A opinión de Adolfo Nogueira: “Pola defensa do Asilo”

Adolfo Nogueira Portavoz do Grupo Municipal de Espazo Común

AVANTAR ACTIVIDADES

Eu apenas sei como son o resto dos pobos. Supoño que todos terán os seus sinais de identidade, os seus símbolos.

Dou por feito que é así porque sí sei como é o meu pobo.

No Carballiño non contamos cunha longa historia ás costas. Non podemos gabarnos de murallas romanas ou castelos. Somos un pobo aínda pouco máis alá do berce pero, iso sí, temos un fondo orgullo de ser e unha incontible paixón polo que é noso.

Ao longo dos últimos séculos, moitos homes e mulleres loitaron denodadamente para erguer unha vila dinámica, moderna. Por exemplo, os máis dos emigrantes decidiron reinvertir de volta as súas ganancias e foron moi poucos os que renunciarion ao vínculo coa terra.

Porque ser do Carballiño é un xeito de entender a vida.

O que temos, o que somos, foi pelexado e gañado con moito esforzo e por iso, cando alguén tenta violentar algún deses referentes, reaccionamos todos a unha para defendernos con unllas e dentes.

Este é o mellor xeito de explicar a reacción social e a fonda preocupación que empapa as rúas do pobo cando se fala do futuro desa institución que hai 120 anos que resoa nelas co popular nome do Asilo.

Todo comezou con catro desas persoas exemplares e comprometidas ás que fixen mención e  que asentaron moitas das pedras nas que se sustenta o noso presente: os irmáns Prieto.

Acaudalados, precursores e coa filantropía impresa na xenética compartida, legaron o seu inxente capital para que no Carballiño se construíse un fogar onde acoller aos anciáns desamparados. Falamos da transición entre o século XIX e o XX. Pensar en pensións ou algo semellante era unha entelequia.

E non eran poucos os que ao envellecer e non poder traballar, se vían abandoados á súa sorte e condeados a uns derradeiros anos de vida, como pouco, deplorables.

Durante maís dun século, a institución funcionou coa axuda de moitas persoas que con doazóns e traballo, xunto cos importantes réditos da fortuna deixada polos ilustres irmáns, fixeron do Asilo unha parte fundamental do corazón do pobo e de cada unha das xeracións de carballiñeses que fomos cohabitando con él.

As Hermanitas dos Anciáns Desamparados e os seus hábitos, formaron parte da paísaxe das nosas rúas, mercando nas tendas do pobo, procurando apoio para dar mellores condicións aos anciáns. Todo ía conforme á vontade dos fundadores. Ata hai dous anos e medio.

Sen que aínda saibamos por qué e para qué, todo mudou. Desapareceron as monxas. Atopámonos cunha xestión propia dun xeriátrico privado. Despediuse traballadores que levaban unha morea de anos alí sen dar explicacións. Nada se sabe dos novos administradores e do sustancioso patrimonio administrado.

Que saiba quen corresponda que non van enredar a un pobo que só quere unha cousa: conservar fóra de intereses pouco claros unha parte fundamental da nosa curta historia.

Penso que falo por moita xente cando afirmo que O ASILO DO CARBALLIÑO NON SE TOCA.

Adolfo Nogueira Campo. 29/03/2022

—————————————————————————————————

Outros artigos de Adolfo Nogueira:

Rexurdiremos Mellores

Non Deixemos que a FEIRA esmoreza