O BNG impulsa en Ramirás a investigación das irregularidades nos obradoiros Río Arnoia e Ecoterras

 • O pleno de Ramirás insta á Alcaldía a informar sobre o incumprimento da normativa nas probas de selección do obradoiro Río Arnoia, que organiza o concello xunto aos de Cartelle e A Merca.

    • Tamén pide á Alcaldía que esixa a convocatoria dun pleno extraordinario na Mancomunidade para tratar o incumprimento da mesma normativa no proceso de selección do obradoiro Ecoterras, que organiza o ente mancomunado.

Ramirás, 1 maio 2022.- O BNG conseguiu un acordo político no pleno de Ramirás celebrado esta semana, para impulsar a investigacións do acontecido nos obradoiros Río Arnoia (en marcha nos concellos de Ramirás, A Merca e Cartelle) e Ecoterras (na Mancomunidade Terras de Celanova).

AVANTAR ACTIVIDADES

A moción presentada polo portavoz nacionalista, Marcos Meléndez, obtivo cinco votos a favor, grazas ao apoio do PP, e malia a negativa do grupo socialista que respalda á alcaldesa, conseguiu avanzar nun acordo para aclarar as graves irregularidades denunciadas por participantes nos procesos de selección destes obradoiros e determinar as posíbeis responsabilidades políticas.

En concreto, o BNG pide que se investigue e explique por que no proceso de selección de alumnado do obradoiro Río Arnoia non se realizou a entrevista que figuraba nas bases da convocatoria, tal como se establecía nas bases, e como é posíbel que malia non terse realizado entrevista ningunha nas puntuacións das aspirantes figure a nota dunha entrevista que nalgún caso resultou decisiva para adxudicar a praza.

Tamén reclamou o BNG e acordou o pleno de Ramirás, que a representación desta corporación na Mancomunidade esixa aclaracións sobre a selección do tribunal e a falta de resposta ás reclamacións do ente mancomunado no caso do proceso de selección do obradoiro Ecoterras.

Ademais, o acordo en Ramirás, o mesmo que xa se aprobou hai uns meses en Celanova, inclúe a petición de convocatoria dun pleno extraordinario na Mancomunidade para aclarar o acontecido no obradoiro Ecoterras.

A aprobación da iniciativa nacionalista é a segunda que se produce nas corporacións dos concellos afectados desde que o BNG denunciase as irregularidades en ambos procesos o pasado outono.

A finais de novembro, o BNG impulsou en Celanova un acordo plenario para que os representantes desta corporación na Mancomunidade esixan a convocatoria dun pleno extraordinario no ente mancomunado sobre as irregularidades que se produciron no proceso de selección do obradoiro Ecoterras, así como que promovan na Mancomunidade a constitución dun “grupo de traballo para o deseño dos procesos de selección do profesorado, técnicos e alumnado dos diferentes cursos e obradoiros”.

En decembro, nunha rolda de prensa en Ourense na que estiveron presentes a responsábel comarcal, Ernesta Seoane, e a portavoz do BNG na Merca, Teresa Garrido, o BNG anunciou que levaría ao Parlamento galego “o grave caso de caciquismo e arbitrariedade no acceso a prazas no obradoiro de emprego organizado polos concellos da Merca, Cartelle e Ramirás  e financiado pola Xunta de Galiza”.

Ese día, Seoane e Garrido anunciaron ademais que o BNG presentaría mocións nos tres concellos. A primeira rexistrouse en Cartelle, onde o alcalde, Jaime Sousa (PP), impediu que chegara ao primeiro pleno do ano. Despois da aprobación en Ramirás, o BNG espera agora que o debate na Merca serva para alcanzar o compromiso do resto de grupos para determinar responsabilidades tanto no caso do obradoiro Río Arnoia como no caso do Ecoterras.