A secretaría de migracións do PsdeG de Ourense informa que a seguridade social asigna a determinadas provincias os trámites de pensións internacionais

Os e as socialistas subliñan que o obxectivo “é prestar un mellor servizo e máis eficiente” e apuntan que no caso de Ourense “tramitará para toda España” as pensións de Países Baixos, Polonia e Portugal

O secretario provincial de migracións da executiva provincial socialista, Luís Gulín, salienta que “isto non implica complicación algunha para o colectivo de emigrantes retornados de Europa”

AVANTAR ACTIVIDADES

A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense informa que a Seguridade Social, “ante o reto de prestar mellor servizo e máis eficiente”, decidiu repartir entre diversas direccións provinciais de España a resolución de expedientes de pensións internacionais.

Os socialistas ourensáns informan que no caso de Ourense “tramitará para toda España” as pensións de Países Baixos, Polonia e Portugal. Dende a área de migracións sinalan tamén que as direccións provinciais de A Coruña e Pontevedra “teñen asignadas” as prestacións internacionais de Suíza, namentres que Barcelona “atenderá” as peticións para Alemaña. Francia “será competencia” de Valencia e Alacante, Reino Unido “tramitarase” desde as Illas Baleares e as pensións de Bélxica, Luxemburgo e Liechtenstein “serán atendidas” desde as oficinas provinciais da Seguridade Social en Granada.

O secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín, salienta que “isto non implica complicación algunha para o colectivo de emigrantes retornados de Europa” e apunta que “a solicitude, por exemplo, dunha pensión alemá dunha persoa da comarca do Ribeiro tramitarase nas oficinas da Seguridade Social de Ribadavia, que a reenvía á dirección provincia de Ourense”. “Esta, con toda a documentación presentada, rexístraa e envíaa telematicamente á dirección provincial de Barcelona, oficina competente para o seu trámite, coa documentación completa”, afirma o secretario de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, que tamén subliña que “calquera subsanación do expediente, a oficina de Ourense, a petición da de Barcelona, porase en contacto coa persoa interesada”.

No caso de que a persoa beneficiaria sexa da UE e Suíza e teña pensións de varios países, a dirección provincial competente para o trámite da pensión, será a do país onde tivese a súa última actividade laboral. No caso das pensións de Venezuela e México os expedientes tramitaranse desde Sevilla e Zaragoza encargarase de Arxentina.

Os que queiran consultar que direccións provinciais tramitan pensións doutros países fóra da Unión Europea poden consultar o BOE nº 79, do sábado 2 de abril 2022 en Disposicións Xerais, Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.