O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


  A aquelas persoas que tiveron a ocasión en días pasados de achegarse a estas -sempre humildes páxinas- de inmersión na contorna do concello do Irixo, poderalles sorprender o cambio de rumbo, xa que na anterior colaboración imaxinabamos un panorama morredizo ao presentarmos un “Vindeover no cadabullo”  para referírmonos a unha situación de abandono na perda dalgúns motivos que poderían irreversiblemente estar chamados á extinción (lugares enteiros,patrimonio material e inmaterial;sexa este,como sexa, de tipo arquitectónico, arqueolóxico, lendario ou de costumes) se non se bota man daquilo que foron conservando os nosos antergos -por necesidade- ou que aínda se está a tempo de poder salvarmos -por cultura- para nós e as xeracións vindeiras.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde Santiso en dirección a Saavedra, pódese ascender andando por un carreiro limpo entre o trazado da vía e o río Viñao ao fondo, pola ladeira da Freixa que vén xuntarse co roteiro dos Castros en dirección á Pena da Sela ou á Ponte pasando pola Cidá. Se empregamos algún medio de locomoción mecánico ascenderemos ata o santuario da Pena da Sela, despois de pasar pola espesa regueira coa esvelta ponte, oculta pola espontánea e rechamante vexetación. Ao redor da capela locen nestes días a súa verdecente carballeira e as amarelas mimosas. 

Carballeira,mimosas,torreiro e capela, denantes da romaría anual, 1º domingo de xullo

 Se se continúa pola ruta dos castros PRG-189-2 en dirección a Corneda podemos chegar andando ata o castro de Souteliño que, ademais, das fermosas vistas sobre parte do concello,nos acerca ata a contorna da igrexa e reitoral parroquiais. Son varios os motivos do patrimonio arquitectónico que pertenceu á familia dos Quiroga en Vilameá e Campeliños coas súas vivendas, pombais e escudo.

Pombal en Vilameá-Corneda

  Para aqueles que se acheguen desde a bisbarra do Deza, ao norte-nordeste, é dicir desde Lalín ou O Castro de Dozón, podemos facelo polo centro seguindo a estrada que comunica o concello do Irixo co de Lalín, ou ben pola marxe dereita ou esquerda.

Neste punto,ademais da estrema entre O Irixo e Lalín marca tamén os lindes provinciais

 O acceso central por estrada, se non temos en conta o que practicamente discorre paralelo ou superposto ao trazado das vías e túneles do ferrocarril, que responde en parte ao camiño dos arrieiros e o Camiño Real antigo, que, procedente do Ribeiro, pasa por Corneda e A Bugalleira- O Porto da Veiga- O Tellado -alto do Foxo-Cusanca-O Navallo- A Xesta-Lalín, a entrada ao concello do Irixo por estrada farase desde Silleda ou Lalín pola Cruz da Grade.Nese caso imos petar en primeiro lugar cos primeiros exemplares de frondosos castiñeiros ata chegar ao Llan, un dos afluentes máis altos do Viñao, antes das Campinas-Baxín (parroquia do Campo); un desvío á esquerda cara a Zacarade -restos dun castro- levaranos ata a parroquia de Cusanca ata atopármonos coa vía secundaria que baixa desde o Castro de Dozón.

 No lugar das Campinas, unha ponte medieval, A Ponteferreira, permite cruzar o río Viñao para que na marxe esquerda poidamos ver o muíño do mesmo nome.A estas alturas son varias as opcións que se nos presentan e segundo o medio de desprazamento que empreguemos e as forzas disponibles:Na “Alfarrapa”, restos do antigo campo da festa e capela na honra de San Roque, na Lama, igrexa parroquial, reitoral e carballeira coa antiga escola adaptada como velatorio.Moi preto, o lugar que se coñece como A Estación, que na actualidade sorprende polas dúas construcións tan diferentes.

 A parroquia do Campo, no lugar da Ponte, concentra unha parte dos servizos públicos: Casa Consistorial e Grupo Escolar, e Caixa de Aforros-Abanca; nas Laxas-parroquia de Dadín- os demais: Centro de Saúde, Farmacia e Residencia de maiores. Ambos lugares están unidos por outra ponte medieval.Segundo a elección do camiño a seguir, desde A Ponte pódese iniciar unha ruta que por Irixe pode levarnos ata o castro de Orros-A Cidá-Ponte de Dezau, que viría a conducirnos ata o punto que deixaramos denantes, á altura de Saavedra, segundo o itinerario PRG-189-2. Ou a outra opción é a de continuar á dereita en sentido ascendente por unha nova ruta coñecida como do Campo Grande, sinalizada cuns postes de madeira, cun fondo violeta. Son, aproximadamente quince km de distancia, tomando como punto de partida o Grupo escolar-alto de Vila-Baxín-As Campinas- A Alfarrapa-O Porto da Veiga-A Condomiña- O Coto das Laxas-Saavedra-Ponte de Dezau-Orros-e A Ponte. Neste caso son abundantes as mostras do patrimonio natural ao seu paso polos montes da Ponte-Vila-Baxín, ademais da presenza continuada de muíños de: Ríos/Vila-A Ponteferreira-O Porto da Veiga-A Condomiña- Dezau.Os bosques de ribeira e pequenas fragas, a ambas marxes do Viñao, con abundancia de amieiros, salgueiros, sanguiños, carballos ou castiñeiros son unha constante.

Roterio do Campo Grande ao seu paso por Saavedra

Tapacuña do Pío, no río Viñao, de onde parte a presa coa que moe o muíño do Freixeiro, ademais de ser empregada aquela para o baño. Outra semellante é a que se atopa abaixo da Ponte de Dezau coa que moían os muíños de entre Orros e Valdesoiro.Lembro a tapacuña da Coruxa,motivo de longo conflito veciñal-xudicial entre os veciños de Orros/A Cidá e os Da Ponte/O Campo que se mantivo enquistado durante máis de cen anos ao longo do séc. XVIII.Non foi este o único caso no que o aproveitamento das augas foi obxecto de conflito entre o vecindario, e cuxa resolución tivo que ser acordada polos tribunais de xustiza (Loureiro co Carballiño; Cusanca co Campo…). As motivacións eran diversas: regar, beberen os animais e as persoas, e, de xeito especial, para moer, o que non eran temas menores.

 Se o camiño para achegarse ao Irixo se inicia desde a bisbarra dezá, pero algo máis ao leste, desde O Castro de Dozón, entón, despois de abandonar a estrada nacional 525 Ourense-Santiago ou a Autopista, alá polo alto de San Domingos, neste caso, como dicía o meu avó:”Entre a Abeleda e A Edreira por aí debe andar”, a moi pouca distancia, despois de deixar á nosa dereita o lugar do Abeledo -ata aquí iamos algúns a cubrir as eguas, -obviamente, porque alguén tiña un cabalo enteiro-, atópanse as marcas, unha antiga -cunha especie de parafita/anta- e outra máis moderna, de que estamos no concello do Irixo, parroquia de Cusanca, e deixamos atrás a provincia de Pontevedra.

 Como en tantas ocasións temos lembrado a presenza de A.López Carballeira na fidalga casa de don Román, ao Castro chegara el desde Santiago en 1917, a onde o foran recoller para transladarse a cabalo ata a mansión da Sueirexe, e onde desfrutara dunha estancia estival de quince días, de cuxa visita nos legou unha interesantísima crónica, non tanto no persoal, senón, sobre todo, de  interese etnográfico e cultural. Neste sentido, a súa experiencia, xunta co seu guía, quedou en datas recentes de actualidade ao trataren de interpretar e documentar o que agora se vén coñecendo como “O Penedo da Ucha”-segundo as últimas investigacións debe tratarse dun lagar, aínda que se barallou a opinión de se fose unha ara ou punto onde se ofrecían sacrificios ao rei Wanda- ao pé da saída do túnel, ou lugar coñecido como “O Baluarte”-antiga propiedade que iniciara “O Cantinero”, cando se levaran a cabo as obras de construción da vía e, de xeito especial, o túnel.

Na Fraga (Rodouse a película:”Malencolía de A. Zarauza ”, estreada recentemente).Estrema co Castro.O Penedo  da Ucha. Restos de construcións de cando a feira do Tellado

 No alto de Cusanca, os sempre cativos lugares  de Chelos e Lagorzos, dan paso á case exclusiva propiedade, pola súa superficie, do concello do Irixo: O Conde, cerrada sobre si, e que ve agorgullar as primeiras augas que dan nacenza ao Viñao,con prado, espesa e soberbia carballeira, que fora adquirida pola volta dos anos de 1965 por unha persoa que despois  dos traballos de decrúa arrancando carballos e formando montañas de cañotas, se asentara alí a coidar un rabaño de vacas.  -Algunhas veces acudimos alí a cubrir as vacas-.

 Desde A Eirexe podemos dirixir os nosos pasos cara ao Tellado -con feira e polbeira os días 2 e 17 de cada mes-, ou desviármonos á esquerda de cara ao Coto  -pombal-, Cusanca,O Pedrouzo- A Fraga, e concluír o percorrido pola parroquia na Felgueira de Cusanca, que, como non  pode ser doutro xeito, dá paso á Felgueira do Campo. Na aba daqueles lugares hai abundancia de vedraños castiñeiros que comparten espazo coas demais variedades vexetais,como o que sucede nas terras de cultivo ou lameiros que, actualmente serven de pasto no mellor dos casos, ou de “sabana” autóctona a base de codesos, xestas, toxos ou silvas.

 Con respecto á outra vía de acceso ao concello desde a comarca do Deza, máis ao oeste, e a modo de percorrido inverso polo que transitaran os da Xeración Nós desde Corneda ata a parraoquia da Espiñeira, debemos suliñar un aspecto que ten especial relevancia nesta xeira primaveral e para o que reproduzo o texto da Galipedia:

“A serra do Candán é unha serra galega que se estende ao longo dos concellos de ,Forcarei, Lalín,Silleda,Beariz eO Irixo. Atópase na dorsal galega e é onde nacen os ríos Lérez, o Umia e varios afluentes do Deza. É unha zona especial de conservación (ZECA)

 A serra do Candán está incluída na Rede Natura pola riqueza dos seus ecosistemas, que varían desde os bosques de galería e as fragas nas zonas de menos altitude e nas ribeiras dos ríos, ata o monte baixo de toxo,carqueixa,queiroga e xesta. Entre a fauna presente no Candán destacan especies en perigo de extinción como o bufo real e a aguia real, xunto con especies máis comúns como o azor, o miñato, a curuxa, o lobo, o gato bravo, a denosiña e o raposo.”

 A parroquia da Espiñeira é a que participa maioritariamente desta protección e, polo tanto hai que telo presente.De entre ela están algúns dos lugares máis afastados do núcleo prinicipal do concello, A Ponte-As Laxas, a súa proximidade con Lalín ten propiciado un maior intercambio económico e social con este, ademais de ser dependente ata a década dos cincuenta da diocese de Lugo.

 Desde o Espiño-O Irixo,ou Trabazón, case baleiros, atopámonos con outros lugares máis poboados como Couso ou Carballeda  que manteñen unha certa vitalidade, na Espiñeira.

 Das dúas parroquias máis ao norte e de entre as que conta cos puntos de maior altitude, a de Froufe é quizais a que presenta un saldo vexetativo máis negativo; así nalgúns dos lugares xa non se aprecian síntomas de salvación, como foi o caso da Guixavara ou A Alén, e outros están bocexantes:Parteme, Surribas,O Covelo, Frixe, Sidre…

 De toda esta situación de baleirado, o único que se favorece é o crecemento da vexetación espontánea; así onde antes había fragas e carballeiras coidadosamente estruturadas, agora é un bosque inmenso que na primavera crea un manto verde continuo sobre eses lugares ata fagocitalos ou invisibilizalos: A Alén-Froufe, cun patrimonio arquitectonico exclusivo, froito dunha longa tradición de familia acomodada que van para alá tres séculos eran donos do lugar, hoxe baleirado, de acceso case  imposible, só se deixan ver desde o lugar de Froufe uns tellados da antiga existencia do lugar, pero cun verde intenso ao redor dos carballos, e algunhas corticeiras agochadas.

 Non só carballos e castiñeiros enseñorean por estas altitudes, así, bidueiros, sanguiños,amieiros ou  sabugueiros medran entre as paredes das casas en ruínas ou formando curiosos conxuntos  nas terras que foron de cultivo.

 Na parroquia de Froufe, podemos dicir que se atopan as mostras máis senlleiras do patrimonio vexetal -aínda que non fosen cualificadas pola Xunta- de entre as que poidan acadar este privilexio. Estamos a lembrarnos da corticeira-sobreira de Munín, do castiñeiro/s de Surribas, a fraga que rodea o que é o lugar da Alén-Froufe, ou algunhas que aparecen á entrada de moitos lugares da parroquia como: Frixe ou Sidre, e algúns bosques de ribeira como o que campa nas marxes do río “Viñas” ou da Espiñeira. A abundancia de árbores, sobre todo de castiñeiros, xa está documentada desde antigo, pois, por exemplo no Catastro de Ensenada (1753) inclúense dentro das propiedades familiares que se contabilizaban a efectos das rendas.Desde o punto de vista paisaxístico, a primavera mostra a cara maís amable para os cinco sentidos: desde as acochadas fragas no leito do río, pasando polas abas dos montes que nos rodean, ata os pelados cumes que as frías xornadas de inverno e os días tórridos do verán case impiden o asentamento de vexetación. Como estamos nos lindes coa comarca do Deza,podemos achegarnos ata a parroquia de Zobra que na súa contorna esconde varios  roteiros organizados desde Lalín,ata sorprendernos, por exemplo, coa abundancia de acivros de camiño ás Liñeiras ou as ruínas das minas que foran explotadas no século pasado, así, por exemplo desde Carballeda-A Espiñeira proponse unha ruta das minas.

De arriba a baixo, da esquerda á dereita: Castiñeiro de Surribas-Froufe;Lugares de Carballleda e Subirol; corticeira de Munín; A Alén-Froufe desde o cemiterio da parroquia; Parque eólico Ameixeiras

Como diciamos ao comenzo desta “andaina” virtual, non é posible nin recollermos todos os elementos que desde o punto de vista natural, flora e fauna, ou paisaxístico nos brinda  o concello do Irixo durante todo o ano e, na estación primaveral en particular, pero si, suxerirmos algunhas das pegadas que desde un punto de vista persoal poden valer como carta de presentación e inmersión para perderse e deixarse embrorrachar de natureza polas vías principais, e, sobre todo, polos carreiros que tempo atrás foron as arterias principais dentro dos lugares e entre as parroquias.

Miradoiro desde O Paraño sobre Nogueiroa e Parada. En Reádigos: O Casar e A Barcia.Fontes en Reádigos.Trabazón

 Se o concello pasa a formar parte da asociación nacional de “Pueblos Mágicos de España” será fundamentalmente polo patrimonio natural, e así poder estarmos á altura doutros como Ribadavia ou Larouco na provincia de Ourense, ademais doutro patrimonio que hai que salvagardar.

A natureza, cumprindo co seu ritual como o cuco, deixa estas dúas visións tan diferentes da Regueira, desde a ponte de Santiso,primavera e inverno.

 A continuación deixamos unhas mostras da sinalización dalgúns puntos de interese no concello, aínda que moitas veces cómpre “perderse” para descubrirmos as verdadeiras xoias do patrimonio cultural, pero, sobre todo valen estas referencias como información de que eses roteiros oficiciais, ademais dunha sinalización máis ou menos precisa, dannos certa tranquilidade en canto a que están practicables e, polo tanto, hai menos risco de dificultade.

Propoñemos, a modo de suxestión, unhas referencias que corresponden a tres dos roteiros principais actuais no concello: Dous deles (PRG:1-2) teñen como nexo algunhas das construción castrexas que se corresponden coas parroquias da Cidá, Corneda e O Campo, que, por outro lado, se superpoñen nalgúns puntos cos vellos camiños a Santiago (Camiño Nós:Corneda-Dadín-O Campo-Froufe-A Espiñeira), o Camiño Real e o dos Arrieiros e, o máis recente, o do Campogrande (O Campo-A Cidá-Dadín, de aproximadamente 15 quilómetros se se acomete desde o Grupo Escolar, seguindo por arriba de Vila- mámoas e minas da contorna-muíño de Ríos- O Campo Grande-Baxín- As Campinas- A Alfarrapa- O Porto da Veiga- A Condomiña- O Coto das Laxas- Saavedra- enlace co Prg-189 á altura da Ponte de Detrás-A Ponte de Dezau-rio Viñao-Orros-A Ponte).

  Para poñer final a esta andaina, e parafraseando a Á. Cunqueiro,só me resta expresar a miña esperanza de “mil floridas primaveras máis para o Irixo”, mentres poidamos seguir escoitando de cerca a bubela, a merla, a andoriña e o cuco…..e repiquen desde o alén as verbas de U. Novoneyra:

Canta o cuco cala e canta

dos castiñeiros do val.

Pasa o tempo e non di nada

e volta o cuco a cantar.

Xulio Dobarro Ferradás. O Irixo, oito de abril de 2022.


Outros artigos de Xulio Dobarro

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


VIDEO SPOT O IRIXO en BADAL TV