O PsdeG esixe á Xunta que ubique en Ourense a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial que reclama para Galicia ao Goberno Central

“Os problemas demográficos e a implantación no campus do grao e o máster en Intelixencia Artificial, son dous factores determinantes que deixan claro que a nosa provincia é o lugar máis axeitado”, sinalan

Agardan que a Xunta “evite localizar o organismo no eixo atlántico” xa que “deben apostar polo reequilibro” e denuncian o “silencio atronador de Jácome e o PP desde o Concello ante esta oportunidade”

O PSdeG-PSOE esixe á Xunta que ubique en Ourense a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial, que reclama ao Goberno central para Galicia. “Os problemas demográficos da provincia e a inminente implantación no campus universitario ourensá do grao e o máster en Intelixencia Artificial, son dous factores determinantes que deixan claro que a nosa provincia é o lugar máis axeitado para esta axencia”, sinalan os e as socialistas antes de recordar que “está acreditado que as institucións públicas exercen un papel extremadamente beneficioso nas contornas nas que se sitúan”.

PUBLICIDADE ELECTORAL

Logo da publicación do Real Decreto 209/2022, que establece o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público institucional estatal e que tamén crea a comisión consultiva para determinar estas sedes, unha norma xa en vigor que posibilita a desconcentración inmediata de organismos, os e as socialistas ourensáns consideran “imprescindible” que o goberno galego “aposte de inmediato e sen titubeos” pola provincia con “maiores problemas demográficos”.

“Ourense, que perdeu 136.000 habitantes no último medio século, precisa dunha discriminación positiva monumental”, insisten desde o PSdeG-PSOE. Por iso reclaman a todas as administracións públicas que “boten un cable traendo persoal e instalacións que dinamizan económica e demográficamente”. “A Xunta de Galicia non pode seguir a mirar cara outro lado ante esta crúa realidade”, afirman. Igualmente denuncian o “silencio atronador” do goberno local de Gonzalo Pérez Jácome e do PP ante este proceso descentralizador que supón unha oportunidade histórica: “non están a exercer o seu deber de defensa dos intereses de Ourense”.

“Os e as ourensáns non podemos quedar á marxe deste debate público que xa está a producir en moitos lugares de España e o Concello de Ourense resístese a recoñecer medidas neste sentido”, manifestan.

Os criterios para a elección destas sedes inclúen, entre outros, a “cohesión social e territorial”, a “mellora no funcionamento dos servizos públicos”, os “niveis de desemprego” ou a “loita contra o despoboamento”, polo que desde o PSOE consideran que “Ourense cumpre sobradamente con todos os requisitos” para acoller a sede desta axencia e doutros organismos. Así mesmo, agardan que o executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo “evite situar este organismo en Santiago de Compostela ou calquera outra localización do eixo atlántico”.

“Reclamar a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial para as provincias atlánticas suporía unha nova e vergoñenta marxinación do interior da comunidade”, debido á “desorbitante concentración de institucións e investimentos públicos nestas dúas provincias, especialmente na da Coruña”. “A Xunta debe apostar por reequilibrar a Galicia de dúas velocidades e non por acrecentar o esmagamento de Ourense e Lugo”, aseveran antes de concluír destacando que os gobernantes teñen que “potenciar o papel vertebrador das institucións no conxunto do territorio e non só nunha parte”.

Saúdos.