Moción do Bng para a celebración oficial do día das letras galegas en San Cristovo de Cea

IES CHAMOSO LAMAS

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en San Cristovo de Cea, presenta ó pleno da Corporación a seguinte MOCIÓN para o seu debate en pleno:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

HIPER MASIDE

Antes da pandemia o BNG de Cea presentara sucesivas mocións para que este concello organizara actividades de apoio e difusión da lingua galega, na liña de outras institucións que se involucran nun tema tanta relevancia como é a lingua. En ningún caso o concello amosou o mínimo interese por este tema

A propagación da Covid’19 e as posteriores medidas para o illamento da poboación facilitaron o incremento do ostracismo na actividade municipal, servindo de desculpa para seguir sen facer nada neste tema. Esta actitude contrasta co interese que pon o concello noutras actividades de carácter folclórico, festivo, lúdico, relixioso ou gastronómico.

Os datos que barallan os medios de comunicación ou organismos como a RAG (Real Academia Galega) ou o CCG (Consello da Cultura Galega) poñen de manifesto  que o proceso seguido ata agora para a normalización da lingua é insuficiente para garantir e promover o uso galego no día a día, en particular entre a xuventude.

O propio Decreto do plurilingüismo, que prohibe impartir certas materias no idioma propio do país, fúrtalle á mocidade a posibilidade de adquirir e mellorar os coñecementos en galego. O plan de “dinamización da lingua galega no mocidade” non pasa de ser unha cortina de fume, mentres a realidade pon de manifesto a desgaleguización, sobre todo entre os máis novos.

Cea non é allea a esta dinámica. O desinterese posto de manifesto polo grupo de goberno fronte a calquera mostra de alento en favor das políticas galeguizadoras trae como resultado a desvalorización do propio, o desinterese pola lingua e o continuísmo nesa dinámica reducionista a que parece que xa nos estamos acostumando.

Un ano máis, e a pesares de dispor o concello de redes sociais ou da propia web que o grupo de goberno municipal manexa ao seu capricho cando lle interesa, neste caso non se fai ningunha alusión ás letras galegas, nin tan sequera un comentario ou algunha referencia sobre á celebración de tan significada  data.

Este ano 2022, a figura homenaxeada é outro ourensán, nado no Barco de Valdeorras, e destacado galeguista: D. Florencio Delgado Gurriarán. Persoeiro que tras a guerra civil tivo que fuxir para o exilio en México, onde desenvolveu unha incesante actividade no entorno galeguista, con múltiples publicacións. A súa traxectoria, ata agora escasamente difundida, atopa estes días un certo eco nos medios de difusión e goza da colaboración de múltiples institucións galegas, entre as que non se atopa o concello de Cea.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en San Cristovo de Cea propón que o pleno da  corporación municipal adopte os seguintes

ACORDOS

  1. Instar ó Concello de Cea a que organice con anticipación suficiente, difunda e  desenvolva un mínimo de actividades para unha celebración digna do día das letras galegas de cada ano.
  2. Instar ao Concello de Cea a que nos orzamentos ordinarios se contemple unha partida anual para este tipo de actividades, orientadas a difundir a nosa historia e na nosa cultura, que permita organizar actividades como conferencias, charlas, debates, presentacións, publicacións, etc.

Apoiar as mobilizacións en defensa da lingua convocadas cada 17 de maio, con motivo da celebración do Día das Letras galegas