A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, en sesión telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, concedeu hoxe máis de 650.000 euros en subvencións para cooperación con concellos e entidades, así como tamén para iniciativas de autoemprego no rural. Unha sesión que, ao seu remate, Manuel Baltar enmarcou na experiencia do goberno provincial no traballo en rede e na colaboración institucional, xusto na xornada na que se celebra o Día de Europa, “onde a Deputación ten un protagonismo especial coa presidencia e representación en varias organizacións, como a presidencia da Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios (Partenalia), a vicepresidencia da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios, CEPLI, -1.167 provincias con único representante español- ou a presidencia da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA)”, cargo que Manuel Baltar revalidou a pasada semana para o periodo 2022-2026.
Polo que respecta ao contido da Xunta de Goberno e no ámbito da cooperación cos concellos, concedéronse preto de 45.000 euros para a mellora da estrada de Teixido no Bolo e máis de 14.000 euros para humanización de rúas en San Lorenzo en Porqueira. Para Punxín dúas achegas de 48.000 euros cada unha delas para melloras no centro de saúde e o sendeiro escolar da Casteiñeira. Aprobouse, tamén, máis de 27.000 euros para cofinanciar o programa IDADE destinado a eficiencia enerxética no concello de Rairiz de Veiga e 125.000 euros para obras de urbanización na Rúa.
Por outra banda concedéronse 184.000 euros para catro actuacións en Rubiá: tres achegas de 48.000 euros para pavimentación e reparación de pistas municipais e outra máis 40.000 euros para acondicionar espazos públicos. O Concello de San Cibrán das Viñas, pola súa banda, recibe case 48.000 euros para mellorar a sinalización en núcleos de poboación.
Colaboración con outras entidades e iniciativas de autoemprego
No capítulo de cooperación con outras entidades, a Xunta de Goberno acordou achegar máis de 33.000 euros a Diócese de Astorga para pavimentar o terreo circundante á igrexa de Vilamarín de Valdeorras, e 53.000 euros á Escudería Ourense para a próxima edición do Rallye de Ourense.
No referido a iniciativas empresariais e de autoemprego no rural, no marco do programa EmprendOU, concedéronse tres subvencións por unha contía total de 19.800 euros para a posta en marcha doutros tres proxectos relacionados co comercio e o ensino a desenvolver nos municipios de Boborás e Maceda.