A Deputación recibe da Xunta 100 novos colectores de reciclaxe para potenciar un servizo de recollida e tratamento de lixo único en Galicia

A entrega dos novos contedores tivo lugar esta mañá no punto limpo do polígono industrial de San Cibrao das Viñas coa presenza, entre outros, da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez

O deputado destacou que esta achega “vai contribuír a dar pulo ao servizo que presta a Deputación na práctica totalidade do rural da provincia”, subliñando a continua mellora “grazas á boa xestión que realiza a área de Medio Ambiente e maila concienciación dos concellos que teñen delegada a súa competencia”

AVANTAR ACTIVIDADES

A conselleira afirmou que o novo material permite realizar “un traballo encomiable á única Deputación que presta este servizo nunha provincia na que, ademais, a dispersión da poboación non fai doado este labor”

Estes cen colectores permitirán á Deputación potenciar un servizo que atende as necesidades de dous terzos dos habitantes da provincia, 200.000 persoas, en máis de 70 concellos

Con este acto, nos últimos cinco anos entregáronse 10.000 contedores en Galicia para fomentar a reciclaxe

San Cibrao das Viñas, 20 de abril de 2022.- A Deputación de Ourense conta desde hoxe con 100 novos colectores para a reciclaxe de envases lixeiros e papel-cartón -popularmente coñecidos como contedores amarelos e azuis- entregados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dentro do convenio marco asinado entre a Xunta de Galicia e a empresa Ecoembes. Un cento de unidades que permitirán á Deputación potenciar un servizo intermunicipal de recollida e tratamento de lixo único en Galicia e que atende as necesidades de dous terzos dos habitantes da provincia, 200.000 persoas, en máis de 70 concellos.

A entrega dos novos colectores tivo lugar esta mañá no punto limpo do polígono industrial de San Cibrao das Viñas coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o xerente da Zona Norte de Ecoembes, Fernando Blázquez; e o alcalde de san Cibrao, Manuel Pedro Fernández.

Pablo Pérez situou a política medioambiental da Xunta “á vangarda de calquera dos gobernos europeos”. Un traballo exemplar, dixo, que xunto co convenio asinado con Ecoembes “vai contribuír a dar pulo ao servizo que presta a Deputación na práctica totalidade do rural da provincia e que non deixa de mellorar, grazas á boa xestión que realiza a área de Medio Ambiente e maila concienciación dos concellos que teñen delegada a súa competencia”.

Pola súa banda, a conselleira destacou que coas novas unidades entregadas hoxe son xa 1.142 os colectores de reciclaxe postos a disposición dos concellos da provincia por parte da Xunta e Ecoembes. Un material que permite realizar “un traballo encomiable á única Deputación que presta este servizo nunha provincia na que, ademais, a dispersión da poboación non fai doado este labor”. Con este acto, engadiu, nos últimos cinco anos entregáronse 10.000 contedores en toda Galicia para fomentar a reciclaxe.

5.200 colectores amarelos e azuis na provincia

Os cen novos colectores súmanse aos preto de 500 contedores que a Xunta e Ecoembes entregaron á Deputación hai catro anos, 450 deles para envases lixeiros e 30 para papel-cartón. En conxunto, a Deputación de Ourense conta con preto de 5.200 unidades distribuídas por máis de 70 concellos. Deste total, 900 colectores pertencen á fracción azul, recollendo o papel e cartón que depositan 124.000 habitantes de 61 concellos. O resto dos contedores, case 4.300, facilitan a reciclaxe de envases lixeiros a unha poboación de 147.000 persoas, destacando neste caso a pureza dos residuos recollidos nestas unidades e que alcanza ata o 75 %.