A Xunta reduciu as medidas restritivas que aínda estaban vixentes, cunha excepción: seguirase esixindo o certificado de covid para as visitas ás persoas ingresadas en hospitais e residencias de maiores. A hostalería volverá a funcionar esta Semana Santa con normalidade. Xa non haberá limitación de comensais por mesa nin distancia obrigatoria entre eles.
Elimínase tamén o protocolo de celebración de concertos e espectáculos ao aire libre e a prohibición de comer ou beber no transporte ou sistemas de rexistro de clientes en centros comerciais.
Galicia afronta así un novo paso cara á normalidade e a convivencia co coronavirus, que se completará o próximo 20 de abril, cando entre en vigor a nova norma sobre o uso da máscara, que eliminará a obrigatoriedade nos espazos interiores salvo algunhas excepcións (hospitais, centros sociosanitarios e transporte público, en principio).