O PadeG de Ourense afirma que o anteproxecto de veladores presemtado por Jácome e o PP da renda solta a “arbitrariedade” na concesión de licenzas de terrazas.

Denuncian que o anteproxecto da “manga ancha” para que sexa a xunta de goberno local a que resolva con criterios “políticos” e non “técnicos” a concesión de licenzas en determinados lugares

Alertan de que esta forma de actuar do bigoberno municipal “pode derivar nun clientelismo político, do que debería afastarse calquera normativa” e avogan por unha normativa de “conciliación e consenso”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 21 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense afirma que o anteproxecto de veladores presentado no día de hoxe polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e os seus socios de goberno do Partido Popular, da renda solta a “arbitrariedade” na concesión das licenzas municipais para a instalación das terrazas. Os socialistas denuncian que o anteproxecto da “manga ancha” para que sexa a xunta de goberno local a que resolva con criterios “políticos” e non “técnicos” a concesión de licenzas en determinados lugares, situación que non comparten.

Dende o Grupo Municipal Socialista avogan porque se desenvolva esta normativa, “pola que levamos moito tempo agardando” e apuntan que “temos que darlle solucións tanto a hostalería como a veciñanza”. Os socialistas critican que o bigoberno do PP e DO “traten de darlle un uso político a unha normativa pública” e sinalan que a ordenanza de veladores debe de ser unha normativa “pública, transparente e coordinada con todos os axentes sociais implicados”.

O PSdeG-PSOE de Ourense destacan a “ambigüidade” do proxecto que o goberno municipal pretende levar a práctica e destacan que “hai que apostar polo consenso e a conciliación entre a hostalería e a cidadanía, sen que primen os intereses partidistas de ninguén”. Neste senso, os socialistas tamén lembran que levan máis dun ano reclamando que se aprobe a ordenanza, co obxectivo de “mellorar a convivencia na cidade”, pero consideran que o anteproxecto presentado “non da resposta a estas necesidades”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, apunta a que a política “xoga un papel para crear unha ordenanza xusta e transparente, pero nunca para que se deixe marxe o alcalde para actuar o seu albor”. Neste senso, o secretario provincial dos socialistas ourensáns tamén denuncia que Jácome e o PP “pretenden que en determinados lugares da cidade sexa o Concello o que decida como se reparten as licenzas, sen seguir uns criterios xustos e equitativos e é algo co que non estamos de acordo”. Villarino tamén resalta que esta forma de actuar “pode derivar nun clientelismo político que debe afastarse da redacción e aprobación de calquera normativa”.

Para a concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Juana Ageitos Gude, a clave está en “delimitar o espazo destinado as terrazas, co fin de deixar definido cales son os puntos nos que se poden situar as terrazas ou cantas mesas poderán colocar”. A edil socialista ten claro claro que a ordenanza de veladores “debe permitir a conciliación do descanso e o benestar da veciñanza, ao mesmo tempo que garante a actividade económica que se desenvolve a través da hostalería”.

Outro dos puntos de debate na xuntanza foi a ocupación de zonas de aparcamento, para empregalas como veladores. Os socialistas sinalan que “debe conxugarse os intereses dos hostaleiros cos da veciñanza, porque cabe destacar que en moitos lugares da cidade non existen espazos para aparcar e a cidadanía ten que dispor da rúa para deixar os seus vehículos”. Neste senso tamén manifestan que “os hostaleiros pagan as súas licenzas e os veciños e veciñas os seus impostos, polos que todos teñen dereitos e obrigacións e reclaman unha cidade digna, coas rúas limpas e ben atendidas”.

Os socialistas tamén aproveitaron a xuntanza para solicitar información sobre “supostas” consultas que o goberno municipal está realizando con empresarios hostaleiros de determinadas zonas da cidade, tal e como afirmaron fontes do goberno municipal durante a reunión celebrada esta mañá. Os socialistas puxéronse en contacto con algúns empresarios de zonas como a Praza de San Antonio ou o Parque de San Lázaro que lles confirmaron que “non se reuniron con ningunha persoa en representación do Concello”. Neste senso, dende o PSdeG-PSOE de Ourense afirman que “se esas reunións se están celebrando, non se están tendo en conta a todos os e as representantes hostaleiros das zonas”.