A romaría etnográfica Raigame regresa a Vilanova dos Infantes no Día das Letras Galegas cunha homenaxe á figura do medico rural

-11.00 horas: Presentación da romaría Raigame.- O deputado provincial da Deputación, Pablo Pérez Pérez, participa na presentación da romaría etnográfica Raigame, que se celebrará o 17 de maio en Vilanova dos Infantes, Celanova, acompañado de Antonio Puga Rodríguez (Alcalde de Celanova), Xavier Álvarez Campos (Organizador da Romaría) e Leando Sánchez Bobillo (escultor). Lugar: Sala de prensa da Deputación de Ourense.

A XIX edición da romaría foi presentada esta mañá na Deputación de Ourense, institución organizadora xunto co Concello de Celanova 

Na presentación do programa de actividades da romaría, o deputado de Cooperación, Pablo Pérez sinalou que esta cita etnográfica “é un dos piares fundamentais para celebrar a festa das letras galegas, e con ela a cultura de Galicia, unha das liñas estratéxicas da acción do noso goberno”

AVANTAR ACTIVIDADES

O alcalde de Celanova, Antonio Puga, destacou a boa sintonía entre as institucións local e provincial para facer posible esta romaría e o labor conxunto dos traballadores de ambas entidades

A vila acollerá, ademais dos tradicionais postos artesanais, actividades de gastronomía, música, baile e teatro de rúa que permitirán viaxar a comezos do século XX

O premio Adolfo Enríquez deste ano será outorgado, a título póstumo, a José Gómez Vázquez, que fora médico da vila e activista cultural

A romaría etnográfica Raigame regresa presencialmente a Vilanova dos Infantes o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, con todas as súas habituais actividades lúdicas e culturais dedicando a súa XIX edición á figura do médico rural, coa entrega a título póstumo do premio “Adolfo Enriquez” a José Gómez Vázquez, que fora médico de Vilanova e presidente da banda de música da localidade. O programa da romaría foi presentado esta mañá no Pazo Provincial coa presencia do deputado de Cooperación, Pablo Pérez; o alcalde de Celanova, Antonio Puga e Xavier Álvarez, membro do Centro de Cultura Popular (CCP) Xaquín Lorenzo e secretario da revista “Raigame”. 

Pablo Pérez mostrou o seu orgullo polo regreso presencial dunha romaría declarada Festa de Interese Turístico de Galicia  “que converte a Vilanova na capital da cultura galega, poñendo en valor os nosos oficios tradicionais e a propia vila”. Agradeceu ademais o traballo de todas as persoas implicadas na preparación do evento, organizado pola Deputación de Ourense -“co imprescindible e excelente traballo do CCP Xaquín Lorenzo”- e o Concello de Celanova, que permitirá a Vilanova “lucir as súas mellores galas”. Para a institución provincial, sinalou, esta cita etnográfica “é un dos piares fundamentais para celebrar a festa das letras galegas, e con ela a cultura de Galicia, unha das liñas estratéxicas da acción do noso goberno”.

Antonio Puga, destacou a boa sintonía entre as institucións local e provincial para facer posible esta romaría e o labor conxunto dos traballadores de ambas entidades. Para o rexedor municipal “é un orgullo poder celebrar o meu primeiro Raigame, xa que durante este mandato non tiven ocasión de desfrutalo como alcalde debido á situación sanitaria”.

Dende o ano 2002 que comezou esta “maneira diferente de celebrar a galeguidade e as tradicións”, pasaron moitas persoas por Vilanova e outras moitas participaron na súa organización, lembrou, pola súa banda Xavier Álvarez. 

Durante a presentación tamén se deu a coñecer o premio honorífico “Adolfo Enríquez”, en memoria do párroco de Vilanova, que na edición de 2022 será entregado aos descendentes de José Gómez Vázquez, antigo médico da vila e no que se personifica o traballo que o longo da historia vén realizando no rural os profesionais sanitarios. O galardón, que inclúe unha escultura da torre de homenaxe da vila realizada polo artista Leandro Sánchez -presente na presentación da romaría-, recoñece tamén a colaboración activa que dende a primeira edición veñen demostrando os familiares do médico na organización da romaría.

Unha viaxe a comezos do século XX

Dende as 11,00 ata as 19.00 horas, Vilanova acollerá, ademais dos tradicionais postos artesanais, actividades de gastronomía, música, baile e teatro de rúa que permitirán viaxar a comezos do século XX, mostrando ademais os oficios da época e mesmo recreando a sociedade do momento a través da vestimenta.

Oficios como teares, fotógrafos, xoieiros, vidreiros, talleres de música tradicional, carpinteiros e zapateiros entre moitos outros, ambientarán as rúas da vila na que se darán tamén cita grupos de música, baile e teatro procedentes de diferentes lugares como Vedra, Monforte e León, ademais de agrupacións ourensás.

Deste modo as rúas de Vilanova volverán encherse de artesáns de oficios tradicionais e cultura popular, situando a esta vila celanovesa como punto de encontro da etnografía galega dous anos despois da última edición.