Esta mañá tiña lugar unha aparatosa inundación na Avenida Calvo Sotelo do Carballiño. A rotura das cañerías do colector xeral da entrada do parque e da contorna dende a propia estrada provocaba a súa filtración ós edificios contiguos e a súa consecuente saída dentro dos garaxes, como poden ver nas imaxes, ocasionando danos no interior, sobre todo nos sotos e garaxes.
En torno ás 07:30 horas desta mañá, os veciños comunicaron a incidencia ó concello e á Policía Local. Os bombeiros foron avisados en torno ás 09:30 horas por un particular e tamén acudiu o Grupo Municipal de Emerxencias. Algúns veciños criticaron que se tardara tanto en avisar ós bombeiros, xa que se trataba dun problema relacionado ca empresa Viaqua, que tamén se desprazou ata a zona.
O alcalde do Carballiño, acompañado da concelleira de Medio Ambiente e do concelleiro de Obras, acudiron ata o lugar para comprobar o acontecido.
Durante a mañá, dende a empresa e os operarios municipais traballaron para arranxar o problema, ocasionando diversos cortes de auga. Un notario da vila levantou acta dos danos ocasionados, que deberán ser sometidos a peritaxe, un proceso que aínda será longo.