O PsdeG impulsa un plan de prevención da ludopatía e que se recuperen os espazos e actividades enfocadas a mocidade desmanteladas por Jácome e o PP neste mandato

Denuncian que o bigoberno municipal “desmantelou” e “pechou” numerosos servizos enfocados a mocidade baixo o “falso pretexto” da pandemia sanitaria que lles serviu para xustificar a súa “inacción”

En relación a ludopatía, lémbranlle a PP e DO que “é un deber das institucións concienciar á xuventude dos importantes riscos que entrañan estas novas modalidades de xogo que, en moitos casos, destrúen as vidas das persoas e das súas familias”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha moción para o pleno ordinario de maio na que lle solicita ao bigoberno municipal de Ourense a posta en marcha dun programa piloto de prevención da ludopatía, recuperar as concellerías de xuventude e voluntariado, dotándoas de persoal e programación e que se proceda a reapertura urxente do Espazo Lusquiños da mocidade. Os socialistas denuncian que durante este mandato “desmanteláronse” e “pecháronse” numerosos servizos enfocados á mocidade, deixando a cidade completamente “abandonada” nesta materia.

Dende o Grupo Municipal Socialista e Xuventudes Socialistas de Ourense denuncian que a pandemia sanitaria “serviu de pretexto ao bigoberno municipal para xustificar a súa inacción e o desmantelamento dos servizos enfocados á mocidade”. Neste senso, os socialistas explican que o peche “indefinido” do Espazo Lusquiños, a “desaparición” de calquera tipo de actividade ou programa dirixido á xente moza, ou o “desmantelamento total” das concellerías de saúde, cultura, xuventude ou voluntariado fixeron que “agora mesmo o papel do Concello de Ourense sexa totalmente nulo de cara a esta ampla franxa de poboación”.

No relativo aos problemas de ludopatía, os socialistas argumentan que “é un deber das institucións concienciar á xuventude dos importantes riscos que entrañan estas novas modalidades de xogo que, en moitos casos, destrúen as vidas das persoas e das súas familias”. Dende o PSOE ourensán tamén critican que durante o actual mandato o bigoberno de PP e DO “non amosou ningún tipo de sensibilidade en canto a temas que no seu día foron acordados pola actual corporación. como o de favorecer o acceso da xente moza á vivenda no casco histórico ou a creación dunha tarxeta moza para o comercio local”.

A representante de Xuventudes Socialistas de Ourense, Alba Iglesias, denuncia que “namentres o PP de Galicia mira para outro lado, os e as socialistas traballamos por unha Lei do Xogo que se axuste a realidade que estamos vivindo” e lembrou tamén que a actual lexislación “leva sen actualizarse dende 1986”. Iglesias destacou que a ludopatía “arruína a vida da mocidade todos os días” e subliñou que por este motivo “entre as nosas pretensións está a prohibición de que existan casas de apostas nas proximidades dos centros escolares e que se regule o xogo adaptando a normativa as novas tecnoloxías”.

Iglesias tamén subliñou que a mocidade “precisa de espazos seguros como o Espazo Lusquiños, onde poder dar renda solta a súa imaxinación e creatividade, así coma un lugar onde crear relacións sociais co hábitos saudables no seu lecer”. As Xuventudes Socialistas fixeron tamén mención a que un estudo da USC de 2019, entre menores de idade en Galicia, subliña que “o 24% dos menores recoñece apostar algunha vez e un 2% está en risco de caer na ludopatía”.

Pola súa banda, a vicevoceira do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez, destacou que tanto o PP como Jácome “destruíron todas as políticas que se levaban a cabo a nivel municipal a prol da mocidade”. Neste senso, apuntou que o Espazo Lusquiños “é o que mellor exemplifica esta destrución, cun espazo pechado dende fai máis de 2 anos e pendente dun regulamento de funcionamento, que foron incapaces de sacar adiante, o que simboliza o baleiro e a falta de interese de traballar a prol da xente moza de Ourense”.

González Beneitez tamén lembrou que dende o PSdeG-PSOE “reivindicamos continuamente, da man de Xuventudes Socialistas, iniciativas a prol da mocidade e que se devolva a actividade ás concellerías que foron borradas do mapa da institución”. A edil socialista apuntou que “propoñemos un programa piloto de prevención e sensibilización contra a ludopatía”, a que cualificou como “a pandemia do século XXI, a enfermidade aditiva que todos e todas podemos atopar preto e, especialmente, a xente moza, que debe ser o futuro da nosa cidade”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que o Espazo Lusquiños “é o símbolo do deterioro da cidade e exemplifica a destrución levada a cabo polo bigoberno de PP e DO, que xa nos teñen acostumados a este desgoberno continuo”. O líder dos socialistas ourensáns tamén fixo fincapé no “traballo” das Xuventudes Socialistas, que “traen a colación o estudo do profesor Antonio Rial, que demostra que ao 78 % dos menores que acudiron a centros de aposta, en ningún momento se lle pediu ningún documento que acreditase a súa maioría de idade”.

Villarino tamén destacou que as adiccións conductuais “son un grave problema que se evidenciou aínda máis trala pandemia”. Neste senso, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tamén afirmou que “é hora de apostar pola xuventude e de que o PSOE, unha vez máis, leve a iniciativa e aposte pola mocidade, tan esquecida polo Concello de Ourense neste mandato”.

Achegamos audios con valoración do voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino
Valoración da vicevoceira municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González

Valoración de Alba Iglesias, representante de Xuventudes Socialistas de Ourense