Tamén piden unha condena institucional da brutal agresión de Jácome e instan a Baltar e a Feijóo a romper todas as relacións ou acordos co alcalde agresor e coa súa formación, Democracia Ourensana
Reclaman á corporación provincial, onde Jácome é deputado, un acordo “unánime” co fin de parar esta “espiral de violencia física e verbal” dun cargo público contra a cidadanía
O PSdeG-PSOE rexistrou na tarde de onte mércores, unha solicitude para a celebración dun pleno extraordinario e urxente na Deputación Provincial, co fin de reprobar e pedir a dimisión de Gonzalo Pérez Jácome, o alcalde agresor, tras golpear e insultar a unha muller, Lola Panero, que se manifestaba ante o Concello de Ourense durante unha protesta da folga do servizo de transporte urbano da capital.
Os e as socialistas tamén piden á corporación provincial unha condena institucional unánime da brutal agresión de Jácome e instan a Manuel Baltar e a Alberto Núñez Feijóo a romper todas as relacións ou acordos vixentes co alcalde agresor e coa súa formación, Democracia Ourensana. Así mesmo, propoñen manifestar apoio aos traballadores e traballadoras en folga.
Durante a concentración que tivo lugar o pasado martes 3 de maio na Praza Maior da capital ourensá, sucedeu un “fito inédito na política española”, resaltan na solicitude do pleno, xa que Jácome “agrediu verbal e fisicamente cun golpe inusitado e un empurrón a unha muller, nunha actitude violenta, impropia para un alcalde que representa aos veciños e veciñas e ás institucións”.
“A gravidade dos feitos fala por si mesma, ao igual que a responsabilidade directa e indirecta das organizacións políticas que, sistematicamente, miran cara outro lado ante o que non son, en ningún caso, acontecementos illados”, aseveran desde o grupo provincial, antes de recordar que “non se pode normalizar e moito menos permitir, baixo ningún concepto na sociedade na que vivimos, agresións como a propinada polo alcalde que goberna a terceira cidade de Galicia co apoio do PP”.
Desde o PSdeG-PSOE “condenan rotundamente” estes graves feitos e solicitan “medidas urxentes e contundentes” e por iso reclaman á corporación provincial, onde Jácome é deputado, un acordo “unánime” co fin de parar esta “espiral de violencia física e verbal” dun cargo público contra a cidadanía. Os deputados e deputadas socialistas consideran que “non debe ser tolerada nin un minuto máis esta situación” polo ben da cidade de Ourense, dos veciños e veciñas de toda a provincia e polo “decoro institucional” das corporacións local e provincial das que Jácome forma parte.
Desde o PSOE conclúen insistindo na necesidade de “garantir as liberdades e a seguridade física de todas as persoas”; o “respecto máximo á cidadanía ourensá” e a “normalidade e cordialidade institucional” que en Ourense se “dilapida sistematicamente desde hai sete anos, e de xeito máis evidente, desde que o PP decidiu colocar á fronte da alcaldía do Concello a Gonzalo Pérez Jácome”.
Segundo a lexislación vixente, o goberno provincial do Partido Popular e Democracia Ourensana ten 15 días hábiles para convocar o pleno extraordinario. Se Manuel Baltar non firma a convocatoria para a celebración nese prazo, o pleno quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte ó da finalización de dito prazo. Estas son as propostas que se debaterán e votarán na sesión:
1. A Corporación da Deputación Provincial de Ourense condena rotundamente a agresión física e verbal do alcalde de Ourense e deputado provincial, Gonzalo Pérez Jácome, a unha muller, Lola Panero, no decurso da concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital o día 3 de maio de 2022 e traslada todo o seu apoio e respecto á agredida.
2. A Corporación da Deputación Provincial de Ourense reproba ao alcalde de Ourense e deputado provincial, Gonzalo Pérez Jácome, por agredir física e verbalmente a unha muller, Lola Panero, que o día 3 de maio de 2022 se manifestaba nunha concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital ourensá, pola ser un feito absolutamente intolerable e antidemocrático.
3. A Corporación da Deputación Provincial de Ourense solicita a dimisión inmediata do alcalde de Ourense e deputado provincial, Gonzalo Pérez Jácome, ante a gravidade dos feitos acontecidos o día 3 de maio de 2022 ás portas do Concello de Ourense, onde agrediu física e verbalmente a unha muller, Lola Panero, que se manifestaba nunha concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital ourensá, pola ser un feito absolutamente intolerable e antidemocrático.
4. A Corporación da Deputación Provincial de Ourense solicita ao Partido Popular e, nomeadamente, ao seu presidente provincial, José Manuel Baltar e ao seu presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, a inmediata retirada de calquera tipo de apoio ou acordo político ou institucional, a Gonzalo Pérez Jácome e a súa formación, Democracia Ourensana, ante a gravidade dos feitos acontecidos o día 3 de maio de 2022 ante o Concello de Ourense, onde agrediu física e verbalmente a unha muller, Lola Panero, que se manifestaba durante unha concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital ourensá.
5. A Corporación da Deputación Provincial de Ourense traslada o seu apoio aos traballadores e traballadoras do servizo de transporte urbano de Ourense na defensa dos seus dereitos laborais, así como na reivindicación dos mesmos.