A biblioteca da Xunta en Ourense súmase en maio á celebración das letras galegas

  • Haberá actividades centradas na figura homenaxeada este ano, Florencio Delgado Gurriarán, e mostras con volumes en galego
  • Conmemórase tamén o Día da Banda Deseñada, con visitas guiadas á comicteca mañá martes e o mércores
  • O escultor Javier Bello Souto protagonizará o espazo CreOu con ‘Oficios invisibles de mulleres rurais galegas’

A Biblioteca Pública da Xunta en Ourense Nós súmase en maio á celebración das Letras Galegas con actividades para público infantil e adulto arredor do autor homenaxeado este ano, o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, e mostras bibliográficas. O Día da Banda Deseñada e o Día dos Museos son outras das conmemoracións do mes incluídas na axenda do espazo bibliotecario, que conta tamén coas habituais sesións de contos e obradoiros para público infantil, entre outras propostas. A información sobre o contido e participación en todas elas pode consultarse na web do centro.

Así, co gallo do Día das Letras Galegas, a rapazada de seis a 12 anos achegarase á figura de Florencio Delgado Gurriarán o luns 16, con María Lires e o obradoiro de ilustración Versos, cores e colaxes. Pola súa banda, o público adulto farao na xornada do 18 coa presentación do libro Florencio Delgado Gurriarán. Nosa Galicia é máis que toda a Terra, da man dos seus autores, Xosé Ramón Campos e Tania Pérez Pérez.

AVANTAR ACTIVIDADES

Completan as actividades arredor desta data dúas mostras. Unha delas estará na sala infantil, cunha selección de títulos en galego de todas as materias e para todas as idades, para visualizar a presenza do idioma en todos os ámbitos. A outra propón unha Cita a cegas coas letras galegass, con obras escritas en galego para levar en préstamo envoltas de xeito que non se identifiquen.   

Visitas guiadas á comicteca

Á marxe desta conmemoración, nestes comezo do mes celébrase o Día da Banda Deseñada e ofreceranse visitas guiadas á comicteca mañá martes pola mañá e o mércores pola tarde. O obxectivo é animar ao seu uso ás persoas usuarias non familiarizadas co cómic, cunha breve explicación sobre os tipos e a organización dos volumes dispoñibles.

A iniciativa enmárcase na programación para público adulto, que inclúe tamén dúas presentacións de publicacións. Na xornada do 26, o autor ourensán Javier Rodríguez González dará a coñecer o seu poemario Corredora de fondo, merecedor do Premio Internacional de Poesía Miguel Hernández-Comunidad Valenciana 2021. Por último, Óscar Vázquez Lima e Teresa Chamorro Álvarez presentarán Tu huella en mi camino o martes 31.

Canto á programación infantil, as actividades arrancan mañá cunha nova sesión de Contiños con Susana, desenvolvidas todos os martes para cativada de catro a seis anos. Ao día seguinte, chega a primeira das propostas de Os mércores son tardes de biblioteca, para rapazada de sete a doce anos, co obradoiro bilingüe en galego e lingua de signos Signos que contan, con Fátima Fernández e Mª Luísa Lombardero. Os restantes mércores do mes haberá obradoiros para achegarse á cultura de xeito lúdico da man de Xeitura, con Voces femininas o día 11, Museos do mundo, o 18, no marco do Día dos Museos, e Ourensás, o 25.

Pola súa banda, os bebés de ata tres anos poderán gozar de contos e cancións os xoves 12 e 26, con A pitiña Cocoricoricoricó, a cargo de Charo Pita, e Nano canta croc, con Raquel Queizás.

Espazo CreOu

O espazo dedicado a creadores e creadoras ourensáns CreOu terá como protagonista en maio e xuño o escultor Javier Bello Souto, veciño de Ribadavia e formado na Escola de Arte Pablo Picasso. A súa mostra Oficios invisibles de mulleres rurais galegas componse de pezas que representan os distintos traballos tradicionais reservados ás mulleres, baixo un enfoque crítico e de xénero. Permanecerá do 20 de maio ao 30 de xuño.

Cómpre sinalar que ao longo de maio continúa a exposición Eu son UVigo, organizada en colaboración coa Universidade de Vigo que buscar darlles visibilidade ás persoas egresadas ou que actualmente traballan nela e conseguiron os seus soños profesionais. O obxectivo é poñer en valor todos os ámbitos de coñecemento, a figura da muller como profesional de prestixio no campo universitario e ilusionar con respecto a cursar estudos superiores. Permanecerá ata finais de xuño.

Tamén se mantén ata o día 21 Pobre Asunción!, mostra arredor do tratamento da violencia de xénero na prensa instalada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.