ademais de desenvolver mellor o noso labor docente, investigador e de transferencia”.

Robótica, Smart Lab e Smart City

O convenio asinado entre a Deputación e a Universidade de Vigo ten como finalidade a cesión de equipos para a instalación dun laboratorio de experimentación e prototipado, vinculados ao proxecto “Novas oportunidades de negocio para pemes baseadas en tecnoloxías facilitadoras esenciais”, aprobado no marco da segunda convocatoria do programa Interreg España-Portugal. O equipamento correspóndese con tres aspectos a cubrir neste proxecto: laboratorio de fabricación e robótica; kits de desenvolvemento Smart Lab; e posta en marcha dunha plataforma Smart City.

A principal finalidade do programa é potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, mellorando a participación do tecido empresarial nas actividades de I+D+I máis próximas ao mercado. O proxecto facilitará que a investigación aplicada relacionada co internet das cousas (especialmente Smart Cities) e a fabricación avanzada, sexan trasladadas ás pequenas e medianas empresas, asentadas en contornas menos urbanas e nos sectores máis relevantes das zonas transfronteirizas, unha cooperación entre rexións que enriquecerá a transferencia tecnolóxica, ao incluír centros de investigación de ámbolos países, e permitirá o acceso a un mercado máis amplo.

Alianza da Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo

Este acordo súmase ao potente marco de colaboración existente entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo. Ambas institucións teñen unha liña de colaboración anual na que a institución provincial financia actividades no Campus. Un compromiso ampliado a semana pasada coa sinatura dun novo convenio entre Manuel Baltar e Manuel Reigosa, polo que a Deputación tamén se implicará na promoción e fomento das actuacións relativas aos estudos universitarios no Campus, con especial referencia aos estudos do grao de Turismo, a través de bolsas de estudo e unha campaña de publicidade para atraer alumnado a Ourense.