O PsdeG impulsa que se ubique en Ourense a sede da axencia estatal de supervisión da intelixencia artificial co obxectivo de “loitar” contra o despoboamento.

Os e as socialistas instan ao Goberno e á Xunta a “afondar” nas políticas de “descentralización” de actividades administrativas e infraestruturas , instalando en Ourense a sede destes organismos  

“Os e as ourensáns non podemos quedar á marxe deste debate público que xa está a producir en moitos lugares de España e o Concello de Ourense resístese a recoñecer medidas neste sentido”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense presenta unha iniciativa para o seu debate no pleno do mes de maio no Concello de Ourense no que solicita que se ubique en Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial e doutros órganos do sector público institucional estatal e autonómico. “Os problemas demográficos da provincia e a inminente implantación no campus universitario ourensá do grao e o máster en Intelixencia Artificial, son dous factores determinantes que deixan claro que a nosa provincia é o lugar máis axeitado para esta axencia”, sinalan os e as socialistas antes de recordar que “está acreditado que as institucións públicas exercen un papel extremadamente beneficioso nas contornas nas que se sitúan”.

Dende o Grupo Municipal Socialista piden o apoio unánime da corporación municipal para instar ao Goberno de España a “afondar” nas políticas de “descentralización” de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos dependentes da Administración Xeral do Estado ou das súas entidades adscritas ou dependentes, no marco de reto demográfico, “coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía”. Os socialistas instan á Xunta de Galicia a que reclame para Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial en base ao estipulado no Real Decreto 209/2022, que “establece o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público estatal e no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía”.

Na moción, o PSdeG-PSOE de Ourense tamén insta ao goberno autonómico a que inicie de “inmediato” a execución de políticas de “descentralización” de actividades administrativas e infraestruturas públicas “no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía, instalando en Ourense a sede de órganos da administración galega ou das entidades instrumentais do sector público autonómico”.

“Ourense, que perdeu 136.000 habitantes no último medio século, precisa dunha discriminación positiva monumental”, insisten desde o PSdeG-PSOE. Por iso reclaman a todas as administracións públicas que “boten un cable traendo persoal e instalacións que dinamizan económica e demograficamente”. “A Xunta de Galicia non pode seguir a mirar cara outro lado ante esta crúa realidade”, afirman. Igualmente denuncian o “silencio atronador” do goberno local de Gonzalo Pérez Jácome e do PP ante este proceso descentralizador que supón unha oportunidade histórica: “non están a exercer o seu deber de defensa dos intereses de Ourense”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinala que o Goberno central “está levando a cabo esta estratexia para loitar contra o despoboamento e facer fronte ao reto demográfico para que todas as provincias en problemas demográficos teñan solución a esta grave crise”. O secretario provincial dos e das socialistas ourensás tamén apunta que “pedimos que se sitúe esta axencia na cidade, dado a situación que padece Ourense dende fai moitos anos, perdendo poboación en caída permanente e co obxectivo de frear o despoboamento”.

Rodríguez Villarino afirma que con esta iniciativa “pedímoslle á Xunta que traia esta estrutura a Ourense, non só polos problemas demográficos, senón porque Ourense será a sede dun novo grao e máster en intelixencia artificial, razóns máis que sobradas para xustificar a nosa petición”. Por último, o líder dos socialistas ourensáns esgrime que Ourense “ten que deixar de ser unha excepción e necesitamos máis apoio da Xunta e do Goberno para que a provincia e a cidade teñan o peso que merecen no Estado”.

“Os e as ourensáns non podemos quedar á marxe deste debate público que xa está a producir en moitos lugares de España e o Concello de Ourense resístese a recoñecer medidas neste sentido”, finalizan dende o PSdeG-PSOE de Ourense.