A Ourense Iccweek homenaxea ao escritor e xornalista Xaime Noguerol coa presenza de Yosi, Patacho Recio, Mariano Muniesa e a música en directo de habitación vudú

O evento será o mércores, día 27 de abril, ás 21,30 horas, no Teatro Principal dentro da semana das Industrias Culturais e Creativas, que se desenrolará entre os días 22 e 29 de abril, organizada pola Deputación de Ourense

Xaime Noguerol, escritor, xornalista e letrista musical, arraiano de pura cepa, e autor de libros coma “Extraños en el escaparate” ou de éxitos musicais como “Banzai” de Miguel Ríos

AVANTAR ACTIVIDADES

Yosi Domínguez, Patacho Recio e Mariano Muniesa contribuirán a poñer en valor as achegas creativas e culturais de Noguerol e Habitación Vudú interpretará cancións escritas polo homenaxeado, que ten colaborado con figuras clave da música española como Miguel Ríos, Luz Casal, Leño ou Burning

A oitava edición da semana das Industrias Culturais e Creativas, a Ourense ICC Week que levantará o pano o próximo día 22 de abril, terá unha xornada especialmente emotiva coa homenaxe ao xornalista, escritor e letrista musical Xaime Noguerol. Este verinés, reivindicativo sempre das súas raíces arraianas, estará acompañado polo cantante de Los Suaves, Yosi Domínguez, por Patacho Recio, do desaparecido grupo dos 80 Glutamato Ye-yé e polo xornalista musical Mariano Muniesa. A música non pode faltar neste acto, e os limiáns Habitación Vudú farán a súa achega interpretando cancións coa firma do homenaxeado. A cita será o mércores, 27 de abril, ás 21,30 horas no Teatro Principal de Ourense.

Xaime Noguerol firma, como letrista, algúns dos temas máis emblemáticos da chamada Movida madrileña, coma “Banzai” ou “Generación Límite”, de Miguel Ríos, e cancións de rockeiros como Burning, Leño, Luz Casal ou Minuit Polonia. 

A Ourense ICC Week recoñece con este acto a importante contribución cultural e creativa deste escritor ourensán, autor do libro “Extraños en el escaparate” (1980), poemario vitalista que denunciaba un mundo deshumanizado e frío, e semente do disco co mesmo título editado por Miguel Ríos. A presentación do álbum tivo lugar na mítica sala El Sol e contou coa presenza de músicos clave do momento, coma Aviador Dro ou Glutamato Ye-Yé. Na actualidade, Xaime Noguerol colabora co diario La Región, onde publica unha colaboración semanal baixo o nome de “Ángulo inverso”, ofrecendo aos ourensáns o seu particular punto de vista sobre a actualidade e a sociedade, con interesantes reflexións sobre o acontecer da vida.

OS PARTICIPANTES NA HOMENAXE A XAIME NOGUEROL

MARIANO MUNIESA 

Xornalista musical, especializado en blues e rock. Dende mediados dos anos 80 leva colaborando en prensa escrita en publicacións coma “Popular 1”, “Heavy Rock”, “Pack de Só”, “Rolling Stone” ou “LH Magazine”. Foi, entre 2001 e 2006, director e editor da edición española da revista alemana “Rock Hard”, unha das publicacións especializadas en heavy metal máis prestixiosas de Europa. En radio, dirixiu e presentou, entre outros traballos, en Onda Cero Música e os 40 Principales o coñecido programa de actualidade sobre o mundo do rock e o heavy metal “Rock Star”, dende 1995. É autor de libros biográficos sobre grandes nomes do mundo da música coma Led Zeppelin, Jimi Hendrix, Janis Joplin, The Who, Pink Floyd, Metallica, AC/DC, Rammstein ou Iron Maiden. Ademais, é o autor con máis libros publicados  en castelán no mundo sobre os Rolling Stones, seis en total.

PATACHO RECIO 

No ano 1979 formou Glutamato Ye-Yé xunto ao vocalista vizcaíno Iñaki Fernández, logrando éxitos coma “Un hombre en mi nevera” ou “Todos los negritos tienen hambre y frío”. A banda desapareceu no 1987, aínda que Patacho continuou con grupos como La Banda Del Otro Lado, Descartados, Los Flais ou Buenas Vibraciones. Mantivo a súa traxectoria musical como compositor, músico, produtor e colaborador con formacións e solistas como Def Con Dos, Poch, Los Enemigos, Los Feliz, Sindicato Malone, DDT, Happy Losers, Martín Max ou Hijos de Caín. Entre os últimos traballos destaca a organización, dirección musical e produción do álbum en directo “25 años del Penta (Desobediencia)”, levando ata o Pentagrama, un dos templos da Movida, a unha trintena de músicos da época dourada do pop capitalino.

YOSI DOMÍNGUEZ

De Yosi Domínguez pouco pódese dicir que xa non se saiba. O vocalista e compositor do grupo ourensán Los Suaves, creado no ano 1980, é unha auténtica lenda do mundo do rock e un dos máis veteranos no panorama musical nacional. O grupo, cun enorme número de éxitos no seu haber, foi honrado coa Medalla de Ouro da cidade e coa da provincia de Ourense. No 2018, Yosi recibiu o premio Musa SGAE, á excelencia creativa. Un ano despois, a Deputación de Ourense edita o libro “Canciones, algún desliz y dos o tres fotografías”, como compendio da súa prolífica obra letrística e acompañado de fotografías e artículos dos máis diversos artistas do mundo musical. Yosi e Xaime son ademais grandes amigos: Noguerol escribiu en 2007 a contraportada do disco recopilatorio do grupo, que ten levado o nome de Ourense ata o máis alto. 

HABITACIÓN VUDÚ 

Na primavera de 2015, Habitación Vudú grava o seu primeiro epé, “Flores Falsas”, en Esteroarte Estudios de Vigo, coa produción de Luis Antelo e contando coa colaboración do recoñecido músico Pablo Novoa, entre outros. No verán de 2016 Habitación Vudú consolida a súa traxectoria, formando parte do cartel do festival Cultura Quente de Caldas de Reis e sendo elixidos para abrir o concerto de The Gift en Montalegre (Portugal). O seu segundo epé, “En el Aire”, mostra un son fresco, auténtico, de cadencia alternativa e alma rockeira plasmado en 5 cortes que cobran vida no 2018, a través do seu primeiro sencillo, “La Estafa”, do que tamén se publica un videoclip. Comezaron xira no Festival Portamérica 2018, un dos máximos expoñentes da música independente nacional e internacional do momento, xunto a artistas da talla de Izal, Vetusta Morla ou Xoel López. E no 2019 actúan no Festival de la Luz. Habitación Vudú fórmana José Freiría, Justo Freiría, Rubén Seoane +Banda.