Gabriel Alén subliña o valor do turismo familiar do “Escape Room Xacobeo 21-22”

  • O delegado territorial sinalou que se trata de dar a coñecer o fenómeno xacobeo desde un punto de vista lúdico, que no caso de Ourense xirará entorno ao Camiño Mozárabe ou Vía da Prata

Ourense, 21 de abril de 2022. – O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, o albergue Eligio Rivas de Ourense no que se desenvolverá a partir de mañá e ata o 1 de maio o Escape Room Xacobeo 21-22, que consiste en crear unha misión cuxo contido é temática é o Camiño de Santiago e a promoción do Xacobeo 21·22.

O delegado territorial sinalou que se trata dunha novidosa iniciativa que busca “fomentar o turismo familiar e dar a coñecer o fenómeno xacobeo desde un punto de vista lúdico”; e engadiu que “achegamos o Camiño á poboación infantil e ás familias fomentando o coñecemento do fenómeno xacobeo; que no caso de Ourense xirará entorno ao Camiño Mozárabe ou Vía da Prata”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os interesados en participar terán que facelo en grupos dun máximo de seis persoas maiores de 6 anos e contarán en todo momento cun director de xogos e un monitor. Para inscribirse só terán que enviar un correo electrónico ao enderezo lucusescaperoom@gmail.com.

Tras o seu paso polo albergue de Betanzos e o Juan Manuel López Chaves de Vigo, chega a Ourense para terminar nas fins de semana de maio no albergue de Samos e na Casa Forte de Lusío en Lugo, cun segundo Escape room de maior complexidade, atrezzo e decoración, que xa ten todas as prazas cubertas.