A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York”

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Aproveitando a celebración do día das Letras Galegas quero reivindicar e dar a coñecer, con especial cariño, a publicación dun poemario en galego cuxo autor é catalán de berce, de sentimento e de oficio. O libro leva por título Retablo de Nova York. O seu autor non é para min un catalán calquera; é un vello amigo, compañeiro de curso e de carreira na Universidade de Barcelona. Pasaron décadas sen comunicarnos e sen saber un do outro ata que no pasado mes de outubro o omnisciente e chismoso (xafardeig, en catalán) Google fixo o milagre de conectarnos. Estoume a referir a Valentí Gómez-Oliver. Era un compañeiro excelente e unha garantía como amigo, que compaxinaba de forma harmónica os estudos de filosofia co baloncesto, deporte no que despuntou como xogador no Hispano Francés e logo en liga de primeira no Hospitalet CB.

  Valentí e Avelino
Valentí encestando no Hospitalet CB contra Helios de Zaragoza

Rematada a licenciatura de Filosofía na universidade barcelonesa trasladouse a Roma para estudar cine, con Roberto Rosellini, no Centro Sperimentale di Cinematografía, onde obtivo o titulo de diplomado. Posteriormente traballou como Lector de español nas universidades de Roma (La Sapienza), Pescara e Catania. Máis tarde, durante trinta anos, exerceu de profesor de Lingua e Letteratura Spagnola na Universidade de Roma. Desde o ano 2006 é Cavalieri OMRI (Ordine al Merito della Repubblica Italiana).

            Unha ampla lista de publicacións, de variado xénero literario -novelas, poesía, cine, ensaios…- culminan e coroan tan extraordinario curriculum. Seguramente lle falte ao mesmo ser socio do Instituto de Estudios Carballiñeses para ser un CV insuperable. Pero todo se andará para logralo…

Valentí Gómez-Oliver

                                Retablo de Nova York

                                                                    Portada do libro

A primeira edición bilingüe deste libro aparece no ano 2021, na editorial Medulia. É unha obra incuestionablemente orixinal sobre a cidade de Nova Iorq, artellada por nove poemas que van escoltados por deseños do propio autor escrupulosamente cavilados. Nela o poeta confesa as súas vivencias enmarcadas na cidade neoiorquina, ubicadas nun terreo lindeiro entre a narración e a descrición. O relato literario deste poemario sobre a cidade estadounidense de Nova York leva o nome de “retablo”, co significado cervantino do Retablo de Maese Pérez, incluído no Quijote, e do Retablo de las maravillas. Nese contexto, o retablo representa un escenario onde transcorre a acción completa deses nove poemas. É máis que probable que a formación cinéfila do autor teña moito que ver na elección deste xénero literario.

            As primeiras lecturas do Retablo trasladáronme ao Poeta en Nueva York de García Lorca, outro vate seducido pola lingua de Rosalía, autor de Seis poemas galegos. Detéctanse facilmente en ambas obras concomitancias de lugares comúns e de problemas sociais insolubles, daquela e agora, se ben o enfoque e o estilo de interpretalos e vivilos resultan abofé diferentes. O autor do Retablo revélase amable, encantador e ilusionado nos seus relatos, en evidente contraposición ao poeta andaluz que estaba inmerso nunha situación de perpetua crise persoal, con grandes depresións, e por centrar o punto de mira nas minorías étnicas norteamericanas, no lado escuro da cidade e, sobre todo, na amargura de comprobar a deshumanización da sociedade estadounidense mergullada na frialdade do seu materialismo. Poeta en Nueva York é unha obra de denuncia contra a inxustiza e a discriminación, contra a deshumanización da sociedade e contra a alienación do ser humano, reivindicando como terapia a xustiza, a liberdade e o amor. 

En cambio no Retablo de Nova York atopamos unha Nova Iorq axexada por un catalán formado en filosofia, tinguido de cultura italiana, asiduo turista aos EEUU e cuns recursos cinéfilos extraordinarios. Valentí contempla, xa que logo, a Nova Iorq a través da cámara mental innata que foi actualizando cos dispositivos intelectuais adquiridos nos cinco anos da Universidade de Barcelona e nos corenta de estancia en Italia. Esa dependencia nótase nos enfoques cos que describe e vive cada situación. E con todo ese talento servido, o lector queda atrapado e encandeado na súa lectura, que resulta interesante, fresca e desenfadada.    

            Con todo, si existen similitudes entre a obra de García Lorca e a de Valentí. Unha delas é a proposta da oposición entre Natureza e civilización, que ambos poetas enfrontan de forma dialéctica para denunciar a deshumanización da sociedade ou para criticar determinadas condutas dos neoiorquinos. “Non vou comentar, aínda que non deixen de bailar pola niña cabeza, o disparate, os crimes e o espolio que, por outra banda, a propia clase dominante comete contra un dos seus legados máis importantes e necesarios para a humanidade: a Terra…” (I Like your Shirt). Tamén pare reivindicar a ética “do respecto pola natureza de ambiente dunha harmonía humana” (poema IX). Ou mesmo as visitas e a descrición dos barrios de Harlem, de Chelsea e de Bronx, do distrito de Manhattam, da rúa de Broadway…no que coinciden ambos poetas.

A descrición da cidade

Valentí vai describindo de maneira maxistral e con gran delicadeza a cidade de Nova Iorq. Como calquera turista que pasea polas rúas, prazas e barrios de Nova York, observa persoas que pasean, nenos que xogan nos xardíns, criminais que venden drogas e matan, ouveos das bestas desfalecidas, mulleres nas fiestras asomándose á rúa, parrulos que salpican nas lagoas… Pero non se queda só co que percibe sensorialmente, coa descrición sensorial e perspectivizada da cidade, co presente, co empírico, senón que vai lendo o pasado que se atopa agochado trala visión do presente: “se… atopas co descoñecido, pouco a pouco, sen présas, atoparás o mítico antigo hotel agora en mal estado onde se aloxaron artistas famosos, Leonard Cohen, Dylan Thomas de quen tomou o apelido o cantante Bob…” (Do brazo coa arte). Ben é certo que a sensorialidade e a espacialidade das cousas ocupa un lugar destacado a nivel temático.

            O poeta fiscaliza os desastres provocados por mentes malvadas, como o derribo das Torres xemelgas e a crise financieira de Lehman Brothers e Madoff, denunciando o sufrimento das clases marxinadas por falta de recursos, por xenofobia ou razismo.

            Conforme imos avanzando na lectura, detectamos na descrición dalgúns personaxes que desfilan polo Retablo emotivos beliscos de neorrealismo italiano, herdado seguramente do seu mestre Roberto Rossellini –Roma città aperta.

            Hai poemas autenticamente emotivos e enternecedores, como o poema IV. I like your shirt!, onde relata o seu encontro coa nena Lucinda Leonor. Mesmamente, o poema VII, God Bless you!, no que describe as súas viaxes en metro e como nunha delas creu perder a súa pluma que lle pedira unha muller negra.

O poeta non para de camiñar, pero cando cansa debuxa labirintos de cores, liñas espirais onde engasta versos. Noutro momento, mira ao ceo e contempla nubes verdes douradas, nubes de area, vento dourado…; logo mira cara abaixo e ve area verde, area dourada verde, xélidas augas do peirao, túneles escuros…

                                             Espirais e labirintos con versos engastados

Simboloxía

Son numerosos os textos nos que a simboloxía aparece encarnada no relato. É o caso do pitagorismo reiterativo, incorporado aos números e ás figuras xeométricas. No xa citado poema VII, o número sete preside a reflexión do autor, que se inicia coas sete paradas do metro antes de chegar ao seu destino; continúa cos sete círculos celestes, as sete vacas gordas e sete espigas delgadas dos soños do faraón; segue cos sete sabios de Grecia, os sete vicios capitais, as sete cores, os sete días da semana, as sete notas musicais, para rematar cos sete outeiros da cidade de Roma e as sete parábolas do Reino dos Ceos.

            Ese pitagorismo detéctase asemade na explicación que o autor aporta á orixe do deseño xeométrico das rúas e prazas neoiorquinas, así como na planificación urbanística seguindo o exemplo do  Imperio Romano, cardo e decumano: “…as rúas numeradas son cardo e decumano” (poema VIII). O pitagorismo sérvelle incluso de explicación para xustificar a etimoloxía da letra “s” coa que inicia a palabra “square” (cadrado), a figura máis replicada das prazas de Nova Iorq. Incluso convida ao pitagorismo como testemuña da súa propia vida: 3 fillos, 9 (cadrado de 3) netos, pero agora mesmo xa son 12 (múltiplo de 3)! E ese pitagorismo utilízao quen está envolvido en 3 culturas (catalá, italiana e americana).

            Outro elemento reiterativo no Retablo é a cor. E especialmente a cor verde, esaxeradamente repetiviva no primeiro poema (Horizontes). Cada vez que viaxaba en metro “coloreaba con varias tonalidades” cada parada, que nos primeiros anos foron sete antes de rematar o percorrido ata Union Square.  No poema III, despois de afirmar o “verdor do cemiterio”, pregúntase “de que cor é a terra… de que cor é o ceo?”, para de seguido describir que “os tecidos dos vestidos coloreando de moitas cores ceo e terra!”. No poema IV, gábase da súa camisa favorita “cun patrón de flores grises, vermellas e negras” cando a nena Lucinda lle di que lle gusta a súa camisa (I like your shirt). No poema IX (Harlem, acorda!) escribe que “de súpeto un trombonista negro, branco, vermello ou amarelo toca unha peza”. No poema IX, “as portas ben pintadas coas sete cores do arco da vella”.

            Non se esquece o poeta visitante dos grandes poetas e escritores relacionados coa cidade neoiorquina, en especial co barrio de Harlem: Borges, W. H. Auden, W. Emily Elizabeth Dickinson, Walt Whitman, Edgar Allan Poe, García Lorca… Nin tampouco dos músicos e compositores como Harry Belafonte, Louis Armstrong, Edward K. Ellington, Etheridge Knight…

Estilo e recursos

Valentí Gómez-Oliver é un autentico mestre da metáfora e un magnífico prestidixitador dos contrastes: “torre iluminada por sombras” (poema VIII); “vella novidade”, “onde a verdade e a mentira se confunden” (poema I); “iluminado e sombrío o high line” (poema II); “rúas ou persoas que van parar, morrer ou nacer de novo nela” (poema IV). “día e noite, centos e miles…combate da pobreza e da riqueza”; “obesos fracos” (poema VIII).

Un recurso utilizado polo autor deste poemario consiste na eliminación da puntuación nalgúns dos seus poemas, imitando a escritores como Xosé Saramago ou James Joyce. Saramago prescinde da puntuación porque, ao seu parecer, cando falamos actuamos como se estivésemos facendo música, e tanto a música como a palabra falada fanse con sons e con pausa. E James Joyce practica a mesma técnica no último capítulo do seu Ulises. Este estilo foi un recurso moi utilizado na poesía de comezos do século XX; actualmente utilízase máis na prosa.

                                                       Deseños do autor

Gratitude

Valentí crea coa beleza e a perfección da palabra escrita unha maridaxe harmónica neste poemario entre dúas linguas sempre ben levadas, o que representa un éxito literario incuestionable, mesmo político. Que un catalán dese lustre se sume ao espallamento da cultura galega ben merece telo en conta no día da galeguidade. A miña gratitude a este gran poeta e excelente amigo. Benvingut a Galícia, amic.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.