Máis de 7.000 estudantes participarán na oitava edición da Semana Escolar das Letras Galegas

-11.00 horas: Presentación da Semana Escolar das Letras Galegas.- O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, intervén na presentación da oitava edición da Semana Escolar das Letras Galegas, acompañado polo autor e promotor da actividade Xosé Antonio Perozo. Lugar: Sala da prensa da Deputación de Ourense. O acto poderase seguir en directo a través da web da Deputación.

A actividade organizada pola Deputación de Ourense celebrarase a vindeira semana en 51 centros educativos da provincia e xirará arredor da figura de Florencio Delgado Gurriarán

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, resaltou na presentación da semana escolar a importancia de reivindicar ao autor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022

AVANTAR ACTIVIDADES

Xosé Antonio Perozo, autor do libro sobre Delgado Gurriarán que será repartido aos alumnos participantes, puxo en valor a calidade literaria do intelectual ourensán

A vindeira semana celebrarase a oitava edición da Semana Escolar das Letras Galegas, actividade organizada pola Deputación de Ourense e na que este ano participarán máis de 7.000 estudantes procedentes de 51 centros educativos da ESO de toda a provincia. Todos eles recibirán un exemplar do libro “Florencio Delgado Gurriarán fronte á exaltación da natureza”, escrito por Xosé Antonio Perozo e ilustrado por Antonio Seijas.

A Semana Escolar das Letras Galegas foi presentada esta mañá na sala de prensa da Deputación polo vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández, e o propio autor do libro. César Fernández resaltou a importancia de poñer en valor a figura de Delgado Gurriarán (1903-1987), autor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022: “É un perfil moi interesante, ten moito que aportar tanto na súa faceta poética coma no seu aspecto político e nas facetas da súa vida”. 

A través da lectura do libro e do traballo didáctico realizado na aula, os alumnos poderán aproximarse a Delgado Gurriarán. “Este poeta ourensán, de Valdeorras, ten unha gran forza, cunha poesía que podería ser cantada a través de ritmos populares”, explicou na súa intervención Xosé Antonio Perozo, que destacou a necesidade de profundar, e dar a coñecer máis, un “autor que desgraciadamente non tivo no seu momento o recoñecemento merecido”.