Formoso sinala que a situación de “indignidade institucional” da cidade de Ourense medirá “os principios ideolóxicos e morais” de Alfonso Rueda e o PP de Galicia.

O líder dos socialistas galegos urxe ao novo presidente da Xunta a sentarse a falar sobre o escenario político nese Concello

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, urxiu hoxe a Alfonso Rueda a dar resposta á solicitude dunha primeira reunión institucional para falar sobre a situación política que se vive no Concello de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tras recordar a petición remitida ao novo presidente da Xunta para “que nos sentáramos a falar este mesmo mércores”, Formoso volveu lamentar a “situación de indignidade política e institucional” que se está a vivir dende hai tres anos nunha das principais cidades de Galicia.

Lograr devolverlle a dignidade a Ourense é, precisamente, “unha primeira tarefa” que debe abordar o novo xefe do executivo galego e que, ademais, “vai medir cal vai ser a forma de facer política de Rueda dende o partido Popular de Galicia”. Deste xeito, sinalou Formoso, “imos ver os principios ideolóxicos e morais cos que opera o PP en Galicia nos vindeiros anos”.

Xa o pasado día 13, tras remitirlle unha carta ao presidente da Xunta solicitando esa xuntanza, Valentín González Formoso lamentou o “espectáculo bochornoso” da capital de Ourense, “cun alcalde que non ten un mínimo de institucionalidade, un mínimo de educación nin representa a unha cidade que é absolutamente digna e querida por tódolos galegos e as galegas”.