Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Por Felipe-Senén

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Coñecer para querer e defender o legado cultural que nos identifica, atractivo recurso turístico pois. Razoamento que nos leva a documentar sitios, estruturas, artefactos, lendas, tradicións, que ofrecemos á Historia. E velaí as pescudas dos investigadores locais sobre os que se erixe a universalidade, os que non faltan nas terras do Carballiño. Así, relevantes e necesarios nestas son os aportes e iniciativas interactivas de Xosé Luis Sobrado Pérez, entre outros, sempre abrindo portas a máis amplos horizontes. Pois a espiral da Historia, aínda tendo principio non ten fin e sempre haberá algo que descubrir ou emendar. Entre esas páxinas un libro necesario para estas terras que abren aos ribeiros, os que tanto significan na historia, economía e cultura, é o titulado “As históricas arquitecturas do Viño” (2020)”, onde ademais do devandito Sobrado colaboran Álvarez González, Lamas Bértolo, Reboredo Prado e Cesar LLana, este director do Museo Etnoloxico de Ribadavia. Documentación que nos mete no universo da vitivinicultura, comezando pola  significación relixiosa, continuando pola expansión do viño nos ribeiros do medievo, polo análise das estruturas en relación coa produción do viño, como as granxas, as adegas cos seus lagares e bocois, entre as que son sobranceiras as de Gomariz, a de Partovia, as da poderosa Cabanelas, a reitoral de Santo Adré de Camporredondo, dende 0 2019 necesario Museo do viño, entre outras e máis que se irán documentando. Pasos previos para que os poderes públicos, comezando polos municipais, tomen nota a fin de abrir políticas de cara a rehabilitación e revitalización de tan singulares e atractivos espazos, escaparate e posta en valor dunha produción histórica. Modelos haber hainos no mundo e sempre cavilo nesa Provenza ou na Borgoña , nas ribeiras do Douro e mesmo na Rioxa onde radican tantas historias da mesma Galiza, en relación coa cristiandade que consagra  e ergue e comparte o viño en cáliz, “produto da Terra e do Traballo humano…”

Arquitecturas históricas do viño

Un deses emblemáticos lugares, paraíso da espeleoloxía como da arqueoloxía ou da etnografía – chantado na espesura e na máis expresiva natureza, entre xigantescos penedos e loureiros, ocultando o fluír rápido do río Varón, asomando nas abas desa bocarribeira que descende en socalcos de Sagr á Banga –  é o tan misterioso como atractivo sitio das Adegas. Topónimo plural ben indicativo: apoteca: bodega: adega… como edificio ou subterráneo, cova pro almacenaxe do viño. Estruturas complementarias en relación coa produción do viño, cos lagares, coas prensas e cos bocois… e toda esa infraestrutura tan valiosa para a arqueoloxía e a etnoloxía.

O lugar das Adegas estivo, na metade do século XX , moi  asociado aos rituais de pasaxe e iniciación dos nenos e mozos que fomos e que significaba: saír dos lindeiros da vila, seguir o regueiro do Varón, nacido nos ermos de Corzos, pasar o lugar do Penedo, tripar carreiros, baixar polas vellas congostras, entre pardiñeiros que se non foron granxas de sona foron espazos labregos, até chegar a ese cataclismo, amoreamento de penedas xigantes, de estrañas formas, luídas pola erosión da chuvia e do vento, entre loureiros, algunhas cubertas con manto de musgos ou capa de edras… Penedas sobre as que desafiabamos os nosos medos, subindo, baixando, meténdose na fondura e na escuridade das covas, baixo as que se escoitaba o ruxir do río, entre o atoutiñar dos morcegos que se desprendían das piñas que formaban nos teitos… xogándonos o tipo. Adolescentes movidos pola atracción do sitio como polas lendas que escoitabamos de mouros e mouras do lugar, as noticias de fuxidos e maquis escondidos en tempos de guerra… Espazos nos que naceron as miñas ansias de arqueólogo: o misterio dunha meta de muiño no interior dunha cova, maior en perímetro que a mesma entrada e a pregunta de cal sería a súa orixe….os anacos das cerámicas medievais atopadas entre as fendas,  de feitura basta, con cordados ou os zig-zag decorativos.

Aquela especie de camiño iniciático das Adegas comezaba na ponte do Carrás, cara Señorín, continuando ribeirando ese regueiro que vai collendo forza e nome por onde nace e pasa: Corzos, Mato, Carrás, Penedo e finalizar sendo o Varón. Augas daquela aínda transparentes, nas que se vían o bulir troitiñas e onde polo verán, baixo a frescura dos ameneiros, podíase atopar, pescando, ao Pingueira. Augas atravesadas por algunha pontella de poldras, deixando á dereita, non lonxe, a mítica Fontiña Ferrada, encrucillada de camiños antigos que levan ao igrexario de Mesego… e deixando na esquerda os lameiros, as vacas e os cabalos dos Pilán do Torrón: lameiros que dende abril do 2020 acollen as cinzas do Xoán Pilán, Xoán Francisco  Muñoz Pérez, sempre co seu sorriso e a súa xenerosidade postas, facendo honra a unha casa nacida cos saberes do camiño, as tradicións mesoneiras. Sempre se sumaran aos camiños novas historias.

Adegas 1 (Debuxo Felipe Senén)

Acompañados de cavilares así entramos no Penedo, lugar asentado baixo un castro, quizais tamén torreón, xa comido por antigas canteiras… Camiños que, cara ás Adegas se fan rueiros ou congostras, onde seguirá un vello peto de ánimas, representando a cruz e entre o sol e a lúa, como o día-noite, a vida-morte…esa nosa dialéctica. Lembro as moitas e agradables fontes, os pozos denotados entre os lameiros, daquela aínda ben traballados, por unha longa gaia de pau sobre a que apoiaba un gran barrote basculante,  nun extremo cunha pedra de peso e na outra a corda co caldeiro…sistema antigo, romano, que xa non queda. O camiño escolle a súa traza pola parte fácil, polas abas dos montes que baixan de Trigás, de Sagra e do Castelo… apartase do río que fura polo máis fondo. Pasamos entre pardiñeiros, os lagares de Casanova e do Covelo e sabemos que moitos coveleiros abandonaron aquel lugar pra irse ao Carballiño. Pardiñeiros entre os que, por abril, florece o sabugueiro das meigas, cando algo despois as vides e a figueira espallan a súa esfarna… delicias que incitan ao cuco que non faltar á cita anual. O enigmático lugar das Grobas, en alusión aos restos de explotación mineira, Refoxo, Sona,  Escorias, Cimadevila, Campo, Serandín, Bifos…. Perda que non souberamos recoller a microtoponimia que tanto aporta.  Despois dunha empinada costa  que baixa cara o que foi unha granxa ben murada, con gran pía de pedra na porta, parte dun lagar, desembocamos nesa proa verde que apunta cara os socalcos e os penedos:  As Adegas. Elfe, Lodeiras, Fonteantiga…son nomes de lugares que temos escoitado, arriba está a Banga dos Quiroga, o “Balcón do Ribeiro” que tanto inspiraron á señora condesa Pardo Bazán. Ela mesmo fala de lugares encantados, entre grandes penedas baixo os que se esconde e asoma o río…. Bolos de pedra gra, formacións enxebres nos ribeiros, no tramo final do Arenteiro, no Viñao, nas Areas de Cenlle e xa non digamos nesas sete cristas sobre as que culmina a Pena Corneira…Cordais formados na Era Terciaria, isto é fai máis de 65 millóns de anos, pola arenización dos granitos, entre fendas e fallas que os cuartean. Proceso acelerado despois polos fríos de Cuaternario cos conseguintes derrubes… espazos sobre os que logo iran medrando a vexetación  e as  interferencias humanos.

O camiño e a paisaxe das Adegas, entre os ritos de pasaxe para os mozos carballiñeses

Dende fins dos anos cincuenta visitei con frecuencia as Adegas, sitio do que souben por Xoan Pérez Soto, o fillo do Xoquín, o garda municipal do Carballiño e da Beatriz que procedía daqueles lugares, onde daquela habitaban os seus maiores. Casona das Adegas que lembro ben: as súas cerdeiras, os pardiñeiros entre os socalcos, cuartos de silencio e tradición onde pasei algunha noite. Casa que respondería a unha desas granxas de orixe medieval, polas que rivalizaban abades de mosteiros e señores: os cistercienses de Oseira, a Encomenda de Beade, os condes de Ribadavia…mesmo por aquí presumían de ter prioiro – pra fornecelos non so de viño, senón tamén de produtos da matanza – outros lonxanos mosteiros como o celebre de Toxososutos (Lousame- Noia) donos de Gomaríz. Restos do feudalismo do que dan boa conta os traballos de Eduardo Pardo de Guevara sobre os Sarmiento de Ribadavia, como os de Olga Gallego, os de Otero Pedrayo sobre Beade ou os fundamentais de Samuel Eiján e Ruben Garcia Álvarez, entre outros.

A granxa de as Adegas poido pertencer a Oseira: construción complexa, xa daquela con partes abandonadas, de grandes tellas e teitos de madeira caídos…onde ao seu carón non faltaba unha eira e un hórreo da tipoloxía da bisbarra, de estrutura de pedra, barrotes e complementos de madeira, pintado de marrón. Casa á que, co tempo, se foron engadindo anexos:  pendello nunha esquina de entrada, a lareira ennegrecida, divisións interiores de taboas, onde non faltaba o escano e a artesa; solaina aberta ao solpor…abaixo, escavadas no desnivel do chan a frescura das bodegas coas ferramentas do traballo, ben organizadas: adivais, sachos, fouciñas, culeiros, molidas… Nunha das limeiras da entrada a un edificio anexo, antigo, campa a inscrición, a modo de esconxuro, “Ave Maria Purisima…” Lembro pendurados en restreis sobre o lume da lareira, a afumar, o touciño, os lacóns, as restras de chourizos, os paquetes de unto. E nas noites as voltas naqueles xergóns feitos de cosco de millo… o ritmo dun sonoro reloxo de corda que lle poñía ritmo ao canto agoirento da curuxa e lonxe chegaba o ouveo dun can. Abrindo ao verán subirse as cerdeiras e debullar nas cereixas,  triscar naquelas pavías ribeiráns, microcosmos de veludo encarnado… no outono os figos doces, no inverno as mazás vermellas

Paseos nos que furabamos entre as xestas, os toxos e o abandono, nos que explorabamos os pardiñeiros, as súas estruturas, algunhas con xanelas rematadas por un arquiño conopial, no interior, a unha e outra banda os parladoiros, os buracos das  bufardas. Construcións que, aínda esmorecidas, amosan a riqueza dos ribeiros no pasado.

Un sedutor xeito de odisea entre misterios arqueolóxicos e xeolóxicos. Entre esas penedas sobrancea unha, cúbica, xigante, que na súa parede ten labrados uns lixeiros chanzos pra subir agarrándose coas mans. Arriscado desafío, temeridade aínda pros mozos. Dende arriba o regalo dunha vista panorámica dese ribeiro ao que abre o Varón, con Gamariz e o Avia ao fondo. Penedas que sobre o chan ofrecen esas formacións oculares, pías ou pisciniñas feitas pola erosión das augas e que os vellos dicían ser obra dos mouros para os seus sacrificios… e non sería estraño o aproveitamento coñecendo os cultos a Serapis. Os míticos mouros e as mouras do imaxinario popular estaban moi presentes nestas paraxes, dicíase que que vivían naquelas covas e que polo San Xoán, elas asomaban a peitearse con peite de ouro. Agora asocio os mouros coa memoria, os que memoran, os que nos dan consellos e nos botan “municións” sobre o pasado.

Entre a espesura de ameneiros, carballos e loureiros, agatuñabamos polos penedos, furabamos entre estreitas gorxa e sobre todo entrando no labirinto desas covas, polas que se sube e se baixa, se retorce na escuridade absoluta, con velas e improvisados e fedorentos fachóns feitos con rodas de bicicleta ardendo… con candís de carburo. O bruído do río no fondo, os morcegos …e unha estraña roda de muiño no máis profundo e interior…¿a que respondería? Que as penedas caeron sobre a construción…?. Un dos lugares preferidos, deixado atrás o amoreamento de penedos é onde reaparece o río e faino cantando e caendo en cola de fervenza, pra formar un laguiño circular entre pozas de pedra e limo que convida ao baño.

O lugar das Adegas tiña o seu día e o seu ritual: era o venres de Dores e a véspera do Domingo de Ramos, cando os mozos alá ían a competir a quen cortar os mellores e máis floridos loureiros. O retorno ao anoitecer cos arboriños ao lombo, arrastrando…O recordado Patolo e os irmáns Alberte de Flores eran os números un nesas e noutras moitas habilidades artesáns.

Volvín varias veces ás Adegas, mesmo con grupos dende a Coruña… furei por derradeira vez por aquelas covas pra atopalas vandalizadas, esborranchadas con graffitis nas súas húmidas penedas. Iso si, e aínda os morcegos, o ruxir do río… agora cun fedor a cloaca… e a escuridade.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño