Ourense acollerá unha xornada sobre “Transparencia e bo goberno” no ámbito local, administración electrónica e contratación pública

Esta actividade está organizada pola Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, de cuxo padroado forma parte a institución provincial, sendo o presidente Manuel Baltar vocal da comisión permanente

A Deputación reforza así o seu papel como goberno aberto á cidadanía, unha liña estratéxica de traballo que deu un paso máis en febreiro coa posta en marcha do novo portal de Transparencia para compartir información coa veciñanza, colectivos e entidades

AVANTAR ACTIVIDADES

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá o próximo 26 de abril unha xornada sobre “Transparencia e bo goberno” que profundará na aplicación destas políticas no ámbito local, na administración electrónica e na contratación pública. Esta actividade está organizada pola Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, de cuxo padroado forma parte a institución provincial, sendo o presidente Manuel Baltar vocal da comisión permanente.

A xornada, que se desenvolverá en horario matinal, será inaugurada por Manuel Baltar e o director da fundación, Alfredo Galán. O programa inclúe a presentación do Anuario de Transparencia Local 2021, coa intervención da Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández, e director do anuario, Ramón Camp i Batalla. 

Sobre a transparencia na contratación pública e na administración electrónica falarán os catedráticos de Dereito Administrativo das universidades de Zaragoza e Oberta de Catalunya, José María Gimeno e Agustí Cerrillo, respectivamente, mentres que o tamén catedrático de Ciencia política da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, Manuel Villoria, abordará as prácticas do bo goberno.

Na última das actividades previstas no programa, unha mesa redonda analizará as boas prácticas de transparencia no ámbito local, coa participación do coordinador do Grupos de Datos Abertos da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Roberto Magro, e o primeiro executivo da firma SmartGov, actuando como moderador o director da área de Transparencia da Deputación de Ourense, Fernando Suárez.

Todas as persoas interesadas en participar nesta xornada poden acceder ao enlace  gobiernolocal.org/jornadas/ para formalizar a súa inscrición.

O goberno provincial máis transparente de España

Con esta actividade, a Deputación de Ourense reforza o seu papel como goberno aberto á cidadanía, unha liña estratéxica de traballo que deu un paso máis en febreiro coa posta en marcha do novo portal de Transparencia da institución. Un servizo que ten como obxectivo compartir toda a información posible coa veciñanza, colectivos e entidades.

O portal, que segue todos os índices de transparencia a nivel internacional, fai que a Deputación de Ourense cumpra con preto do 90 % dos items esixidos pola plataforma Dyntra -168 de 189- á hora de valorar as boas prácticas de transparencia e goberno aberto, así como o cumprimento das obrigas legais e demandas cidadáns nesta materia, o que permite manter á Deputación de Ourense desde 2017 a condición de goberno provincial máis transparente de España.