ABANCA, Afundación e o Concello do Barco de Valdeorras amosan «Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló»

I A mostra inaugurouse hoxe, xoves 7 de abril na Sala ABANCA do Concello do Barco de Valdeorras

I Esta colaboración enmárcase no proxecto «Corrente cultural» da Obra Social de ABANCA

AVANTAR ACTIVIDADES

07.04.2022. ABANCA, Afundación e o Concello do Barco de Valdeorras inauguraron hoxe, xoves 7 de abril, a mostra «Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló». Ao acto asistiron Alfredo García, o alcalde do Barco de Valdeorras; Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras; Mateo Alonso, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. 

A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase contemplar na Sala ABANCA do Barco de Valdeorras ata o 7 de maio de luns a venres de 18.00 a 20.30 horas e sábados de 11.00 a 13.30 horas.

Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

As imaxes están dispoñibles aquí:

https://drive.google.com/drive/folders/1x7olIwMmgNVs8ZIlLlN2viQNcwE4nwW6?usp=sharing

A través dos artistas máis destacados do século XX español, esta exposición pretende dar a coñecer as técnicas tradicionais do gravado calcográfico e as súas variantes, en especial a xilografía, a litografía e a serigrafía. En ocasións, a delimitación entre unha técnica e outra non é tan nítida xa que os artistas actuais son quen de mesturar as distintas técnicas e mesmo inventárense outras novas.

Esta mostra é froito da colaboración enmarcada no proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Unha mostra con fondos da Colección de Arte de Afundación

Esta exposición, composta por pezas gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte de Afundación, permite ampliar coñecementos sobre a obra dalgúns dos mestres gravadores da arte española do século xx, entre os cales destacan tres grandes xenios internacionais da pintura que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.

No proxecto expositivo o visitante atopará un Dalí ilustrador de pezas literarias con dúas obras pertencentes a A divina comedia (1960); o artista da vangarda ilustrou tamén Cantos de Maldoror (1934), O Quixote (1957) e a Tauromaquia surrealista (1976). A mostra deixa constancia, así mesmo, de como as obras calcográficas de Joan Miró rivalizaron coas pinturas de Dalí en intensidade e beleza, proba disto é a magnífica obra que se seleccionou nesta ocasión, Quatre colors aparien el món, na que a liberdade coa que Miró se enfrontaba á súa obra produciu unha das imaxes máis belas da plástica do século xx. O Picasso gravador fai, tamén, unha importante achega á exposición. Despois dos anos vinte, aínda que esporádico, o artista malagueño foi un xenial gravador, pero será a partir dos anos corenta cando aumente a súa produción de gravados e xurdan, así, as súas obras mestras neste campo. Na mostra poden verse algúns dos seus principais traballos neste eido, tales como a serie de A celestina e A danza.

A primeira manifestación do espírito renovador da arte, despois da guerra civil, apareceu ligada ás estampas publicadas nas edicións de La Rosa Vera, dirixida polo gravador Jaume Pla desde 1949. Entre os artistas ligados a esta renovación destacan Joaquín Sunyer, Albert Ràfols Casamada, Guinovart ou José Caballero, todos eles presentes nesta exposición con espléndidas obras. Na publicación Estampas de la Cometa aparecerán os traballos dos grandes mestres Antonio Saura, Eduardo Chillida ou Hernández Pijuán. A esta actividade interior habería que acrecentar a de tres nomes significativos de artistas que traballaron no exilio: Antonio Rodríguez Luna, Antoni Clavé e Luís Seoane, tamén presentes. Na arte do gravado do século xx é imprescindible coñecer, igualmente, o papel do grupo vangardista Dau al set, no que destaca a incuestionable figura de Tàpies, que está presente no proxecto con tres obras, unha delas unha excelente augaforte en relevo, realizada nos anos oitenta.

O espectador asistirá a un percorrido fiel pola arte calcográfica española dos últimos tempos, no que as distintas técnicas de gravado, litografía e serigrafía reivindican definitivamente o seu valor técnico, estético e diferencial a respecto do resto das manifestacións artísticas.