A Xunta concedeu en 2021 axudas mensuais por valor de 5.2M€ a 612 mulleres vítimas de violencia de xénero

10,00 h.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, entregará ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o Informe anual 2021 sobre violencia de xénero en Galicia e os informes anexos sobre prestacións periódicas a vítimas da violencia de xénero e sobre violencias sexuais. No despacho da Presidencia do Parlamento de Galicia (no Pazo do Hórreo). foto xoán crespo

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo entrega hoxe, ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, do Informe anual de violencia de xénero 2021, elaborado polo seu departamento, así como doutros dous informes específicos anexos sobre as prestacións periódicas que a Xunta concede ás vítimas da violencia de xénero e sobre as violencias sexuais. A Xunta vén de conceder en 2021 un total de 612 axudas mensuais para que as mulleres vítimas de violencia de xénero consigan acadar a independencia económica suficiente que lles permita iniciar o camiño da ruptura coa situación.

O desenvolvemento de mecanismos legais, económicos e sociais que preveñan e loiten contra a violencia de xénero constitúe unha acción prioritaria do Goberno galego. Con esta finalidade, a Xunta concede axudas económicas de ata 800 euros mensuais e durante un período de 12 meses para que as mulleres vítimas gañen autonomía económica respecto do agresor ou da persoa que mantén sobre elas unha relación de dominación, no caso das situacións de trata.  

AVANTAR ACTIVIDADES

Estas convocatorias anuais, que se manteñen con prazo aberto durante todo o ano, fan que Galicia sexa comunidade referente neste tipo de apoios que o ano pasado supuxeron un investimento de 5,2 millóns de euros, achegando pagamentos mensuais de ata 800 euros (contías baremadas en función das rendas e ingresos) ás beneficiarias. 

Destas mulleres, o 72% tiñan menos de 46 anos e o 51% contaban con fillas e/ou fillos menores ao seu cargo. Máis do 78% das beneficiarias, pola súa banda, foron mulleres desempregadas.

Pero as periódicas, non son as únicas axudas económicas que a Xunta concede cada ano ás vítimas da violencia de xénero. En total, en 2021, acadáronse case os 1.000 apoios económicos: ás 612 concedidas de carácter mensual, súmanse outras 324 outorgadas da liña de pagamento único (324 beneficiarias) e as 13 axudas que garantiron que as mulleres recibisen as indemnizacións recoñecidas por sentencia xudicial.

Apoios ao emprego

A Xunta está a reforzar, por outra banda, os apoios para a formación e o emprego para as mulleres vítimas a través da Consellería de Emprego e Igualdade, co obxectivo de favorecer a súa inserción laboral e mellorar a súa empregabilidade. Nesta liña, as vítimas da violencia de xénero teñen acceso preferente as actuacións autonómicas, en concreto, aos servizos de orientación laboral, aos cursos de formación ocupacional e aos programas mixtos de formación-emprego.

Grazas ás axudas para a contratación de vítimas de violencia de xénero, o pasado ano 155 mulleres atoparon un traballo a través do programa de inserción laboral e os apoios aos concellos e ás entidades sen ánimo de lucro destinados a este fin.

Os informes hoxe entregados pola conselleira María Jesús Lorenzana ao Parlamento, sitúan a Galicia como punta de lanza no apoio dispensado ás vítimas, desde un punto de vista transversal tanto no eido da prevención e sensibilización, como do apoio e atención integran ás mulleres afectadas por esta lacra.

Neste sentido, o ano pasado, 1.169 vítimas recibiron apoio psicolóxico por parte da Xunta, o 26% menores. A través do programa Abramos o círculo, de atención psicolóxica a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella, atendeuse a 136 homes, un 20,5% máis que no ano precedente.  

No eido xudicial, a quenda permanente de garda atendida por letrados especializados interveu en 1.571 asuntos relacionados coa violencia de xénero, cun investimento por parte da Xunta de máis de 185.000 euros, para garantir a asistencia xurídica necesaria.