O grupo socialista demanda á xunta un “maior esforzo arzamentario” para dar solución á conectividade en todas as cidades ou vilas galegas.

Leticia Gallego sinala unha “boa conectividade” como “ferramenta imprescindible” na loita contra o despoboamento do rural galego

A deputada socialista Leticia Gallego demandou hoxe á Xunta “un maior esforzo orzamentario” para dar solución á conectividade en todas as cidades ou vilas, xa que “moitas delas non teñen acceso a Internet ou este é moi malo”. Fíxoo, na Comisión de Industria do Parlamento, onde presentou unha pregunta neste sentido ao goberno galego.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A crise sanitaria da COVID deixou ben claro a necesidade de impulsar urxentemente a banda larga no noso territorio, fundamentalmente na Galicia rural”, reivindicou a dirixente socialista tras poñer en valor a necesidade da dixitalización como “un dos retos máis urxentes aos que se enfronta Galicia debido á importancia dos datos en todas as áreas da actividade económica e social”.

Neste sentido, sinalou que en moitos concellos como Gondomar, Castroverde, Fonsagrada, Pedrafita, Ribeira, Baralla, Cuntis ou incluso Lugo cidade “o acceso a internet é pésimo ou non existe”, cuestión que non axuda á hora de fixar poboación, xa que unha “boa conectividade” é unha “ferramenta imprescindible” na loita contra o despoboamento do rural.

“A Galicia do futuro ou é unha Galicia dixital ou é unha Galicia que non existe”, incidiu a socialista, tras propoñer unha serie de medidas para apostar pola transformación dixital, como facer un “despregamento acelerado” da rede 5G co fin de proporcionar conectividade de alta velocidade ás zonas rurais, implementar unha estratexia potente da Industria 4.0 para agricultura, pesca e industria ou investir máis na investigación e innovación das TIC.

RECOÑECEMENTO A ADIF Á HORA DE LEVAR O 5G AO RURAL

Con todo, a socialista loou o “traballo e preocupación” de Adif á hora de levar o 5G ao rural, xa que “presentou unha manifestación de intereses cara a conectividade dixital, impulso da ciberseguridade e despregamento 5G” no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que permitiría “chegar á España baleira con 100Mbps utilizando o trazado ferroviario”.

“Aquí temos unha ferramenta por parte de ADIF para que utilice a Xunta de Galicia e é unha boa forma de colaborar entre o goberno de España e o goberno autonómico”, incidiu, polo que “esperemos due dende o goberno do PP colaboren”, xa que teñen aquí “unha gran oportunidade” para levar ao 5G á Galicia rural.