O BNG celebrará o vindeiro domingo 1 de maio unha xornada de convivencia, chea de actividades culturais ao longo de todo o día e aberta á veciñanza

No BNG pretenden reivindicar a cultura e a importancia do sector cultural de Ourense nun mandato municipal caracterizado pola discriminación e os ataques constantes ao sector

Baixo o lema “+ Ourense + cultura” o evento comezará cun xantar popular e continuará con actuacións musicais, representacións teatrais, proxeccións e lectura de poesía

AVANTAR ACTIVIDADES

 Coa fonte das Burgas como testemuña, o BNG de Ourense presentou esta mañá o evento que a organización nacionalista está a preparar con motivo do vindeiro 1 de maio na explanada traseira do rianxo da Praza de Abastos nº 1, no Parque Barbaña. Na presentación estiveron a concelleira Rhut Reza e o concelleiro Luis Seara acompañados por Diego López, integrante do grupo musical Malheira, un dos participantes no evento.

A concelleira Rhut Reza comezou a súa intervención lembrando que “a cultura é vida e a vida non se entende sen a cultura”, e engadiu, “do mesmo xeito que non existiría a sociedade sen linguaxe, tampouco existiría a sociedade sen cultura”.

Segundo Reza Álvarez “a cultura non é unha actividade para o tempo libre senón que é o que nos fai libres todo o tempo. No BNG concibimos a cultura e a política cultural non só como unha labor de difusión senón como un conxunto no que ten que ter cabida o apoio á creación, á participación, á investigación e ao asociacionismo cultural en relación ao que somos como nación e como pobo”.

A concelleira nacionalista deixou claro que un dos obxectivos básicos do BNG é a democratización no acceso á cultura partindo da base de que “é un dereito e como tal debemos fomentar unha participación ampla e con vocación maioritaria”.

Por último, Reza acusou ao actual Goberno Local de PP e DO de machacar e atacar á cultura de Ourense sinalando que mesmo mudaron o nome da Concellería para eliminar o propio termo.

Igualmente fixo repaso de todos os eventos e certames culturais propios e de referencia que ao longo do presente mandato foron eliminados como son o Outono fotográfico, a MITEU, a FITO, o Pórtico do Paraíso, ou o Corpo á Terra xunto ao peche do Museo Municipal, a pretensión de cambio de usos da Sala Valente, ou o intento de privatización do Auditorio son soamente algúns exemplos do “desprezo do actual goberno á cultura ourensá”.  

Para o concelleiro Luis Seara este é o motivo fundamental que leva ao BNG a non resignarse diante da actual situación, polo que optamos por “realizar este acto de rebeldía que vai máis alá da reivindicación da cultura propia, que vai na liña da recuperación da autoestima colectiva e dos nosos sinais de identidade”.

Segundo Seara e pese á desfeita actual, ” Ourense segue a ter un tecido cultural vizoso e iso é o que nós queremos pór en valor”. O acto desenvolverase na explanada traseira do rianxo da Praza de Abastos nº 1, no Parque Barbaña a través dun acto “lúdico, festivo e reivindicativo”.

A xornada do 1 de maio comezará cun xantar popular de convivio e confraternización para continuar ao longo de toda a tarde con diversas actuacións musicais a cargo de grupos como “As da Chispa”, o Grupo “Marcarpone” ou “Malheira”, encargados de pechar o acto. Ademais haberá lectura de poesía e pequenas representacións teatrais.

Luis Seara aproveitou a rolda de prensa para agradecer todas as mostras de apoio á iniciativa nacionalista recibidas nas últimas semanas por parte de numerosas persoas e colectivos ao tempo que animou a toda a veciñanza a participar no evento.

Para o integrante do Grupo Malheira Diego C. López, “participaremos no acto para reivindicar á cultura e para denunciar a ignorancia e o maltrato que estamos a recibir por parte do concello ao longo de todo este tempo”.

Para Diego López “con este acto queremos que se escoite a nosa voz e denunciar que levamos anos sen ningún tipo de apoio, sendo como é a cultura unha das cousas máis importantes neste momento”.