O PsdeG celebra conmemora unha xornada de irmanamento entre o socialismo ourensán e do norte de Portugal para promover e desenvolver ambos territorios

Durante o acto procedeuse á entrega dos premios ‘ConMemora’ ao compromiso político, á solidariedade, á igualdade, á sustentabilidade e á cooperación internacional

Tamén se aproveitou para asinar un acordo no que se formaliza o compromiso de ambos territorios con esta visión, aprobándose a creación dunha comisión mixta de traballo que se reunirá con periodicidade semestral, alternando sedes en Portugal e España

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar a primeira xuntanza provincial do socialismo ourensán ‘ConMemora’, que alude ás orixes do socialismo en Ourense, e que se celebrou esta mañá na Peroxa, baixo o lema “olladas de futuro en tempos complexos”. Na previa da xornada, tamén tivo lugar unha reunión da Executiva Provincial no auditorio deste municipio ourensán. Previamente a esta xornada, tamén terá lugar unha reunión da Executiva Provincial no auditorio deste municipio ourensán.

O acto comezou coa entrega dos premios ‘ConMemora’ ao compromiso político, que recaeu no histórico militante socialista e fundador da agrupación socialista na cidade de Ourense, Xosé Rivera Rodríguez. O premio á solidariedade recaeu nos concellos de Trives e Ribadavia, cun premio para cada un dos concellos pola súa labor e traballo cos refuxiados de Ucraína. O premio á igualdade outorgouse ao soncello de Ramirás, polo seu traballo neste senso. O premio á sustentabilidade tocoulle ao Concello de Amoeiro e por último o premio á cooperación internacional outorgóuselle aos concellos de Chaves e Verín.

‘ConMemora’ contou tamén coas intervencións da exministra de Sanidade e actual presidenta da Fundación Pablo Iglesias, María Luis Carcedo; do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; do presidente da Cámara de Chaves, Nuno Vaz; de Roman Minsko, representante do colectivo de refuxiados de Ucrania; do voceiro socialista na Peroxa, Antonio González Fiuza e do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino. Tamén estiveron presentes no acto os alcaldes de Montealegre, Orlando Alves; Vilanova de Cerveira, Rui Teixeira; e Camiña, Miguel Alves.

O secretario provincial, Rafa Villarino, destacou que esta xuntanza, que coincidiu co aniversario dos 181 anos da voda dos pais do fundador do PSOE, Pablo Iglesias en Ourense, “aproveitámolo para pór en valor os valores do PSdeG-PSOE e para proxectar un partido que ten que ser a solución para o futuro e o desenvolvemento desta provincia”.

O acto contou tamén coa actuación musical da agrupación musical de Barbadás e posteriormente tivo lugar tamén un xantar no que participaron máis de 400 socialistas chegados de todas as partes de Ourense e do Norte de Portugal.

Acordo entre o socialismo de Ourense e do Norte de Portugal para promover e desenvolver ambos territorios irmáns

Aproveitando a primeira xuntanza provincial do socialismo ourensán, que contou coa presenza de representantes socialistas de Ourense e o Norte de Portugal, asinouse un acordo no que se formaliza o compromiso de ambos territorios con esta visión, aprobándose a creación dunha comisión mixta de traballo que se reunirá con periodicidade semestral, alternando sedes en Portugal e España.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que Galicia e o norte de Portugal “constitúen un territorio único, singularmente, construído con base en profundas relacións históricas de veciñanza e de intercambio social, cultural e económico, que actualmente configura unha Eurorrexión en busca do seu pleno recoñecemento político e institucional na Comunidade Europea”. Destacan tamén que “é obxectivo das mulleres e homes socialistas de ambos territorios substituír as fronteiras por lazos de unión e convivencia que axuden a construír un imaxinario colectivo e un espazo común, próspero e plural”.

Unha unión que segundo destacan os socialistas “non debe limitarse aos 24 municipios que lindan entre ambos países, 17 en Ourense (Padrenda, Quintela de Leirado, Verea, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños, Calvos de Randín, Baltar, Cualedro, Oímbra, Monterrei, Verín, Vilardevós , Riós, A Gudiña e A Mezquita) e 7 de Portugal (Melgaço, Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Terras de Bouro, Montalegre, Chaves e Vinhais), se non que deberá abranguer toda a provincia de Ourense e os catro distritos do norte portugués, porque consideramos que ambos territorios comparten problemas e oportunidades de desenvolvemento”.

Inicialmente, serán parte desta comisión as alcaldías socialistas que estreman entre ambos países, así como a representación do PS nos distritos de Viana do Castelo, Braga, Vila Real e Bragança e en calquera lugar que este partido considere adecuado, e do PSdeG-PSOE en Galicia e Ourense, e comprometese a promover os seguintes ámbitos territoriais para impulsar políticas de desenvolvemento mutuo óptimas:

1. Infraestruturas de conexión e transporte internacional.

2. Reto demográfico, igualdade e políticas sociais.

3. Turismo e termalismo.

4. Cultura e patrimonio.

5. Sustentabilidade medioambiental, aproveitamentos enerxéticos, protección e promoción de recursos naturais.

6. Agricultura, pesca e gandería.

7. Saúde.

8. Educación, formación e investigación.

9. Comercio.

10. Industria e desenvolvemento.

11. Dixitalización.

12. Dereitos e liberdades.

13. Emigración e inmigración.