O Partido Popular critica que Ribadavia quede fora da oferta de adquisición de inmobles do programa Rexurbe por primeira vez dende 2019

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia denuncia que a inoperancia do goberno municipal ven de provocar que Ribadavia quede fora da oferta de adquisición de inmobles do programa REXURBE por primeira vez dende 2019. Esta situación ven provocada polo feito de que o goberno de Ribadavia non fose quen, en mais de un ano, de presentar o Plan de Dinamización da Área Rexurbe de Ribadavia e que, ademais, malvendese algúns dos inmobles de titularidade municipal existentes no casco histórico de Ribadavia, todo isto a pesar das advertencias de que debían mudar os seus plans ao respecto destes inmobles, advertencias que reiteramos en numerosas ocasións dende o Partido Popular de Ribadavia, e que o propio Instituto Galego da Vivenda e Solo lle trasmitiu aos responsables municipais nunha xuntanza mantida en maio de 2021.

A declaración de área Rexurbe conlevou un importante traballo por parte dos servizos municipais na elaboración dunha memoria que trazase a realidade urbanística e socioeconómica do entorno para, posteriormente a través da elaboración dun plan de dinamización, se definisen as liñas estratéxicas coas que traballar para definir o futuro do Casco Histórico de Ribadavia. Nesa memoria presentada para declaración da área Rexurbe no ano 2020, o Concello de Ribadavia comprometíase a contribuír ao financiamento das actuacións a levar a cabo poñendo a disposición da Xunta de Galicia os inmobles de titularidade municipal coa finalidade da súa rehabilitación para os usos que se definisen no Plan de Dinamización da Área Rexurbe.

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha vez que o goberno municipal decidiu malvender estes inmobles, expoliando o patrimonio municipal, está a incumprir os compromisos adquiridos na memoria presentada para a declaración da área Rexurbe e que

foi aprobada pola Xunta de Galicia, o que é o mesmo que dicir que está botando pola borda todo o traballo feito ata febreiro de 2021 e comprometendo seriamente o futuro da área Rexurbe do Concello de Ribadavia. Esto queda claro co feito de que neste ano 2022 a convocatoria de oferta de adquisición de inmobles do programa Rexurbe xa non inclúe a Ribadavia.

O DOG do pasado 8 de abril de 2022 publicaba a resolución para adquisición de vivendas en cascos históricos dentro do programa Rexurbe e desta volta a oferta restrinxíase aos concellos da Coruña, Ferrol, Ourense, Ribadeo e Tui, quedando fora Ribadavia por primeira vez dende o ano 2019 e todo pola irresponsabilidade do goberno municipal. Cómpre sinalar que dentro do programa Rexurbe de adquisición de inmobles nos cascos históricos, o IGVS adquiriu xa un inmoble na rúa cervantes na convocatoria do ano 2019 e dous inmobles (na praza de san xoan e na praza de García Boente) na convocatoria de 2020, estando pendente o resultado definitivo da adquisición de inmobles da convocatoria de 2021.

Dende o Partido Popular de Ribadavia Non entendemos que o goberno municipal, en lugar de continuar coa liña trazada na memoria de declaración da área Rexurbe, optase por desmarcarse unilateralmente dos compromisos adquiridos, coñecendo ademais a disconformidade da administración autonómica con esta decisión. Non é comprensible que mentres outros concellos de Galicia, de diferentes signos políticos, apostaron por continuar traballando na liña marcada pola figura de “Área Rexurbe” dada a súa utilidade para a recuperación integral dos cascos históricos, o concello de Ribadavia, que estaba a ser dos pioneiros na utilización desta figura grazas ao traballo do anterior goberno, decidise desmarcarse unilateralmente deste proxecto malvendendo o patrimonio municipal que estaba comprometido para contribuír ao desenvolvemento desta área.

Dende o Partido Popular de Ribadavia consideramos que o goberno municipal, máis preocupado polas súas liortas internas que por gobernar, está a causar un enorme perxuízo ao concello e á veciñanza de Ribadavia que ten que asistir atónita ao feito de que un goberno totalmente roto siga impoñendo os seus caprichos á cidadanía e esquecendo que a súa labor debería consistir en gobernar e servir ao pobo, non en facerse fotos e vender fume.