O BNG suma o apoio de Iniciativa por Xunqueira “co obxectivo de acadarmos para o BNG a alcaldía no ano 2023”

A Asemblea Local terá como responsábeis a Sonia Vidal e Vanessa Díaz

“Damos este paso con toda a ilusión, para avanzar e sumar co BNG por un futuro mellor para Xunquera de Ambía e para Galiza” sinalaron Vidal e Díaz

AVANTAR ACTIVIDADES

O Bloque Nacionalista Galego e Iniciativa por Xunqueira sumarán forzas no concello de Xunqueira de Ambía nunha candidatura do BNG de cara ás vindeiras Eleccións municipais do ano 2023.

Así o fixeron público desde BNG e Iniciativa por Xunqueira, sinalando que “esta incorporación supón un aporte moi importante ao BNG e un paso adiante para seguir traballando polo futuro de Xunqueira de Ambía, coa vista posta en acadarmos para o BNG a alcaldía no ano 2023” explicaron.

Produto desta suma, o pasado venres, 6 de maio, constituíase a Asemblea Local do BNG nesta localidade, que terá como responsábeis locais de maneira compartida a Sonia Vidal Lamas, actual concelleira de Iniciativa por Xunqueira, e a Vanessa Díaz Meno.

Tanto Vidal como Díaz coincidiron en sinalar que “hoxe damos este importante paso con toda a ilusión, para avanzar e sumar co BNG por un futuro mellor para Xunquera de Ambía e para Galiza”, concluíron.