O PsdeG de Ourense denuncia que o partido popular négase a pedir a dimisión do alcalde de Ourense Jácome e a condenar a súa agresión a unha muller sindicalista

Os e as socialistas critican o voto en contra do PP a urxencia da moción, que tiña por obxectivo que “non se debatese e que deste xeito non quedarán retratados como acabou acontecendo”

Impulsan por unanimidade un plan de prevención da ludopatía e que se recuperen espazos e actividades enfocadas á mocidade e que se ubique en Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, ademais de que se reactiven as obras do CAPD, a pesar de que PP e DO non apoiaron esta última moción

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o Partido Popular négase a pedir a dimisión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tal e como quedou demostrado durante o debate da moción de urxencia presentada polos socialistas e na que pedían a dimisión do rexedor e unha condena rotunda ante a “gravidade” dos feitos. O PP votou en contra da urxencia da moción co único obxectivo de que “non se debatese dito punto e deste xeito non quedar retratados”. O alcalde de Ourense viuse obrigado a comparecer no pleno pola presión do PSdeG-PSOE de Ourense, despois de que se ausentase nos momentos iniciais. Os populares tamén se negaron a apoiar aos traballadores e traballadoras da empresa do transporte urbano e a que se busquen solucións para este servizo.

A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do PSOE, BNG, CS e dúas concelleiras non adscritas. Os socialistas acusaron aos populares de ser “corresponsables e cómplices destas actuacións tan graves” e sinalaron que “Lola Panero somos todos e todas os aquí presentes, a UPO, a plataforma ProCAPD, a veciñanza, os colectivos e as persoas que foron agredidas polo alcalde que o PP colocou na cadeira”. Dende o grupo municipal socialista tamén apuntaron a que “hoxe temos que sacar de aquí unha condena rotunda non só aos feitos, senón que temos que tomar opcións máis aló e que o alcalde non siga un minuto máis sentado nesa cadeira”.

A concelleira socialista, Natalia González Beneitez, esixiulles ao Partido Popular que “sexan valentes, apoien as reivindicacións, apoien aos traballadores e traballadoras porque serán responsables e están ocasionando un dano irreversible á cidade”. A edil socialista explicou que “nunca é tarde para ser responsables, o contrario sería normalizar a violencia e que este concello siga sendo un esperpento. Dean a cara e gañará Ourense e todos e todas”.

González Beneitez tamén lle recriminou ao alcalde que “demonice” aos traballadores e traballadoras e recriminoulle que “non lle importan as melloras para os traballadores e traballadora, nin que se pague unha indemnización brutal cos cartos de todos e todas os ourensáns e as ourensás”. A vicevoceira municipal tamén o instou a “dimitir porque non pode seguir aí por vergoña e dignidade” antes de pedirlle a corporación municipal unha “condena contundente pola agresión do alcalde e a mediación urxente e solución no conflito da folga dos autobuses urbanos”.

Os e as socialistas consideran que o alcalde de Ourense “non pode seguir un minuto máis ao fronte do goberno municipal”, despois da súa “brutal” agresión a unha sindicalista que se manifestaba nas portas do Concello de Ourense en defensa dos dereitos e melloras laborais dos traballadores e traballadoras da empresa concesionaria do transporte urbano. Dende o PSdeG-PSOE aproveitaron para esixirlle ao PP que “deixe de amparar este tipo de condutas violentas e que retire de xeito inmediato o seu apoio ao rexedor, co que gobernan conxuntamente tanto na cidade como a nivel provincial na Deputación”.

Dende o Grupo Municipal Socialista instaron á corporación municipal a trasladar o “total apoio” aos 126 traballadores e traballadoras do servizo de transporte urbano de Ourense, na defensa dos seus dereitos e melloras laborais, así como na reivindicación dos mesmos. Tamén pediron que a corporación municipal lle solicite ao goberno municipal que exerza unha mediación “urxente” coa empresa concesionaria e os representantes dos traballadores e traballadoras co obxectivo de “acadar unha solución ao conflito, no que se garanta a mellora das condicións laborais das persoas e se poña fin a situación de folga indefinida, que repercute na veciñanza de Ourense”.

Impulsamos un plan de prevención da ludopatía e que se recuperen espazos e actividades enfocadas á mocidade

O PSdeG-PSOE de Ourense acadou o apoio unánime do pleno municipal para impulsar unha moción na que lle solicita ao bigoberno municipal de Ourense a posta en marcha dun programa piloto de prevención da ludopatía, recuperar as concellerías de xuventude e voluntariado, dotándoas de persoal e programación e que se proceda a reapertura urxente do Espazo Lusquiños da mocidade. Os socialistas aproveitaron para denunciar o “desmantelamento total” e “peche” de numerosos servizos enfocados á mocidade, o que provocou que a cidade estea “totalmente abandonada” nesta materia.

A vicevoceira do PSdeG-PSOE, Natalia González Beneitez, argumentou que “nos últimos 7 anos a mocidade foi borrada do mapa polo PP e DO” e denunciou que no actual mandato “produciuse un desmantelamento e desaparición das concellerías de Xuventude e Voluntariado, propiciado pola animadversión e falta de interese do alcalde e dos seus socios do Partido Popular, que teñen as competencias”. Neste senso, tamén fixo fincapé no peche “indefinido” do espazo Lusquiños, da que alegou “é a única dotación do Concello de Ourense para mozos e mozas da cidade e leva dous anos pechados, situación que nos preocupa enormemente”.

Na súa segunda intervención, González Beneitez aproveitou para subliñar que o alcalde “demostra a diario a súa incompetencia e falta ao respecto á mocidade e á institución”. A edil socialista tamén aproveitou para afearlle ao Partido Popular que o anteproxecto da lei do xogo “chega tarde e é moi pouco ambicioso, xa que non da prioridade a mocidade por riba dos intereses económicos”. Por último, aproveitou para destacar que a “mocidade ten que buscar o seu futuro fóra de Ourense porque a causa da ineptitude do bigoberno, non teñen futuro na cidade”.

O PP e DO néganse a apoiar a reactivación remate das obras do CAPD

No relativo a moción do PSdeG-PSOE de Ourense sobre o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade, os socialistas conseguiron que se aprobase a moción, a pesar da abstención do Partido Popular e Democracia Ourensana, que optaron por absterse “amosando o seu desleixo cara un proxecto de vital importancia para a cidade e para os familiares das persoas con discapacidade”. Os socialistas aproveitaron para lembrar que Ourense “é a única provincia galega sen un centro destas características, o que demostra a animadversión de Feijóo e Fabiola García coa nosa cidade e provincia”.

A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Concepción García Lozano, relatou o traballo da pl2ataforma ProCAPD ao longo dos últimos 6 anos de “loita” e sinalou o apoio “total e o compromiso “firme” do PSOE coas familias. A edil socialista argumentou que os ourensáns e as ourensás “teñen dereito a ter unhas instalacións dignas ao igual que noutras provincias, cun centro de xestión pública que integre prazas de centro de día e de respiro familiar”. Tamén aproveitou para lembrar que a obra “non se puxo en marcha nin está rematada, só existe un esqueleto de obra totalmente paralizado pola ineptitude da Xunta en renegociar e compensar a obra, como si fixo noutras obras”.

García Lozano expresou na súa segunda intervención que “non vamos a parar ata conseguir a finalización e posta en marcha das obras” e tamén destacou que emenda de substitución presentada polo PP “non a podemos aceptar porque vostedes din non a que se tomen medidas urxentes, a que se reactive o proxecto, din non tamén a un novo cronograma e a que se afiancen as partidas nos orzamentos, e o que é máis importante, din non a xestión pública e directa”.

Unanimidade para que se ubique en Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén acadou o apoio unánime para impulsar que se ubique en Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial coa que os socialistas pretenden “loitar contra os problemas demográficos da provincia”, subliñando que “está acreditado que as institucións públicas exercen un papel extremadamente beneficioso nas contornas nas que se sitúan estas administracións públicas”.

O voceiro dos socialistas no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que o Goberno central “está levando a cabo esta estratexia para loitar contra o despoboamento e facer fronte ao reto demográfico para que todas as provincias en problemas demográficos teñan solución a esta grave crise”. O secretario provincial dos e das socialistas ourensás tamén apuntou que “pedimos que se sitúe esta axencia na cidade, dado a situación que padece Ourense dende fai moitos anos, perdendo poboación en caída permanente e co obxectivo de frear o despoboamento”.

Na súa segunda intervención, Rodríguez Villarino, aproveitou para afearlle ao alcalde que “vostede nunca é responsable de nada, ao igual que as persoas que o sosteñen”. Neste senso tamén lle lembrou que “vostede vanagloriabase de que ía transformar Ourense e puxo de exemplo o caso similar de Madrid, pero ocultando que en Madrid houbo un pacto entre todos os grupos políticos”. Tamén sinalou que o Concello de Ourense “non ten competencias directas en materia de investigación e formación”, antes de finalizar afirmando que en Ourense a Xunta de Galicia “non ten nada descentralizado e tan só se descentralizou por parte dun goberno socialista a Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.