- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as solicitudes de axudas dirixidas a entidades locais para emendar e corrixir os impactos paisaxísticos que causan na contorna edificios e equipamentos públicos municipais
- No conxunto de Galicia concedéronse subvencións a un total de 42 concellos polo importe máximo da convocatoria deste ano, 800.000 euros
- Gabriel Alén felicita aos 15 municipios que resultaron beneficiarios no conxunto da provincia de Ourense por levar a cabo este tipo de intervencións, que contribúen á mellora do aspecto dos inmobles da súa titularidade
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ata o concello de Lobeira para anunciarlle ao seu alcalde, Antonio Iglesias, que este municipio é un dos beneficiarios da última convocatoria da orde de axudas dirixida ás entidades locais para emendar e corrixir impactos paisaxísticos na contorna. En concreto, o concello ourensán recibirá unha achega de 16.193 euros para a mellora do edificio de Protección Civil, no que se prevén arranxos na fachada e na cuberta.
O delegado territorial explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver a convocatoria de 2022 da orde de axudas para corrixir impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos públicos municipais, unha medida impulsada pola Xunta no marco da súa aposta polo fermosismo.
Compre lembrar que esta orde de axudas -convocada en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito se ampliou ata os 800.000 euros a semana pasada- recolle dúas liñas de actuacións subvencionables: a Liña 1 para intervencións coas que emendar o impacto negativo que poden causar sobre a contorna tanto edificios e dependencias que acollen servizos municipais; e a Liña 2 pensada para mellorar outros equipamentos públicos ou elementos etnográficos -como fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros- propiedade dos concellos.
Con esta nova orde de subvencións, tal e como subliñou Gabriel Alén, A Xunta busca o esforzo e a implicación de todos para incrementar o valor patrimonial dos inmobles e da paisaxe de Galicia. Nese sentido, felicitou aos 15 concellos da provincia de Ourense que resultaron beneficiarios no marco desta última convocatoria por promover e levar a cabo un tipo de intervencións que contribúen a mellorar o aspecto de edificios e instalacións da súa titularidade.
As actuacións subvencionables, que poderán acadar o 70% do custo estimado, deberán adaptarse ou ben aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia, ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.
No conxunto de Galicia, a Xunta concedeu unha axuda -ou ata dúas nalgún caso- a 42 concellos galegos, por un importe global de 800.000 euros, o 100% do crédito consignado a esta orde de incentivos. De feito, a semana pasada a Consellería publicaba a Resolución pola que se ampliaba en 200.000 euros o orzamento da convocatoria inicial (600.000 euros ), que foi publicada en xaneiro.
Convocatoria de 2021, a primeira
Cómpre lembrar que o ano pasado a primeira convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, tanto para particulares como para concellos, saldouse con máis de medio milleiro beneficiarios que recibiron subvencións por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir en 222 municipios galegos.
En vista do éxito da primeira convocatoria, a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística.
Concellos beneficiarios da provincia de Ourense
CONCELLO | TOTAL AXUDA |
Castrelo do Val | 14.424,79€ |
A Mezquita | 11.557,80€ |
A Veiga | 37.781,82€ |
Arnoia | 7.475,37€ |
Bande | 5.182,41€ |
Boborás | 10.492,55€ |
Cartelle | 39.994,95€ |
Lobeira | 16.193,60€ |
Lobios | 20.000,00€ |
Muíños | 18.946,72€ |
Parada de Sil | 6.013,47€ |
San Xoan de Río | 30.144,33€ |
Verea | 14.000,00€ |
Vilariño de Conso | 40.000,00€ |
Pereiro de Aguiar | 25.763,85€ |