O BNG pídelle ao PP que non manteña a Jácome nin un minuto máis á fronte da alcaldía trala súa agresión a unha sindicalista

Desde a formación nacionalista condenan a agresión do alcalde a unha representante sindical e reclámanlle ao seu socio de goberno que o retire da alcaldía

Amosan unha vez máis o seu total apoio ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores e esíxenlle ao Goberno Local que asuma a súa responsabilidade no conflito

AVANTAR ACTIVIDADES

 O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense condena a agresión sufrida por unha sindicalista por parte do alcalde Gonzalo P. Jácome no transcurso da concentración que neses intres estaban levando a cabo ás portas da casa do concello as traballadoras e traballadores da empresa concesionaria do transporte público.

Para a formación nacionalista “é hora de que o PP asuma a súa responsabilidade e retire a Jácome da alcaldía pois o acontecido no día de hoxe supera todos os límites e contribúe mais unha vez, á degradación da imaxe de Ourense”.

Lembra Luis Seara, portavoz nacionalista que, “hai meses que pedimos a dimisión de Jácome e dita solicitude foi aprobada pola maioría da corporación”, e engade, “xa está ben de que o PP se poña de perfil, o acontecido hoxe é gravísimo e require dunha resposta inmediata. O PP ten que pronunciarse, deben tomar una decisión firme e contundente, Jácome non pode continuar como alcalde de Ourense”.

Desde o BNG esíxenlle igualmente ao Goberno Local implicación no conflito e abrir canles de diálogo entre empresa e traballadoras e traballadores para buscar unha saída o máis axiña posíbel a unha folga que ten unha grande incidencia para o conxunto da veciñanza e singularmente, para as usuarias e usuarios.

Por último, e tal e como xa acontecera na anterior convocatoria de folga, o BNG amosa todo o seu apoio ás xustas demandas das traballadoras e traballadores.