Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Por Felipe-Senén

Hai biografías sen fin que aínda están por encetar, de xente que seguía a estrela de servir, con ansia de aportar á sociedade dalgún  e de  moitos xeitos á vez, os que abriron camiños pra que outros seguiran, a veces tamén ignorándoos. Unha desas figuras, humildes, falangueiras, ansiosas de compartir experiencias e saber, foi o fotógrafo Alberto Martí Villardefrancos (1922-1987), quen aínda sendo compostelán de orixe a súa activa vida desenvólvese na Coruña.

AVANTAR ACTIVIDADES
Alberto Martí

E traémolo a estas paxinas, e de moi bo grado, por telo coñecido e compartido momentos daquela Historia que nos pasaba por diante, cun sólido vencello por medio: o Carballiño. Terra moi querida, visitada e fotografada por Martí, por ser a súa muller nacida no Carballiño e no mesmo edificio da Casa Consistorial, pois o seu pai era o encargado da cárcere e natural da Almuzara de Boborás. A Martí, que a sua muller era o seu norte, acendíanselle os ollos ao dicir Carballiño, palabra como máxica, e ben comprobado temos que abre portas.

Alberto Martí Villardefrancos naceu un 18 de marzo do 1922 en Compostela. Casado, como dixemos, coa carballiñesa María Rodríguez Careaga  en outubro de 1947 e na igrexa de San Nicolás da Coruña, cidade onde a familia da mesma  vivía po ter ser desprazado o seu pai, dende o Carballiño, agora ascendido como xefe da prisión da cidade herculina. Matrimonio do que naceron tres fillas.

Carballiño, concello, 1947, Foto Alberto Martí

Alberto Martí foi  coruñés de devoción, traballador  incansable, documentalista do noso tempo. Fotógrafo dende os 10 anos, autor entón dunha instantánea das cuadrículas brancas das galerías da Mariña coruñesa e dende entón sempre soubo estar a pe dos acontecementos con cámara de fotos ao lombo. Comezou aos doce anos facendo recados na celebre casa de fotografía da Rúa Real, “Foto Blanco”, gañándose a confianza e o agarimo de todos, pasando no ano 1953 a ser propietario daquela empresa imprescindible no acontecer coruñés, seguidora dunha fonda tradición fotográfica. Morreu aos 95 anos na cidade que quería e defendía, foi un 29 de setembro do 2017. Pioneiro entre os fotoxornalistas, cun gran legado que mimaba, conservado e ben organizado; dicía que os seus negativos eran o seu herdo.

Era aquela a Coruña capital de Galiza, competente cidade, onde un día 7 de xaneiro do 1953, foi apoteótica e inesquecible a actuación da Tuna no Carballiño no Teatro Colón.

Tuna do Carballiño, Concello da Coruña 7 -I- 53 (Foto Cancelo, Arquivo F.._

Rondalla composta por músicos de todas as idades e profesións, recibidos, aclamados e fotografados no concello desta cidade polo veterano Juán Cancelo, outro grande das instantáneas, este era, pola contra, o fotógrafo de “El Ideal Gallego”.  Pois Martí era o fotógrafo  do xornal rival, “La Voz de Galicia”, máis admiraba e consideraba mestre a Juan Cancelo. Ambos dos poucos fotógrafos autorizados a fotografar ao ditador. Alberto Martí colaborou con “La Voz”  ata a súa xubilación no 1982, adiantada esta por un accidente de tráfico que lle afectou a mobilidade pero sempre presente. Xornal onde se lle reclamaba, así nos parladoiros  de “Radio Voz”. A perda da súa muller foi ben sentida e il, sempre elegante, de chaqueta e garabata, mantivo o loito como unha permanente lembranza dende aquel 21 de abril do 1997.

Así é que as páxinas da  historia Coruña, as que corresponden ao seu tempo de vida, non terían explicación sen as fotografías de Martí. Documentos históricos que dende as perspectivas do tempo e na medida que se estudan se van recoñecendo e historiando, máis aínda ao coñecer as peripecias dese seu autor: sempre cargado con maquina de fotos de último modelo e obxectivos, buscando o ángulo estratéxico, tanto no acontecer cotián como nos solemnes protocolos, que naquela Coruña había moitos. Aínda que a súa humildade sempre o facía estar na parte das sombras. Sabía onde situarse, arriscábase incluso subindo a alturas difíciles, a grúas a edificios en construción ora contextualizar a particularidade… Alí estaba, non podía faltar onde se falaba de historia, en inauguracións, en visitas ilustres, festas, pasamentos, catástrofes…

Fotógrafo recoñecido, premiado en varias ocasións, entre eles no 1960 co Premio Nacional de Periodismo Gráfico,  o que xa é ben indicativo. E foino por unha foto dun atraco, a punta de navalla, a un bar da coruñesa e concorrida rúa dos Olmos.. Sumou ao seu arquivo a máis do legado de foto Blanco, negativos e fotos de Sellier e de Ferrer… con visión de futuro entendía o que significaba a fotografía . Así que  o seu fondo documental é incontable, de millóns de negativos, os que sempre quixera pra Coruña que amaba e defendía. Patrimonio único, mimado, revalorizado ao cabo dos anos, que precisa tamén coidados especiais e continuos, actualizarse polos sistemas dixitais ,documentarse e que as administracións non deben perder de vista.

Aínda que a fotografía era o seu todo, Alberto foi, dende mozo e durante toda a súa vida,  profundo colaborador e ata presidente dende o 2009 da Cociña Económica da Coruña, na rúa do Orzán, unha institución desas filantrópicas que caracterizaron e exemplarizaron á cidade. Espazos onde acoller e dar de xantar quente e agarimo a quen non o tiña. El, tan atento ao acontecer, do que sobraba e do que faltaba, de onde estaba a pobreza, coa súa simpatía, diplomacia e coruñesismo conciliaba e atraia dacións para esta fundación. O Concello da Coruña soubo corresponder e editou un albúm antolóxico con algunhas das fotos del sobre a cidade.

Fotos das Terras do Carballiño entre ese tesouro documental de millóns de negativos

Martí prefería as paisaxes humanizadas, onde o ser humano é o protagonista. Arquivo onde son antolóxicas as despedidas e as arribadas dos emigrantes no porto coruñés, os testemuños dos anos cincuenta e dos sesenta, as series fotográficas que el chamaba “os adeuses” : a hora das despedidas, entre os fardos, os baúles e as maletas, vestindo traxe novo… e aínda os zocos cun aquelo de lealdade á Terra… e a topografía deses rostros de mozos encunchados baixo a boina negra,  póndolle ansia ante a aventura, a pesar de todo: o que subían temerosos a un trasatlántico rumbo do descoñecido, co bornal ao lombo, si acaso cunha maleta nova e de cartón, topografía de dor, despedíndose dos seus cun pano branco entre o fume do barco… Tristes documentos de saudades, de nostalxias, de incertezas e pesares nas que aniña a depresión. Sentimentos de seres humanos, tristes como foi o seu tempo e no que el mesmo se enloitaba, peóns nos escenarios dunha urbe que parece poder sobre eles, a carón dun trolebus, a pe de obra, indo a non se sabe onde  e quizás no fondo as nubes, o mar e os montes póndolle ao escenario un pentágrama. E como non, tampouco faltan daqueles anos da ditadura, os desfiles militares, as distancias entre o pobo e os gobernantes…os uniformes, as medallas… o consello de ministros, os banquetes… Meirás e o seu incendio  no 1976 ,o  retorno a súa cidade de Salvador de Madariaga… Unha cidade en muda constante, en  transformación polo desapiadado desenrrolismo, o dramático accidente de aviación de Montrove (1973), o incendio do petroleiro Urquiola (1976) e o outro petroleiro Aegean Sea (1992)  na baía coruñesa … vodas, bautizos, conducións fúnebres, festas… albumes de empresa…

Sabemos que entre ese  legado de Alberto Martí hai abondantes fotos do Carballiño, das idas e voltas familiares aos orixes da muller, en busca das lembranzas. Ben mo contaba e mesmo me agasallou con algunhas. Documentos que, dalgún xeito complementarían o moi rico patrimonio fotográfico do que xa goza a vila e que moi ben souberon entender, conservar e espallar colectivos e persoas como a Asociación “O Potiños”, Miguel Anxo Fernandez, Xosé Luis Díz, Pepe Prada.. entre tantos outros. Documentos que axudan a compoñer o crevacabezas da historia dunha vila que case nace ao tempo que a fotografía.

Carballiño, 1947, Foto Alberto Martí

Coincidimos en programas de tv, en tertulias de radio, en conferencias e parladoiros…el sempre con aquela elegante bonhomía, como apoiando o peso da súa longa experiencia no seu caxato patriarcal…e sempre dirixíndome unhas palabras nostálxicas de lembranza a súa muller e ao Carballiño que ben coñecía e quería.

Paso con frecuencia polo cemiterio de San Amaro, onde nesa proa marítima acougan moitos carballiñeses, amigos, forasteiros que nos visitaban, preto das tumbas de Murguia, Pondal, Curros, Marcial del Adaliz, Martínez Salazar,  Vilar Ponte, Wenceslao Fenández Florez, Pérez Lugín…e tantos e tantos célebres, como o mesmo fotógrafo Manolo Ferrol que mesmo nos acompañou moitas veces de xeira polas terras do Carballiño e por Galiza adiante….sobre esas campas, como na da familia de Alberto Martí, pouso un feixe de nostalxias.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño