A Xunta musealizará a antiga fábrica de papel da Lavandeira, no Carballiño, pioneira nos procesos de industrialización da galicia do Século XIX

O Consello da Xunta dá luz verde ao convenio de 200.000 euros co cal se rehabilitarán varias zonas para divulgar os distintos procesos de produción froito dun proceso de investigación
— Dá resposta ao compromiso do Goberno autonómico por recuperar e divulgar o patrimonio histórico, así como por traballar pola dinamización cultural do rural

O Consello da Xunta autorizou hoxe o convenio co Concello do Carballiño co cal se musealizará a antiga fábrica de papel da Lavandeira, pioneira nos procesos de industrialización da Galicia do século XIX. Trátase dunha actuación que dá resposta ao compromiso do Goberno autonómico por recuperar o patrimonio histórico galego, ao tempo que se divulga entre o gran público. Suporá, ademais, un impulso para a programación cultural do rural.
En virtude do acordo aprobado hoxe, a Xunta de Galicia destinará 200.000 euros para a musealización da fábrica, da cal xa se realizou a primeira fase de recuperación rehabilitando o secadoiro, proxecto arquitectónico asinado polo Premio Nacional de Arquitectura Manuel Gallego Jorreto. Este espazo acollerá o proceso seco da fabricación do papel e diversas estancias expositivas.
Ao abeiro deste convenio garantirase a completa musealización coa rehabilitación e nova adaptación funcional doutro edificio de tres andares onde se divulgarán as fases do proceso de produción. Así, na zona semisoto instalarase o taller de elaboración das follas de papel coas tinallas dos obreiros, a pistola para quentar a pasta con leña ou carbón, a mesa para a formación da folla de papel, a prensa de compactación e secado.
Na zona baixa instalarase a sela do levador das follas e o virador. Aquí reprodúcese todo o proceso de transformación da pasta de celulosa nunha folla de papel feita á man. Neste departamento da fábrica os visitantes poderán elaborar unha folla de papel de maneira manual a partir do trapo. Outro departamento recollerá a sala de bruñido do papel e unha terceira estancia dará cabida ás apartadoras e separadoras do papel defectuoso, ás contadoras das follas e ás mulleres encargadas da súa envoltura en resmas antes de ser transportadas ao mercado. Igualmente, nesta sala instalaranse as escaleiras de acceso e o ascensor para os visitantes con mobilidade reducida.

AVANTAR ACTIVIDADES

Divulgación para todos os públicos

O andar primeiro será dedicado a sequeiro de papel, cos tendais e mesas de colocación e o resto da sala a documentos históricos (filigranas, prensa, follas de papel orixinais) e os persoeiros que posibilitaron a existencia desta fábrica no río Arenteiro. O segundo andar estará destinado a un auditorio dotado de medios audiovisuais e informáticos relacionados con elementos temáticos do mundo do papel. Tamén dará cabida a un miradoiro sobre o conxunto industrial do proceso de elaboración das follas de papel en tinalla da fábrica de papel da Lavandeira. Actuarase tamén na recepción de visitantes, que consiste no remate dunha construción, que xa está en fase de execución, na cal se instalará unha pequena sala de atención a visitantes, unha tenda do museo, os aseos e un almacén de depósito de material do propio museo.
O resultado deste traballo será dar a coñecer un momento importante da industrialización decimonómica da Galicia interior, concretamente da comarca do Carballiño, posto que se trata dunha proposta de recuperación da arqueoloxía industrial que converteu o Concello do Carballiño en pioneiro nos procesos de industrialización da Galicia do século XIX. A fábrica de papel é considerada un raro exemplo do proceso protoindustrial galego asentado na base da utilización da enerxía eléctrica derivada do aproveitamento do río Arenteiro.
Diversificación cultural
O convenio enmárcase no traballo por conservar e divulgar o patrimonio histórico galego e descentralizar a actividade cultural estendéndoa ao rural, a través de liñas de apoio para a mellora das infraestructuras culturais ou para os centros museísticos e mellora das coleccións bibliotecarias. Tamén coa posta en marcha de campañas arqueolóxicas para divulgar e conservar os achados ou coa nova creación do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a programación cultural no rural.