Carballo-Calero investiga nun libro editado pola Deputación a transformación urbanística e arquitectónica de Ourense entre 1880 e 1936

-12.00 horas: Presentación do libro “La transformación de una ciudad: Ourense (1880-1936)”, de María Victoria Carballo-Calero Ramos.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participa na presentación do libro “La transformación de una ciudad: Ourense (1880-1936)” xunto a autora, María Victoria Carballo-Calero Ramos. Lugar: Aula central do Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Manuel Baltar participou no Centro Cultural Marcos Valcárcel na presentación do volume, una actualización do traballo que a propia autora publicou a mediados dos noventa do pasado século sobre a evolución da cidade

O presidente do goberno provincial afirmou que a historiadora presenta un gran traballo “que pon a disposición das persoas que teñan ese vivo interese por unha etapa histórica na que se transformou a “Atenas de Galicia”, grazas á creatividade de importantes arquitectos”

AVANTAR ACTIVIDADES

O volume é o resultado dunha investigación que “nos axuda a comprender mellor o que foron e seguen a ser as cidades que herdamos e debemos respectar sen destruílas”, dixo a catedrática de Arte Contemporánea recollendo as palabras de expertos

Ourense, 22 de abril de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel na presentación do libro La transformación de una ciudad. Ourense (1880-1936), una actualización do traballo que a propia autora, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo María Victoria Carballo-Calero, publicou a mediados dos noventa do pasado século. Unha oportunidade máis, afirmou Manuel Baltar, “para demostrar o compromiso inquebrantable e maila aposta da Deputación pola cultura de seu desta provincia”.

O presidente do goberno provincial puxo un valor a revisión dun estudo sobre a evolución dunha cidade como Ourense, que “bulía a comezos do século XX, que sabía cara onde quería ir e que estaba conectada coas vangardas intelectuais e culturais, incluída a Xeración Nós”. Para Manuel Baltar, a catedrática presenta un gran traballo “que pon a disposición das persoas que teñan ese vivo interese por unha etapa histórica na que se transformou a “Atenas de Galicia”, grazas á creatividade de importantes arquitectos”.

Destacou expresamente Baltar que o Consello Asesor de Publicacións da Deputación, que valora todas as propostas que teñen que ver coa difusión de Ourense desde múltiples vertentes, “non tivo ningunha dúbida en que recuperar este traballo era facerlle un favor aos ourensáns de hoxe e de mañá, nunha demostración máis de que ninguén pode interesarse máis polo propio que o goberno da provincia de Ourense”.

Manuel Baltar aproveitou o acto de presentación do volume para lanzar un novo reto á historiadora, co fin de que actualice outra publicación na que tamén participou e que data de finais da década dos oitenta: El santuario de Nuestra Señora das Ermitas, tamén co propósito de  “poñer en valor outro dos grandes tesouros do noso patrimonio”.

Obxectivo cumprido

María Victoria Carballo-Calero, que recolleu a encarga de Baltar, agradeceu o apoio da Deputación para a publicación dun libro “que sae á luz case que como unha aposta persoal do presidente”, ao tempo que tamén quixo destacar o traballo realizado polo editor, Miguel Anxo Carballo, e as novas imaxes incorporadas coas fotografías de Alberte Paz.

O volume é o resultado dunha investigación “nos eidos do urbanismo, como ciencia da cidade, e da arquitectura”, explicou a autora, “e nos axuda a comprender mellor o que foron e seguen a ser as cidades que herdamos e debemos respectar sen destruílas”, dixo recollendo as palabras de expertos.

Carballo-Calero considera cumprido o obxectivo que se marcou: “Ofrecer unha visión íntegra dunha cidade nun período fundamental para a súa historia como o que vai desde a Restauración ata a Guerra Civil”. Para elo e ao longo de máis de 200 páxinas, a historiadora fai unha primeira aproximación á sociedade, á política e maila cultura do momento, repasa a transformación urbanística e arquitectónica de Ourense e establece unha serie de conclusións que xiran en torno á evolución da cidade, desde o formalismo da etapa de fin século ata as aproximacións ás tendencias modernistas da primeira década do século XX.