O grupo socialista urxe á Xunta “que deixe de ficar impasible” ante os delitos de odio reiterados o colectivo LGTBI

Noelia Otero insta a Xunta a “tomar cartas no asunto” e desenvolver a lei galega de LGBTI tralo presunto ataque homófobo sufrido nos últimos días a dous mozos en Vigo

A voceira de LGTBI do Grupo Socialista, Noelia Otero, pediu hoxe á Xunta “que deixe de ficar impasible” ante os delitos de odio reiterados contra o colectivo LGTBI en Galicia. Fíxoo, despois de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento tralos presuntos ataques homófobos ocorridos nos últimos días nas cidades de Vigo e Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Nun país democrático, os discursos de odio, e en especial as agresións cara ao colectivo LGTBI non poden ter cabida, pero seguimos asistindo tamén na nosa comunidade a episodios de LGTBIfobia ante os que a Xunta non fai nada”, denunciou a socialista.

A Xunta, sinalou a socialista, “ten a obriga e a responsabilidade de cumprir a lei contra a discriminación e pola igualdade de trato das persoas LGTBI e o seu pasotismo neste asunto tradúcese en que non deixan de aumentar nos últimos meses os delitos de odio contra este colectivo”. “O goberno galego non pode deixar pasar máis tempo sen tomar cartas no asunto e a parte que lle compete e desenvolver a lei galega”, sentenciou.

Neste marco, a socialista pediu ao Executivo autonómico que poña en marcha de “xeito inmediato” campañas de sensibilización, información e formación sobre a realidade do colectivo; un plan formativo de colaboración para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e no ámbito educativo “que vaia encamiñado a acadar a formación suficiente” sobre a realidade das persoas LGTBI; así como dotar de orzamento, contido e actividade ao Observatorio Galego contra a Discriminación “para que poida desenvolver as funcións para as que foi creado”.

O ACONTENCIDO EN VIGO “NON É UN FEITO ILLADO”

“O acontecido en Vigo non é por desgraza un feito illado, xa que as agresións LGTBIfóbicas non deixan de aumentar no conxunto do Estado e tamén en Galicia”, alertou. De feito, os datos dos observatorios contra a homofobia en Madrid, Cataluña ou no Observatorio da Coruña, sinalou, “reflicten tamén un aumento do número de incidentes e todo indica que se trata dunha constante en toda a nosa xeografía, sen excepción”.

Estas “actitudes violentas”, subliñou, “que causan un gran sufrimento ás vítimas e que, en moitos casos, nin se chegan a denunciar, están alentadas e precedidas polos discursos de odio, especialmente cando estes institucionalízanse ou normalizan no ámbito público”, polo que é preciso que a Xunta desenvolva “todas as ferramentas a súa disposición” para loitar contra esta cuestión e avanzar na igualdade e non discriminación.