O Psdeg de a Peroxa denuncia o “lamentable” estado no que se atopa o antigo edificio do centro de saúde dos Peares

O PSdeG-PSOE de A Peroxa denuncia o “lamentable” estado no que se atopa o antigo edificio do centro de saúde dos Peares, así como a súa contorna, tras anos de desleixo e abandono por parte da Xunta de Galicia e o Concello. Os socialistas critican a “pasividade” do goberno municipal con respecto a esta infraestrutura, que ademais se atopa situada a escasos 20 metros do pavillón deportivo, polo que cada fin de semana pasan centos de persoas que se atopan a carón cun edificio que da unha imaxe “deplorable”.

Dende o Grupo Municipal Socialista esgrimen que esta edificación “leva totalmente abandonada dende que se trasladou o centro de saúde e a oficina de correos ao edificio do consorcio, fai xa máis de 8 anos”. Dende entón e tal e como explican os socialistas da Peroxa “o edificio abandonouse por completo e foi vítima de actos vandálicos e do deterioro, sen que o Concello e o alcalde do Partido Popular, Manuel Seoane, fixeran o máis mínimo para buscar algunha solución”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSOE en A Peroxa lembra que xa no ano 2014, unha vez realizado o traslado do centro de saúde e a oficina de correos “preguntamos cal ía ser o destino deste edificio, xa que por aquel entón estaba en bo estado”. Tal e como apuntan os socialistas “o alcalde dixo por aquel entón que algúns veciños e veciñas da zona propuxeran a construción dun centro de día”, pero tal e como apuntan “o rexedor rexeitou a medida, xa que segundo o seu criterio, non era un proxecto con rendibilidade, nin sostible”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en A Peroxa, Antonio González Fiuza, explica que “ademais da deplorable imaxe que da este edificio aos centos de persoas que pasan cada fin de semana polo pavillón deportivo, tamén se suma o perigo e risco que supón para os cativos e cativas dos Peares, que pasan por diante de este edificio, no que hai escombros e cristais por todas partes”. Ante esta situación, o edil socialista esixe que “senón se vai facer nada co edificio, o mínimo sería limpar a súa contorna e precintalo para evitar posibles desgustos ou que algún cativo se manque”.

González Fiuza tamén lamenta que o alcalde “non tomase nota das nosas advertencias cando se deixou o edificio sen ningún uso”, xa que tal e como apuntan “xa advertimos dos primeiros danos e sabiamos como lle dixemos ao grupo de goberno que iso era tan só o principio, e co paso dos anos vimos de comprobar que o edificio se atopa nunha situación lamentable”.

O PSdeG-PSOE de A Peroxa propón que se aposte pola rehabilitación desta edificación para destinala a “usos sociais e culturais”, xa que tal e como argumentan “as súas dimensións permitirían a creación dun centro de día e dun edificio cultural”. Neste senso, lembran que nas inmediacións “hai outra edificación que a mocidade dos Peares utilizaba para reunirse, xogar e incluso ensaiar, e esta tamén foi vítima de roubos e vandalismo, polo que consideramos que se podería rehabilitar unha parte do inmoble para darlle ese uso cultural que demandamos”.

Tamén apuntan como propostas a posibilidade de utilizar o edificio do antigo centro de saúde para a creación dun viveiro de emprego, xa que tal e como afirman a Xunta de Galicia “está publicando constantemente axudas enfocadas a creación deste servizo nos municipios”. Neste senso, os socialistas defenden que o edificio “podería adaptarse para oficinas que acolleran a novos emprendedores, algo moi necesario no noso municipio e polo que levamos loitando anos, sen que o Concello tome en consideración as nosas peticións”.

Sen novas da residencia de maiores anunciada polo alcalde dos Peares

Outra das denuncias dos socialistas nos Peares ten que ver coa paralización do proxecto de construción dunha residencia de maiores que segundo o alcalde crearía 60 prazas e xeraría 25 postos de traballo. Os socialistas denunciaron fai un ano o “escurantismo” do goberno municipal con este proxecto que deixou unha escavación en plena Ribeira Sacra “totalmente abandonada” e na que un ano despois “todo segue igual, nunha zona onde hai un plan de protección que parece que esqueceron”.

O voceiro socialista, Toño Fiuza, apunta a que a situación “é moi preocupante” e sinala que “hai moita inquedanza entre a veciñanza pois prometéuselles unha residencia a carón da casa para os seus maiores e postos de traballo para a xente dos Peares e do resto do Concello que non dan chegado”. O voceiro socialista lembra tamén que “nada máis comezar a escavación, o rexedor xa ofrecía postos de traballo e houbo moitos veciños e veciñas que se formaron en axuda aos maiores e a dependencia para poder optar aos mesmos e atópanse agora que non hai absolutamente nada”.

Fiuza afirma que o “desleixo e o abandono” que vive A Peroxa, e nomeadamente o núcleo dos Peares, “é total” e sinala que a día de hoxe “temos un escavación paralizada, un edificio que cae a pedazos e que supón un risco para a veciñanza”. O voceiro do PSdeG-PSOE finaliza apuntando que “nin se solucionan os problemas deste edificio, nin se constrúen as dotacións que demanda e precisa á veciñanza, polo que a situación non pode ser peor”.