O Psdeg esíxelle á Xunta e ao Concello a que procedan con “urxencia” a denunciar as pintadas da contorna da Ponte Romana

 O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle á Xunta de Galicia e ao Concello de Ourense que procedan, con carácter de “urxencia”, a denunciar as pintadas cometidas polos vándalos na contorna da Ponte Romana da cidade que deixan unha imaxe “deplorable” a carón dun dos bens patrimoniais máis importantes da cidade de Ourense. Os socialistas pídenlle ao bigoberno municipal de Jácome e o PP que se “impliquen” na loita contra este tipo de actos vandálicos e tomen “cartas no asunto” para rematar dunha vez por todas cunha “lacra” que ten a cidade sumida no “feísmo urbano” e na “degradación”.

As pintadas aparecidas nestes últimos días na Ponte Romana e a “inacción” amosada polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, preocupan aos socialistas que consideran que “non se poden tolerar este tipo de actos vandálicos contra o patrimonio cultural e artístico da cidade”. Por este motivo, os socialistas esixen “man dura” cos vándalos e que se abra unha “investigación” para dar cos culpables deste ataque contra o patrimonio, xa que tal e como destacan “as pintadas están asinadas por Frente Obrero, polo que non será nada difícil poñer nomes e apelidos a esta denuncia”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o Grupo Municipal Socialista critican o “desleixo total” de Pérez Jácome para buscar solucións a estes “destrozos” do patrimonio na cidade de Ourense, tanto no casco histórico como na ribeira do Miño. Lémbranlle ao alcalde que no pleno municipal celebrado o pasado mes de marzo, “co seu voto a favor a moción socialista que reclamaba actuacións neste senso, comprometeuse a pór en marcha un plan de choque para a limpeza de pintadas, eliminación de carteleira ilegal e recuperación de espazos de degradados, pero ata o de agora nada se fixo e o vandalismo continúa campando impunemente”.

O PSdeG-PSOE de Ourense afirma que a “falta de acción” por parte do bigoberno municipal de PP e DO “é sinónimo de que a Jácome e aos seus socios lle gustan as pintadas e este tipo de actos vandálicos”. Os socialistas esixen “coordinación” entre a concellería de limpeza, responsabilidade do alcalde, e a concellería de seguridade, que depende do concelleiro, Telmo Ucha, e que deixen de “pasarse a pelota sen pórse a traballar por resolver unha situación que preocupa moito á veciñanza e que da unha imaxe deplorable e lamentable da cidade aos milleiros de turistas que nos visitan cada ano e que se atopan coas zonas principais da cidade présa do vandalismo descontrolado pola falta de traballo do bigoberno municipal”.

Os socialistas tamén destacan que “namentres noutras cidades como Santiago ou Vigo, con gobernos do PSOE ao fronte, se loita contra esta lacra e se toman medidas para erradicar o vandalismo nas rúas, en Ourense o goberno municipal mira para outro lado e ignora unha problemática que está convertendo a cidade nunha paisaxe degradada, chea de lixo e que amosa o pasotismo total dos que gobernan”. Neste senso, dende o PSdeG-PSOE de Ourense apuntan a que este tipo de actos vandálicos “incrementáronse nun 30% nos últimos 7 anos, coincidindo co goberno en solitario do PP e co bigoberno da vergoña e o desleixo”.

Ante a “inacción constante” do goberno municipal, os socialistas piden que se cumpran os acordos plenarios aprobados o 4 de marzo, cando presentaron unha moción neste senso, que contou co respaldo unánime e que buscaba rematar coa “decadencia, o abandono e o lixo acumulado en cada recuncho da cidade”. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense finalizan afirmando que “non podemos permitir que o vandalismo tome o control da cidade e que os nosos gobernantes miren para outro lado namentres se ataca o noso patrimonio”.