Para Espazo Común o Psoe ten un comportamento e unha opinión reversibles segundo fale no Carballiño ou en Ourense

A privatización do lixo, os plans de prevención de adiccións ou as subvencións a dedo convirten a Fumega no reflexo de todo o que os socialistas critican na cidade.

É unha tomadura de pelo aos cidadáns dicir unha cousa na capital e outra a 25 quilómetros, na primeira vila da provincia.

AVANTAR ACTIVIDADES

É moi evidente que vivimos tempos convulsos e dunha fonda desafección política, o que leva a que a coherencia comece a ser un valor en completo desuso.

Resulta totalmente comprensible que a cidadanía dea as costas ás institucións e aos seus representantes e a valoración que se fai destes sexa case sempre negativa. Sobre todo cando observamos como algúns cargos políticos son capaces de manter discursos e comportamentos diametralmente opostos estean nun lugar ou noutro, a tan só 25 quilómetros de distancia.

O goberno socialista do Carballiño é un claro exemplo disto. E o alcalde Fumega e o seu voceiro Diego Fernández, á súa vez deputado provincial, son auténticos profesionais daquel dito de “onde dixen digo, digo Diego”. Sen ruborizarse o máis mínimo.

Así, namentres na Deputación critican ferozmente as subvencións directas, no Carballiño reparten máis do 90% das axudas con este formato con cantidades que rondan os 300.000€ anuais. Tal é a dobre moral que no mes de novembro votaron no Concello en contra da mesma moción que eles mesmos presentaron no organismo provincial pedindo a supresión deste tipo de prácticas.

Temos outra mostra na privatización do servizo do lixo iniciada pola Deputación ourensá, alí o PSOE é claramente contrario a esta medida e incluso levou unha moción para expresar o seu rexeitamento. Os argumentos empregados son: empeoramento e encarecemento do servizo, que se é un negocio de Jácome e Baltar…

 Sen embargo, no Carballiño, primeira vila da provincia e, polo tanto, a máis importante das que figuran no proxecto, o alcalde e o seu grupo, votaron en contra dunha iniciativa de Espazo Común que dicía exactamente o mesmo. Os argumentos ofrecidos por Diego Fernández (quen no Pazo Provincial votou a favor) non foron máis ca un intento de tomar á veciñanza por parva.

Seguindo coa xeira de funambulismo político, a semana pasada vimos na prensa coma o PSOE da cidade de Ourense denunciaba a  existencia de máis de 500 máquinas de apostas nos bares e demandaba un Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas.

Pois ben, o goberno de Fumega votou alá polo mes de xullo pasado en contra dunha iniciativa semellante presentada por Espazo Común. O único obxectivo era e é educar e concienciar á xuventude dos perigos do alcohol, as drogas e o xogo. Alguén pode estar en contra? Pois o goberno do Carballiño si.

Pedimos dende aquí máis rigor e seriedade, pois non poden continuar con estes cambios de criterio segundo de donde veña o aire dos seus propios intereses políticos e persoais.

Non é serio, nin bo para a imaxe dunha vila que debera aspirar a ser exemplo e referencia e que, a día de hoxe, máis ben semella condeada a política de charanga.