Gabriel Alén destaca que a FP galega é xa sinónimo de innovación aplicada

  • O delegado territorial explicou que ‘dende a Xunta poñeremos en marcha unha Estratexia de FP 2021-2030 que responde ao contexto nacional, pero tamén ao internacional, cunhas dinámicas produtivas cada vez máis enfocadas ao dixital ou aos traballadores por conta propia’
  • Trátase dunha folla de ruta a través da que o Goberno galego investirá 900M ata 2024 para consolidar a Rede de Centros Integrados de FP de excelencia e fortalecer a persoalización da formación

Ourense, 22 de abril de 2022.- “Innovar é construír cidadanía”; así o manifestou o delegado territorial da Xunta en Ourense esta mañá na clausura do III Foro de Innovación Educativa do Seminario Menor que se desenvolveu na vila de Ribadavia; onde destacou que a FP galega é xa sinónimo de innovación aplicada, pero a apertura do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, emprazado en Ourense en colaboración coa Deputación Provincial, traerá consigo novas oportunidades neste ámbito.

Formar como vía para obter mellores empregos, desenvolver emprendementos e, así, -continuou Gabriel Alén-  “mellorar a calidade de vida individual, pero a clave da educación é a formación de cidadás e cidadáns con capacidade de relacionarse desde a valoración mutua e o de respecto aos dereitos humanos”. Formar seres humanos con intelixencia socioemocional e empatía pola súa contorna, sentenciou.

AVANTAR ACTIVIDADES

Innovando a través por exemplo da FP Dual, -sinalou Gabriel Alén- que abre vías de colaboración directas entre tecido empresarial e centros educativos, e que queremos que se converta é unha ferramenta estratéxica para a Galicia do futuro. Así o demostra a colaboración de máis de 10.800 empresas en 2021, un aumento do 43,2% na última década; 216 centros de FP en toda Galicia: 138 nas cidades e 78 no rural; e un orzamento dende 2009 ata hoxe de 3.600M de euros.

O delegado territorial explicou que “dende a Xunta poñeremos en marcha unha Estratexia de FP 2021-2030 que responde ao contexto nacional, pero tamén ao internacional, cunhas dinámicas produtivas cada vez máis enfocadas ao dixital ou aos traballadores por conta propia”.

Trátase dunha folla de ruta a través da que o Goberno galego investirá 900M ata 2024 para consolidar a Rede de Centros Integrados de FP de excelencia e fortalecer a persoalización da formación. Estruturada en sete eixes e con 44 medidas concretas para conseguir a consecución dos obxectivos estratéxicos marcados, a nova estratexia fai especial fincapé na presenza destes ensinos no rural e no impulso da empregabilidade.

Esta estratexia a longo prazo parte de cinco principios inspiradores: formar á cidadanía para o exercicio dunha profesión, facilitan-do o acceso ao emprego; recoñecer as competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral; reducir a fenda entre a oferta formativa e a demanda das empresas; fortalecer a colaboración coas empresas en todos os niveis, e desenvolver os procesos na FP no marco dos Sistemas de Xestión da Calidade.