O Grupo Socialista reclámalle ao Sergas que reforce o persoal do servizo de medicina interna do hospital de Valdeorras

A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamarlle ao Sergas que reforce os recursos humanos e materiais no servizo de Medicina Interna do Hospital Público de Valdeorras. Ortega alerta de que a situación do persoal fai “inviable aportar unha atención integral e de calidade”.

A situación deste servizo, explica, ofrece un exemplo meridiano dos efectos dos recortes do goberno galego na sanidade pública, sinaladamente para unha comarca territorialmente afastada do hospital de referencia, en Ourense. Lembra que Medicina Interna chegou a contar con 10 profesionais, dos que na actualidade tan só quedan 5, un deles de baixa, no servizo coa maior porcentaxe de ocupación do Hospital, superando o 70 por cento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ortega sinala que este é o motivo polo que a atención ordinaria se estea a resentir, xa que “non se pode atender axeitadamente ás consultas externas debido á incompatibilidade cando hai que atender ás urxencias, as plantas e informar aos familiares”. Ademais, resulta “difícil de xestionar dende o hospital provincial de referencia –CHUOU- que precisamente ten convocada unha folga parcial a partires de hoxe, debido entre outras cousas ao deterioro da Medicina Interna.

Coidados paliativos desatendidos

A responsable socialista alerta de que a falla de persoal “deriva en que sexa inviable atender coidados paliativos, exceptuando os casos urxentes, por non falar de que impide establecer un horario fixo para pasar ás plantas nin para informar aos familiares dos pacientes ingresados”.

Apunta á “falla de dilixencia e descoordinación derivada da xestión cos criterios de área única, que non ofrecen unha xestión integrada”, cun problema acentuado neste caso coa xubilación do xefe de Servizo de Medicina Interna de Valdeorras.