Os avances na execución do acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón suporán afeccións ao tráfico desde o luns, 2 de maio

Os traballos de construción do carril adicional para a incorporación á AG-53 do tráfico proveniente da estrada N-525, obrigan ao corte carril dereito da calzada dereita da autovía en sentido Ourense, entre os puntos 59+400 e 59+950

Na estrada nacional o corte afectará ao carril adicional para vehículos lentos existente en sentido Ourense, cuxa lonxitude se verá reducida, xa que o primeiro tramo converterase en carril de deceleración para acceso ao ramal de conexión coa AG-53

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta está a investir máis de 1 M€ na execución deste ramal de conexión entre a autovía da Xunta e N-525, que permitirá o movemento de incorporación en sentido Ourense

O avance nas obras que a Xunta está a executar desde o pasado mes de setembro no acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón suporán afeccións ao tráfico desde o vindeiro luns, día 2 de maio.

Os traballos de construción do carril adicional para a incorporación á AG-53 do tráfico proveniente da estrada de titularidade estatal N-525, obrigan ao corte carril dereito da calzada dereita da AG-53 en sentido Ourense, entre os puntos quilométricos 59+400 e 59+950. Este corte, prevese manter ata case o remate das obras, previsto para principios de xullo.

Nesta última parte das obras de construción do ramal de conexión entre a autovía autonómica e a estrada N-525, tamén se fai necesario o corte da N-525. Na estrada nacional afectarase o carril adicional para vehículos lentos existente en sentido Ourense, cuxa lonxitude se verá reducida, xa que o primeiro tramo converterase en carril de deceleración para acceso ao ramal de conexión coa AG-53.

Para minimizar a incidencia na circulación, durante a execución destes traballos, estará habilitado e sinalizado o correspondente desvío do tráfico nas respectivas zonas de actuación.As obras en execución

A intervención ten como obxectivo último habilitar un ramal de conexión entre a autovía autonómica e a vía de titularidade estatal N-525, en Dozón, e permitir así o movemento de incorporación en sentido Ourense.

Estas obras, cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros, céntranse no enlace que comeza na contorna do punto quilométrico 275 da estrada nacional, onde se inclúe unha ampliación do carril de vehículos lentos existente e cruzar a AG-53, a través do paso inferior do punto quilométrico 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía autonómica pola súa marxe dereita en sentido Ourense.

As obras en execución incorporan algunhas das achegas formuladas no período de exposición pública para facilitar a accesibilidade a unha granxa próxima.

A nova vía entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á autovía pola súa marxe dereita, manténdose a entrada na estrada nacional en dirección Ourense.

As obras incluirán, ademais, a habilitación dunha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e á estrada nacional.

A construción deste acceso á autovía é unha vella demanda do Concello de Dozón, que na actualidade só conta cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago.

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense.